A utopía como solución aos problemas de incendios

Featured image of post A utopía como solución aos problemas de incendios

Os incendio en Galicia xa semellan ser unha actividade cultural da nosa tradición. Do mesmo xeito, os montes de pinos e eucaliptos convertéronse no emblema galego para os estranxeiros quen se deleita por “ver as árbores australianas” sen viaxar ao hemisferio sur e ignoran a importancia da fraga atlántica, se cadra pola súa escaseza no noso territorio.

n

Cando os galegos pensamos en solucionar o problema do lume acostumamos a barallar opcións que son, máis ben, parches temporais. A limpeza do monte como unha obriga, por exemplo, que ao supor unha gran carga de traballo obtén pouco cumprimento. E é que non é práctico estar a remendar. O que eu propoño é unha utopía pois seguirmos cos mesmos métodos (métodos que segundo o consenso científico demostraron non ser efectivos) tamén o é. Acábasenos o tempo: A natureza non pode seguir a ser tratada deste xeito.

n

Teño a fortuna de vivir a poucos quilómetros dunha minúscula fraga, a do Santo Estevo do Ermo en Barreiros. Trátase dun deses recunchos que ofrece moito máis do que esixe, como o fai a boa xente. Cando paseo polos seus camiños non deixo de preguntarme, porque non pode Galicia recuperar a paisaxe perdida, e en tanto, as súas xenerosas árbores froiteiras, as variadas e saborosas setas e a fauna salvaxe como coellos e mouchos.

n

Os galegos presumimos de natureza, non obstante, implicámonos en prácticas que a destrúen. Como sería a nosa Galicia se fixeramos un monte para que o desfruten os nosos descendentes aínda que nós non lle sacásemos máis que un pouco de aire limpo?

n

Imaxino un monte húmido, deses que non importa a época do ano, sempre atopas onde enlamarte. Ese tipo de monte ao que o lume lle da preguiza queimar e nos dá máis tempo a reaccionar. Sentada nunha rocha de granito, pecho os ollos e cheiro o arrecendo da terra mollada, esa que é fogar de bechos pero tamén cogomelos. Unha terra rica en nutrientes que nos permite desfrutar de castañas de bo tamaño, de abelás, e de mazás silvestres. Un monte no que se darían as cerdeiras, no que o xabarín se alimentaría reducindo as súas excursións á aldea e por tanto sen esnaquizar os nosos hortos.

n

Claro que é unha utopía, pois que outra sensación ten un cando camiña pola senda que nos leva ao mosteiro de Caaveiro? As fragas do Eume, nun período no que o capitalismo arrasa con todo, son en si un verdadeiro paraíso. Non podo máis que pensar nas novas xeracións e en como terán que facer unha fileira para poder gozar dun pedazo de natureza pois esta ilusión miña na que reverdecemos os nosos montes e retornamos as nosas paisaxes ao chufado bosque atlántico, non é máis que unha utopía. Si, unha realidade que ninguén desexa o suficiente como para tomar a decisión de reforestar con conciencia.

n

Unha tolería desas que temos os novos, que pensamos nese futuro do que non queremos falar porque esa conversa sempre ven acompañada dos inminentes desastres naturais dos que a ciencia nos advirte, ou da escaseza de auga limpa que cada ano se fai máis evidente, ou da imposibilidade de cultivar nun solo desprovisto de nutrientes, e por tanto, infértil. Culparemos aos tempos modernos, a que todo cambia e sempre vai a peor, aínda que antes era moito máis duro, iso non o podemos esquecer. E nunca dubidaremos deste sistema baseado na explotación extrema dos recursos, un sistema que non respecta os límites naturais dos nosos montes e que tampouco trouxo esa prosperidade que tanto nos venderon.

n

Mais eu, non deixo de deleitarme con ese mundo imaxinario no que a pequena fraga do Santo Estevo do Ermo se estende a través de todo o territorio galego. Carrexo un macuto de tea no ombreiro e unha navalla no peto. Observo os limacos e analizo as herbas aromáticas e medicinais que vou atopando. De cando en cando, recollo algún froito, algún regalo da natureza, que se empecina en aliviarme a fame a cambio de non esixirlle demasiado. E pregúntome porque algún día quixemos cambiar todo isto por vivir nun rañaceos de cemento, onde a auga non xurde e as sementes non brotan.

n

Comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *