Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Segue o ruído na noite.


(Publicado o 10/11/2007 na Comarca)
Poñámonos en situación: noite do 31 de outubro ó 1 de novembro, antes dun día festivo comezo dunha ponte para algunha xente. Locais nouturnos abertos. Festa mesmo nalgúns (Samaín en varios, promoción de bebida noutros, etc). O pobo, sen Policía Local.
Non é un caso illado. Ten ocorrido máis veces que nun comezo de día festivo non haxa patrulla de policía local, mesmo co goberno anterior, que prometera tela a diario.
Coido que non son o único que opino que é necesaria unha mellor vixiancia nouturna en Ribadeo. Denuncias diversas tanto ante o concello como na prensa ou de viva voz poñen de manifesto que hai zonas nas que o ruído non deixa durmir, propiciando ademáis cochambre na rúa, malos tratos ó mobiliario urbano, etc.
Todos os implicados sabemos moito sobre o tema. Tanto que en ningún escrito se logra pasar dalgunhas pinceladas que non reflicten máis que unha mínima parte do que sucede. É doado dicir que hai máis xaleo no verán (aínda que na realidade sexa máis frecuente, pero sen ter por que ser máis acusado cando o hai). Algo menos, expresar que moitas veces temos que aguantar o ver como o incumprimento de normas e as trampas por parte dos locais se pasan de longo para atacar só a competencia, o botellón, e é difícil expresalo. Mesmo vemos como hai unha campaña de promoción da movida co gallo da reducción de accidentes (canta xente con carnet e coche usa o noitebús?) e pasa por inconveniente o dicilo. Podemos transmitir por exemplo que non se pode durmir, ou que houbo iste ou aqueloutro vandalismo, pero é difícil transmitir que ó achegarse a noite, debido a anos de ruídos nouturnos, xa se teña un unha sicose de estar escoitando música, ou un medo cando se achega a fin de semana, ou irascibilidade, … Aínda se lle nota a moita xente o medo a falar alto e claro dos seus dereitos conculcados e non sería a primeira ameaza recibida por tentar ter efectivamente eses dereitos. E máis difícil aínda coller todas estas cousas xuntas, e outras, e plasmalas. En Ribadeo é moito máis fácil telas que sufrir de novo.
Señor alcalde, non nolo faiga máis difícil.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *