De novo, alerta vermella (aínda que sexa na mar). De novo, susto xeral. De novo, tormenta forte (máis ben por outros lares, que por aquí foi normal). De novo, o emprego dun tándem de palabras que asusta para facer máis mella na nunha nova: cicloxénese explosiva.
Onte un compañeiro preguntoume: oe, Antonio, que é iso da ‘cicloxénese explosiva’? a resposta non foi pola meteoroloxía, senón pola psicoloxía: un palabro inventado para dar máis medo.
O que é, o que representa, meteorolóxicamente falando, pódese ver na ligazón, por exemplo. Mais, para o que se emprega por estas latitudes é para dar medo. Segundo se informa na referencia e se deduce de xeito inmediato das verbas, cicloxénese explosiva sería a xénese dun ciclón de xeito explosivo. Coido que en ningún caso dos que se leva empregado por estas terras, en ningún, se debera empregar. Ciclón, si (é un fenómeno natural normal; no sentido de ‘ciclón tropical‘, que é no que se soe empregar como fenómeno non tan usual, abondos menos dos anunciados, pero os picos de vento amosan velocidades ciclónicas), pero ciclón e explosivo, non. Co quencemento da Terra, é posible que o impacto dalgúns fenómenos meteorolóxicos aumente, ó dispor a atmosfera de máis enerxía. Pero ise é o futuro que nos espera. A actualidade, de tormentas, aínda que fortes, non merece o abuso do palabro de susto. Por certo, non sei se sería peor aínda o uso de ‘bomba meteorolóxica’, que se usa de xeito equivalente …