Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Curioso


Falei xa aquí varias veces do novo IES de Ribadeo. Pouco a pouco vai comezando o curso, os adultos aínda non tiveron a presentación, e os problemas diversos de todo comezo, agravados polo atropelamento administrativo, maniféstanse nas cousas máis nimias.

Neste punto, parece que a precupación de certa xente pública é a de poñer o nome ó centro. Máis ben, como din, ‘repoñer’.

Para centrar a cuestión, ata agora o nome dos IES era proposto nos consellos Escolares e votado neles. E aínda non hai nin Consello Escolar, pero reclámase á Consellería que lle poña nome (aquí, unha versión suave, suxerindo) nunha especie de exaltación patriótica e histórica (ver o artigo de Pablo Vivín na Comarca). Cabe lembrar que o nome proposto, Dionisio Gamallo Fierros, foi un nome que ostentou o IES nº 1 de Ribadeo só neste século, despois de nacer como ‘Carlos Mª Rodríguez de Valcárcel’ e caer oportunamente en desuso o nome a finais do pasado século tras perto de media centea de anos e antes da lei de memoria histórica, de xeito que cando poucos anos máis tarde foi nomeado como Dionisio Gamallo aínda tiña a inscrición do seu nome oficial ‘anterior’ nunca (que eu saiba) oficialmente retirado.

Con dous antigos claustros en unión, amén doutros problemas e cuestións legais, como acabo de expor, coido que o nome polo menos debera esperar. E logo, xa se decidirá, se se lle da outro nome, a quen ou a que se asigna. Seguro que hai varias propostas.

Unha nota: aínda segue existindo un IES co nome de Carlos Mª Rodríguez de Valcárcel en Madrid.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *