«AQUÍ COMO EN VIENA»
Así se denomina, sen complexos, o concerto de Nadal que
o primeiro director da Banda Sinfónica de Ribadeo instaurou hai uns
anos nesa vila e que ven de celebrarse por primeira vez dende o seu
pasamento. Hernán Naval non foi unha rara avis mais si un grande
músico e, sobre todo, un galego europeu. Nos primeiros días deste euro
que disque nos fai máis europeos lémbrome de quen nos deixou antes de
usar a nova moeda pero deixou moita Europa construída entre nós. Dende a
dirección da Banda e da Escola de Música artellou, con máis entusiasmo
que facilidades, a cerna dunha cultura musical de calidade e, o que é
máis importante, a infraestructura para que teña futuro; deixounos un
feixe de fitos, obras, unha morea de arranxos e discos, o último,
póstumo, recén presentado.
H. Naval foi un paradigama do galego europeu, quizabes
por iso se considerou sempre unha caste de infiltrado que non un
incomprendido, porque a maioría dos que o coñeceron entendérono ben e
déronlle en vida a homenaxe que merecía. A ética social que forneceu o
seu traballo foi a propia da Europa que, sen estar na pompa dos
discursos, medra circunstancialmente entre nós e é socialmente
apreciada. A engolada parafernalia destes días de moeda única contrasta
cunha memoria que vive na obra e nos valores inmorrentes dun músico
europeu e galego. Os máis importante deles a ambición e a ética
profesional.
Unha ambición que pervive nas obras que deixou e que
non se acomoda ao sentido pexorativo que habitualmente se lle atribúe a
esta palabra. Trátase da ambición creadora de construir por riba das
continxencias dos egos, desa que non ten expresión persoal senón
colectiva. Por iso se aprecia precisamente en toda unha xeración educada
por el no coñecemento musical. Neste país de cultura católica, Hernán
militaba nos valores luteranos do traballo e, sobre todo, tiña un
sentido do servizo público que contrasta coas mañas de curto alcance que
adoitamos padecer.
Politica e socialmente activo, foi nacionalista
convicto dende cativo, en parte por herdanza dun seu avó galeguista
fusilado no 36, demostrando no seu facer e nos seus gostos a miseria dos
tópicos. Como músico arrepiaba da gaita de fol ata extremos que nunca
partillei, e facíao por gosto mais teño para mín que tamén para
compensar… e, sobre todo, porque o seu alento adicábase a esoutra
música nacida no berce das cortes europeas e dos salóns da burguesía que
el se empeñaba en facer de todos. Adicou a súa vida á extensión popular
da música e para iso sempre estivo disponible alí onde o chamaron, sen
reparar na cor política do proxecto. Como intelectual debecía pola
Éscola de Frankfurt e cimentaba nese pensamento a súa fortaleza
intelectual. O seu poeta de referencia era J.A. Valente, de quen
reivindicaba o seu nacionalismo cosmopolita. Os seus narradores, Camus,
Tabucchi e Muñoz Molina. Pero, sobre todo, era puntual e rigoroso,
solemne cando había que selo e amante das tazas e de parolar con amigos
cando o traballo quedaba feito. Cal corresponde á cultura europea das
virtudes públicas e os vicios privados.
El nunca o diría así pero antóllaseme que laborou para
que fóramos máis normalmente europeos no que con el tiña que ver: na
música e na cultura musical. ¡E logrouno, madia leva! Moitos temían que a
súa obra desaparecera con el pero demostrou que non fora para iso que a
construira. Ser europeo na segunda mitade do século XX podíase facer
dende calquera vila galega e Hernán Naval, que naceu no 1962 e morreu no
2001, demostróunolo. Sen discursos.
—
De Lourenzo Fernández Prieto, no blog