Collo a nota do concello e comento:
DEPUTACIÓN E CONCELLO, DISPOSTOS A COLABORAR
Xuntanza con Beatriz Mato
08/07/2013
A comisión pro residencia de maiores en Ribadeo
volverá reunirse coa conselleira de Traballo e Benestar o vindeiro 9 de
setembro. Ese día coñecerase o grao de implicación da Xunta neste
proxecto, segundo relataba este mediodía o alcalde, Fernando Suárez
Barcia. Ata hoxe o goberno autonómico só falou da posibilidade da
concertación de prazas para un número de usuarios, algo que non lle
serve á comisión porque non lle dará prioridade aos veciños e ás veciñas
de Ribadeo.
Despois de saír do encontro celebrado en Santiago esta mañá, o
rexedor quixo “dar conta con absoluta transparencia precisamente para
que sexan os veciños e as veciñas deste concello as testemuñas desta
circunstancia, deste proxecto no que estamos a traballar desde o
Concello con moito esforzo para ter unha nova residencia para os nosos
maiores en Ribadeo”.
Suárez Barcia lembrou que “despois de
bastante tempo de ter pedido audiencia coa conselleira e despois de
terlle enviado varios escritos finalmente, aínda que bastante tarde, nos
recibía esta mañá e foi alí, en Santiago, onde lle explicamos todos os
deberes aos que nos comprometemos na anterior xuntanza. Pola nosa parte
cumprimos amplamente xa que contamos co compromiso verbal da Deputación
de Lugo en colaborar co financiamento importante para construír esta
residencia e temos os terreos necesarios para poder levantar esta
infraestrutura nas antigas vivendas dos profesores. De feito no último
pleno celebrado no Concello eliminamos todos os posibles obstáculos que
puidese haber neste sentido”.
O alcalde ribadense indicou que “a
conselleira Beatriz Mato volvía insistir no encontro desta mañá en que a
Xunta só se podía comprometer a financiar o concerto dunha serie de
prazas. É algo que non nos parece axeitado porque o concerto de prazas
non lle da prioridade aos veciños e veciñas de Ribadeo. E poño como
exemplo o caso de Viveiro, onde hai unha residencia pública que ten 150
prazas, pero para os de Viveiro só están ocupadas 10 a día de hoxe”.
Para
Fernando Suárez Barcia “sería terrible que quen as competencias en
materia de benestar social, que é a Xunta, non puxera nada e se quedara
parapetado nun concerto posible de prazas, deixando que o Concello se
busque a vida para construír unha residencia que está cifrada nuns 2,3
millóns de euros. Foi nese momento cando nos pediu algo máis de prazo,
pero o máximo que podemos asumir é o día 9 de setembro. Xa pechamos ese
encontro que será ás 12 da mañá para que a Xunta nos dea finalmente unha
resposta, si a ten, de poñer diñeiro enriba da mesa e
corresponsabilizarse da construción da residencia e non deixar sos á
Deputación e ao Concello, porque puidera ser inviable que entre estas
dúas administracións se puidese levar adiante esa infraestrutura”.
O
rexedor de Ribadeo explicou que “aceptamos esa data, pero con
condicións: primeiro, desde o Concello seguiremos a nosa folla de ruta
no sentido de que xa estamos a redactar o proxecto, que precisará de
autorización autonómica con independencia de si a Xunta pon ou non
diñeiro, pero si que o ten que autorizar. Seguiremos traballando, nos
vindeiros días rematarase a redacción dese proxecto e enviarase á Xunta
para solicitar a autorización correspondente. E en segundo lugar,
traballaremos para materializar coa Deputación de Lugo os compromisos
económicos e forzar tamén para a Xunta para que, chegado o 9 de
setembro, non lle quede máis remedio que poñer cartos enriba da mesa”. E
engadiu que “agora argumentan que neste 2013 non teñen diñeiro, pero
lembreilles en nome da Corporación aquel principio de que si se quere
pódese, e si queren colaborar con Ribadeo o que teñen que facer é un
convenio plurianual que garanta desde o 2013 o apoio a esta demanda
lexítima. Se non teñen moito diñeiro para este ano que poñan pouco e que
poñan a diferenza no 2014, pero non queremos dilación e non queremos
que este xaque desta partida de xadrez no que nos atopamos se converta
nun xaque mate. Cremos que é de recibo que a Xunta se comprometa con
Ribadeo ao igual que o está a facer con outros concellos da Mariña”.
É dicir, con ou sen Xunta, a residencia está máis perto. Evidentemente, colaborando a Xunta, lograrase antes e poderiase comezar este mesmo ano, aínda que fóra a paso lento para coller velocidaded a construción o pŕoximo. Se non colabora, a unión amosada pola sociedade en Ribadeo fará complicado que a conselleira e outros representantes da Xunta se acheguen a Ribadeo, pero non botará embaixo totalmente o proxecto. A dilación ó día 9 de setembro implica o paso do verán e evitar, por exemplo, unha nova manifestación festiva, pero ó tempo, implica unha procura de xeito de colaboración por parte da Xunta para non defraudar a Ribadeo.