Onte tiven (unha vez máis) a ocasión de ser espectador privilexiado. Entendámonos, o privilexio ven sinxelamente de ser espectador case único dun acto que é público e onde se deciden actuacións sobre a vida do conxunto de Ribadeo: o pleno municipal. Onte eramos dúas persoas as que estabamos mirando o desenvolvemento do pleno, co que me considero un privilexiado, participante (por ínfima que sexa a medida desa participación ó ser un sinxelo espectador).
Considero que un pleno comeza a desenvolverse dende antes de que se da por aberta a sesión: hai comisión(s) preparatorias, a convocatoria propiamente dita, as actuacións dos partidos para preparalo (supóñense, como na mili)… Neste caso, tamén.
A sesión foi aberta ben pasadas as oito da tarde, desculpando a presenza de Xavi Campos. A acta anterior (correspondente ó 18 de novembro de 2014) foi aprobada e pasouse ó segundo dos puntos da orde do día, Expediente de modificación de crédito 02/2015 por transferencia de crédito Real Decreto Lei 17/2014.
A modificación de 150 000 € que apraza o goberno central do plan de pagos do 2015 e que por tanto, poden adicarse a outros menesteres, deu lugar a unha división de voto no PP: 1 en contra (Braña) e 3 abstencións, algo que foi anunciado ó comezo por M. Valín. O desglose aproximado da nova adicación deses 150 000 € é, se non entendín mal:
20 000 €, redacción dun novo plan para As Catedrais
10 000 € para adquisición de contedores
10 000 € para saneamento dunha baixante na entrada do cemiterio
50 000 € para o plan de camiños no rural
60 000 € para comezar a reparación/adecuación da vía paralela á do ferrocarril (a que comunica a estrada de Vilela cos Garitos, onde está a marmorería)
Lalo Gutiérrez (PSOE) apoia sen máis comentario a proposta.
Tino Reymondez (UPRi) anuncia a súa abstención, incluíndo na súa disertación unha advertencia: un informe técnico (neste caso, o do interventor, que polo demais, louvou) non debe incluír xuízos ou interpretacións políticas, que non corresponden ós funcionarios do concello.
Polo PP, e a conta da división de voto, falaron dúas persoas.
A primeira, Campo Braña, non considera as actuacións previstas nin urxentes, nin xustificadas nin necesarias, aclarando segundo o seu xuízo cousas como que de ser urxentes, deberan ir nos recentemente aprobados orzamentos 2015, ou que son obras electoralistas nun ano electoral.
A segunda, Azucena González, defendeu o electoralismo, pero razoou a diferente votación do resto dos PP en función de que era unha posibilidade de inversión, aínda que se puidera discutir a urxencia.
Foron contestadas por Vicente Castro, cunha pequena intervención final do alcalde. Como se nomeara antes a posibilidade de inversión no campo de fútbol (a raíz das novas no xornal sobre o seu estado e suspensión de partidos no Pepe Barrera), razoou que fan falta un mínimo de 350 000 € para facer algo e que se siga a usar o campo. Respecto ó vial paralelo á vía, segundo parece quedouse no último pleno en que era urxente, e incrementouse a urxencia debido ás chuvias. En relación ó electoralismo, non vai a executarse, con seguridade, toda a obra antes das eleccións, e en cambio, é electoralista por parte do goberno central o liberar ós concellos esas cantidades a 26 de decembro, cando haberá concellos que non se podan beneficiar da medida por ter xa solicitado e contratado créditos ós bancos, por exemplo. O resultado da votación, o dito: 7 a favor, 4 abstencións e un voto en contra.
E paro: só asistín ó comezo do punto seguinte, Control dos órganos da Corporación (art. 46.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases de Réxime Local). Dación de conta de decretos ditados pola Alcaldía-Presidencia. Mocións. Rogos e Preguntas. Só dicir que houbo unha moción do BNG sobre a creación dunha tarifa eléctrica galega.