Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Unha ría recurrida


Unha boa foto aérea de Miguel ilustraba días pasados unha nova de trámite: casi 200 000 m2 na Lieira e 20 000 m2 na Fontela foron solicitados por Ostrastur para sementar ostras, actividade na que traballa con autorización provisional. A Consellería de Agrogandeiría e Recursos Autóctonos do Principado de Asturias somete a información pública o estudo de impacto ambiental e a concesión de ocupación de DPMT (Dominio Público Marítimo Terrestre, as letras que se poden observar nos cilindros de cemento que se ven ó longo de toda a costa). Así, está a punto de consolidarse unha explotación da ría para cultivos mariños, algo que xa están a facer tanto a empresa citada como AcuEo (que por certo, deben cultivar ostra de río, pois aparece na súa páxina ‘ostras del Eo’).

Unha ría á que xa se lle suman explotacións como transporte, dende a antiga lancha de pasaxe ou os antigo veleiros ata os actuais cargueiros, a máis da ‘rama de pasaxe de ocio’ (mal chamada en xeral, navegación deportiva), que se centra no maior porto deportivo de Galicia por número de prazas e moitas veces, en actividades que máis que deportivas son perigosas, como a que recolle o sigpac e se pode ver embaixo, cunha motora a toda pastilla nun lugar cerrado e regulado como a ría.

 En relación con esta explotación, na actualidade está en marcha a petición do club náutico de variación da bocana do porto deportivo, para ampliar (mínimamente) o número de atraques. E, en relación co CN, dicir que é recente aínda a liquidación dos aeroxeradores de adorno que tiña.

 Por certo, pódese comparar a estela da lancha que sae do porto deportivo coa anterior, para ver a diferenza de velocidades.

A ría ten outros aproveitamentos, como o deportivo, con clubes de remo, piragüismo, pesca submarina e actividades subacuáticas… ou o de construción naval, con estaleiros nas Figueiras e no ‘porto da Veiga’ (aínda en terreos de Castropol), rexidos ambos por Gondán.

Tamén, está en marcha unha polémica concesión da Illa Pancha para hotel.

E parece que aínda subsiste a natación nas praias da saída da ría, que nas do interior (sexa San Román na parte asturiana ou os bloques en Ribadeo) está ameazada por motoras, motos e esquí acuático (a primeira foto, recollida por satélite, amosa un caso)

Algo parello en torno á ría de Ribadeo.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *