Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Identidade e política na tetraloxía ‘Castelao ou A paixón de Galiza’ de Daniel Cortezón


    Así se titulou unha ponencia relacionada con Daniel Cortezón que Santiago Sanjurjo, tamén ribadense, levou onte ó I Congreso Internacional de Novos Investigadores en Estudos Literarios e Culturais (CIJIELG) na Universidade de Vigo. Entereime de casualidade, supoño que o antroido fixo que a nova pasara desapercibida para os medios locais, de xeito parello a outras circunstancias que fan que non cheguen a coñecemento xeral os traballos doutros ribadenses espallados polo mundo adiante. Copio o resume que aparece no libro de comunicacións.
    O dramaturgo Daniel Cortezón (1927-200) é fundamentalmente coñecido polos seus textos teatrais
de carácter histórico. Algúns deles forman xa parte do
máis senlleiro da historia do teatro galego, a pesar do
desapercibido que adoita pasar este autor nos manuais de
literatura e da inexplicable escaseza de estudos sobre a súa
obra.

    A produción dramática deste autor atende a un proxecto
que busca espertar a memoria do pobo galego e reactivar o
seu inconsciente colectivo mediante a creación dun teatro
político-social e outro de carácter histórico-político. Porén,
non é posible entender os obxectivos de Cortezón se non
se ten en conta a súa crítica ao que, seguindo a proposta de
Helena Miguélez-Carballeira, podemos chamar “identidade
sentimental” de Galicia. Para Cortezón, a principal causa do
que el califica como o fracaso histórico e político de Galicia é
atribuible a características como o sentimentalismo, o lirismo,
o humorismo, a saudade ou o peso da tradición, todos eles
constituíntes dunha suposta identidade galega que ten que ser
obxecto de revisión e superación.

    Na súa teatraloxía Castelao ou A paixón de Galiza (1986-1997) Cortezón fai un percorrido pola traxectoria vital, intelectual
e militante de Castelao desde os comezos do século XX ata
a o seu pasamento en 1950 no exilio arxentino. O obxectivo
desta contribución consiste en estudar como o autor por
unha banda, cumpre coa súa intención de desempoar os
heroes e antiheroes da historia para que os galegos se sintan
vencellados e reflexados neles e, xa que logo, dignificados,
mais tamén como, por outra, atende á necesidade de atopar,
mediante o achegamento crítico e deconstrutivo, as causas da
incapacidade do pobo galego e dos seus persoeiros para levar
a cabo unha acción política capaz de superar a inhibición
histórica de Galicia como nación

Sobre Daniel Cortezón en Ribadeando:

Comunicado da morte

Libro homenaxe (e aquí)

Obra sobre D. Gamallo

Ficha na BvG

Libro homenaxe:


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *