Estes días, tras o temporal, estamos afeitos. Un vídeo do temporal en Rinlo o pasado día 8 de febreiro de 2016 como o que me chegou por correo electrónico (vin noutro lugar que lle atribúe a autoría a Cecilia de Lamas) da mostras das forzas da natureza. Por suposto, non é a primeira vez que tal ocorre. Na páxina de youtube procurando de xeito adecuado poden verse vídeos semellantes, máis ou menos espectaculares deste e moitos outros temporais anteriores, se ben parece que este non lle tivo que envidiar a ningún outro que se lembre.
Collido dun vídeo do que non sei o autor |
Collido de http://www.igme.es/patrimonio/GEOSITES/A_Introduction_SGFG.pdf (2014) |
Por outra banda, aparece unha nota do concello sobre a petición de inclusión das Catedrais-Os castros en Geosites. Si, esa formación xeolóxica que ten asombrado a moita xente e que rematará sendo destruída polo mesmo mar que remata de asombranos días pasados.
Forzas contrapostas, que sufrimos e tentamos aproveitar. Paréceme moi ben a iniciativa do concello, pero hai que axustar que o Proxecto Global Geosites naceu no 1996 auspiciado pola Unesco, logo non é nada novo. Aquí deixo a ligazón a unha introdución a Geosites no caso español (en inglés) para quen queira saber máis.
De calquera xeito, Hia outra cousa que me chamou a atención favorable na nota do concello: a proposta non é ‘as Catedrais’, senón ‘As Catedrais-Os Castros’, que considero con máis sentido de unidade, máis futuro como conxunto e máis visión para unha posible instrumentalización da inclusión do sitio no listado de lugares de interese xeolóxico mundial (versión española). E ben, sexa ou non recoñecido o sitio (aposto que si o será) por esa distinción, coido que xa serviu para algo, para aumentar a nosa mentalización sobre a atención xeolóxica e non só estética dunha zona que temos próxima e que tendemos a valorar só en parte, por moi positiva que sexa esa parte.