Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Levantando as catedrais?


Hai unha semana unha nota de prensa do concello daba pé a unha nova sobre o ben que vai todo en relación ás Catedrais, o seu futuro e o seu aproveitamento: “as liñas nas que estamos traballando en todos estes meses dunha maneira discreta e silenciosa para ir avanzando no proxecto“, enfatizaba a nota.

Eses días púidose ler no xornal que era imposible co actual sistema saber que cantidade de xente estaba accedendo á praia co actual sistema, no que os hostaleiros poden ‘tachar o ano e aproveitar as entradas que lles deron para o ano pasado‘. Unha nova na liña que defendín en diversas ocasións, como na entrada de outubro do ano pasado ‘As catedrais, si ou non?‘. Mes e medi antes, aseguraba en ‘Catedrais, cupo e…‘: Non sei se a xente está satisfeita ou non co cupo, aínda que pese
as protestas, e dada a inexistencia real de cupo salvo para a xente de
aquí, non vexo que haxa moitos motivos de queixa por pouco cupo. Outra
cousa é por moito cupo, e para iso están as fotos.

Estas eran tres das fotos que acompañaba entón:

O plan non está listo, pero o concello sumouse a el, como se pode observar na actualidade, non sei se esquecendo o seu plan particular con peticións diferentes das da Xunta e contratación e pagos diferentes tamén por facer unha proposta inicial. Quizáis fixo posible o cambio o que a hostelería, bus e taxi non tivera problema de obter tantos pases como lle foron necesarios (sendo a necesidade marcada polo sector).

Un pouco antes das notas citadas máis arriba, escribía en relación a unha nota de prensa do concello expresando satisfación polo cheo total en Ribadeo: “Un xeito de velo, diríase. Non vou parar a facer unha análise da nota, pero invito a lela con calma e pensando.
Por exemplo, na xente de a pé de Ribadeo, non no binomio
turistas/hostaleiros, por poñer outro punto de vista diferente do do
alcalde. Faralo ou confórmaste co ‘pensamento único’?
” E aínda un pouco antes, en ‘Os turistas poden, os de Ribadeo, non‘ tentaba razoar sobre a sostibilidade do turismo en relación ás catedrais. Coido que podería seguir con argumentos e feitos recollidos no blog en relación ó tema das catedrais, pero para non cansar vou poñer só unha ligazón máis, a un artigo de José Mª Rodríguez: ‘A praia das Catedrais ou como destruír un monumento‘ pon outro punto de vista (se ben próximo)

Ver un mapa máis grande

Só para rematar, unha reflexión e unha proposta.

Vaiamos pola reflexión: Hai un ano, coa polémica, máis ou menos enterábamonos dos detalles das posicións das diversas partes, as presións dos diversos intereses, etc. Agora hai harmonía institucional, e o resultado é ‘discreción e silencio’, equivalente a que a xente do común non temos medios para enterarnos do que fai a xente que non é común, e menos aínda para participar, esa verba que ó tempo enche bocas e resulta tan molesta en bocas dos demáis.

E a proposta: Sabido é que o ataque do mar vai mermando os arcos, e que o primeiro arco, o máis externo, está moi debilitado. Visto por onde van os tiros dos plans, apunto en facer algo como apuntalalo, ou mellor, facer un rompeolas a certa distancia para mantelo máis tempo…


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *