Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Dise Sicixia


Sicixia é o aliñamento de corpos celestes. Algo que o director da película, Ignacio Vilar (Pradolongo, Vilamor, A esmorga…) tenta reproducir a escala humana nun film que resulta ser o son, a imaxe e a vida da Costa da Morte plasmada a traverso dunha historia mitolóxica moderna.

As sensacións envolven ós personaxes, que loitan como individuos cunha conciencia de derrota fronte a un destino que leva as rendas ó tempo que corpo e mente síntense mergullados nel.

Unha historia onde o documental transcende, xerando o propio transcorrer.

Todo iso é Sicixia. Máis de hora e media de película que non deixa indiferente, guste ou non, que para gustos píntanse cores. E haberá quen gabe o son ou quen poña o pero da lentitude dunha historia que, ó tempo, queda sen tempo para desenvolverse do envoltorio de son e imaxe. Ou, polo contrario, quen quede substraído pola forza escénica da protagonista e quixera máis desenvolvemento fronte ó contexto director. Quen resalte feminismo ou quen o faga con Galicia (que non galeguismo)

Un coloquio final aclarou o punto de visto do director sobre algúns pareceres relacionados coa cinta, que para algo é nomeada como ‘cine de autor’ (como se houbera cine sen autor, como os personaxes de Pirandello). Cine persoal, si, e moito. Do autor, e de calquera persoa que entenda un mínimo sobre Galicia, sobre o mar ou sobre a condición humana. Hai moitos anos que Susan Sontag falou contra a interpretación da obra de arte: arte dado no sentido que o sentes, non no sentido en que o interpretas. Pero para sentilo necesitas ter uns mínimos referentes E neste caso, con algún premio xa no estranxeiro, parece que son referentes humanos aínda que entramados por circunstancias galegas naturais.

O Monte Pindo, Fronte a Fisterra, un dos símbolos da película. Tanja Freibott en Wikicommons, lic CC by-sa 3.0 es


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *