Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Dereito á saúde. Pablo Mosquera Mata


   Dicían os antergos que hai cuestións valoradas só cando se perden. Por iso non está mal que se abra un debate na sociedade mariñán sobre como os poderes públicos garanten o dereito social á saúde, con dous feitos constatables e recurrentes no tempo. Houbo que loitar para dispor dun hospital público, fronte aos intereses comerciais de certos ‘gremios organizados colexialmente’ que pretenderon sempre facer dun dereito, pura mercadoría en Lugo. Houbo un tempo mellor, con dúas premisas hoxe esquecidas: o noso hospital, sito na parroquia de Santa María de Burela, chegou a figurar no catálogo de hospitais como Hospital Xeral; a xestión dos servizos socio sanitarios coa participación dos representantes da sociedade civil, no marco dunha comarca natural e histórica -antiga provincia de Mondoñedo-.

   A verdade é que os que seguimos sendo mindonienses por convición cultural e emocional, lamentamos depender da cidade romana. Nunca lles importamos, nunca nos entenderon, nunca nos deron nada, nunca se aproximaron á nosa vocación de xentes que por limitar ao norte con Inglaterra, mar por medio, non tiñamos vocacion de aldea profunda, e como me lembraba Carlos Nuevo, cando en Lugo non sabían o que era a industria, Viveiro e o seu concello -Donapétry- disfrutaban dunha importantísima actividade do sector secundario da economía, amén da pesca, amén do viño, amén do liño, amén da lembranza histórica da primeira industria de transformación -balea en saín-.

   Pero o dereito á saúde non consiste só nunha asistencia sanitaria eficiente, do mesmo xeito que unha democracia non consiste só en poder votar cada catro anos, é participar, que os partidos polítcios consulten, máis aló do rito teatral das campañas electorais; pois o mesmo debemos saber sobre a saúde pública. Hai non menos de dúas cuestións sobre as que se debe debater, informar, prever e resolver: os factores de risco no uso dunhas vías de comunicación onde a relación densidade de tráfico, trazado, climatoloxía e conservación dan o resultado dos denominados puntos negros. Os factores de risco que supoñen os procesos industriais, cando existe contaminación por terra, mar e aire, por moito que se traten de solapar con programas de ‘xerosas’ axudas aos voluntarios de certa multinacional do aluminio. Alguén se ten ocupado de observar como están resolvendo o problema dos chamados lodos vermellos? alguén se lembra do que sucedeu en Hungría?

   Todo isto e moito máis forma parte do espazo multidisciplinar do dereito á saúde.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *