Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Xornada de portas abertas na residencia de Ribadeo 20181124


    Hoxe tivo lugar a primeira das xornadas de portas abertas para que a xente poda visitar a nova residencia de maiores de Ribadeo. Foi un acto emotivo  do que deixo diversas fotos e, ó final, un vídeo do acto principal, coas intervencións da Concelleira de servicios sociais, Sonia Meilán, o representante da Plataforma e da Comisión pro Residencia, José Antonio Ares, o Presidente da Deputación, Darío Campos, e o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, coa presenza constante do esprito de José María Rodríguez. Ó final do mesmo descubriuse unha foto da manifestación do 22 de abril de 2014 e comezou a visita ás instalacións.

Completan a entrada as dúas novas do concello relativas ó acto.

Detalle da sala de estar, con acuario e decoración con montaxes de fotos de Ribadeo (como a xeralidade de estancias)
Momento da sinatura da petición do PIA
Rematando de descubrir a foto da manifestación na entrada. dos portadores da pancarta, faltaba Tino Reymóndez e José María Rodríguez (está presente na foto a súa dona). A exconcelleira de Servicios Sociais estaba no acto pero non aparece na foto, o mesmo que Lalo Gutiérrez. Si están presente na foto José Antonio Ares, Manuel Valín e o alcalde. Ós pés da xente, a alfombra de entrada: “O noso soño, o teu fogar”
Vista parcial dende o solario do segundo andar.
Vista parcial dende unha habitación ó surleste.
Vista parcial dende un cuarto ó noroeste.

    Transcrición das verbas de José Antonio Ares Taboada:

    “Hai xa case oito anos, a finais de 2010, que unha tarde Juan do Espín máis eu fomos cabo de José María Rodríguez na procura de apoio para unha necesidade que sentíamos no pobo e que se manifestaba mesmo nas nosas familias: un coidado mellor e máis próximo para os nosos maiores.

    José María recolleu o guante e de aí a cousa botou a rodar. O Tesón convocou ás asociacións, e o apoio das asociacións de veciños á Plataforma pro Residencia de Maiores de Ribadeo foi unánime, tanto no social como no económico.

    Comezaba un longo camiño, pois aínda ano e medio máis tarde, o 22 de abril de 2012, vimos a necesidade de convocar unha manifestación para empurrar o proxecto. Unha manifestación que tivo unha resposta multitudinaria e inclinou as resistencias que puidera haber, coa xente facendo súas unhas consignas que sentían, como ‘por ti e polos teus, residencia en Ribadeo’.

    Dese día en diante foi claro que o que se estaba a pedir tiña milleiros de persoas detrás: a xente de Ribadeo.

    Adoptouse entón o acordo do pleno do concello, que levou o sentir e querer do pobo ás institucións que nos cadran un pouco máis lonxe creando a comisión municipal, na que tamén participamos José María e máis eu. Así, a Deputación de Lugo embarcouse tamén neste proxecto conxunto ata levalo a bo porto xunto co concello de Ribadeo, e ambos sendo conscientes de que tiñan detrás, e seguen a ter, o apoio dun pobo.

    Foi esa a continuación do longo camiño no que a forza da sociedade estivo sempre detrás dos nosos representantes na administración para ir cumprindo etapas. Dende a Plataforma cremos que debemos dar as grazas a todos os participantes, pero os de Ribadeo, ó fin, son, somos, como unha gran familia, somos nós mesmos; por iso as grazas deben ser máis patentes para quen recolleu o guante fóra de Ribadeo, contribuíndo a que as nosas institucións a nivel provincial se comprometeran.

Moi atrás quedou xa unha data: o 24 de xuño de 2014, día da colocación da primeira pedra da Residencia. Atrás quedaron tamén diversos problemas e complicacións.

    Hoxe, 24 de outubro de 2018, catro anos despois, estamos aquí coa residencia a punto. Si, faltan papeis, sinaturas para o funcionamento, cuestións administrativas… aínda se tardará tempo en ver ós nosos maiores desfrutando nestas instalacións. Mais dende a Plataforma esperamos a chegada dun bo futuro.

Iso si, un futuro no que todos seguiremos a ser necesarios. A tarefa non remata hoxe coa xornada de portas abertas, nin cando a inauguración permita ver a xente dentro. Sinxelamente, non remata: o compromiso cos nosos maiores e cousa de todos, todo o tempo.

    Moitas grazas.”

Notas do concello:

Novas

TERÁ UNHA DURACIÓN DUNS 50 MINUTOS APROXIMADAMENTE

Acto na residencia de maiores

23/11/2018

O alcalde, Fernando Suárez, convida á veciñanza a participar mañá, sábado, na xornada de portas abertas que se celebrará no centro de atención a persoas maiores. Ás 12 da mañá haberá un acto institucional que contará coa participación do presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, da concelleira de Servizos Sociosanitarios, Sonia Meilán, de José Antonio Ares, en representación da Comisión de Asociacións Veciñais Pro-Residencia de Maiores, e do alcalde, Fernando Suárez, que lembrou hoxe que a forza dun pobo serviu para algo, para conseguir que este centro sexa unha realidade.

O rexedor comentou que “a partir de mañá é cando podemos con todo orgullo mostrarlle a todo o mundo, a toda á cidadanía, o resultado deste traballo ímprobo que partiu, xa hai varios anos, no 2012 cunha manifestación da que Ribadeo se puido sentir orgulloso onde, da vila e do campo, xentes de todo tipo saíron a rúa xunto cos representantes políticos, con nós, para pedir que Ribadeo debía ter unha nova residencia, porque 10.000 habitantes necesitaban máis prazas públicas das que había en Ribadeo”.

Suárez Barcia lembrou que “no 2014 iniciamos a construción desta residencia e agora, catro anos despois, se concluíu, se equipou e estamos no paso previo ao inicio do seu funcionamento, dado que nestes días estamos asinando os convenios de colaboración entre o Concello e esta gran administración, moi amiga de Ribadeo e dos veciños e das veciñas de Ribadeo, que é a Deputación de Lugo nestes últimos anos polo moito que nos ten axudado, e singularmente neste ámbito. Por iso tamén conosco mañá estará o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, para ensinarlle a todos os que queiran ir alí durante este acto desta fin de semana, e durante as seguintes dúas fins de semana, para que poidan ver todo o que fomos traballando”.

O alcalde ribadense subliñou que “a forza de todo un pobo serviu para algo, porque isto vai para eles, para nós cando sexamos maiores e para os que xa hoxe en día son maiores que queren pasar os últimos días nas súas casas como é lóxico, pero os que non poidan por diferentes motivos, que saiban que teñen unha casa marabillosa aquí en Ribadeo para pasar con ledicia, alegría e ilusión os últimos días das súas vidas, que esperemos que sexan moitos”.

Fernando Suárez convida “a todo o mundo a que vaia mañá ao acto, será ás doce do mediodía, e a partir de aí quedarán as portas abertas, en horario de mañá e tarde, para que todo o mundo que queira poida visitalo cos seus amigos, familiares, etc…”.

O rexedor engadiu que “tamén nestes días pediremos o PIA, o permiso de inicio de actividade, á Xunta de Galicia e o que pido, como sempre, xa que non quixeron poñer un céntimo en toda esta obra marabillosa, cando menos que non poñan paus nas rodas e que nos deixen traballar ao Concello e á Deputación como estamos facendo, mao a mao para que redunde en beneficio dos nosos paisanos e das nosas paisanas”.

O acto de mañá dará comezo ás 12:00 horas con música. Despois pronunciarán discursos Sonia Meilán, José Antonio Ares, Darío Campos e Fernando Suárez. Seguirá outra peza musical e o descubrimento dunha placa conmemorativa e máis da fotografía da manifestación cidadá do ano 2012. E despois será a visita por parte do público asistente ás instalacións.

Por outra banda, hoxe foron publicadas no as bases polas que se rexerá a confección de listas para a contratación do persoal técnico na nova residencia de persoas maiores de Ribadeo:

-Fisioterapeuta

-Terapeuta Ocupacional

-ATS-DUE

-Psicólogo/a

O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días naturais contados dende o día seguinte á publicación no Boletín Oficial da Provincia de Lugo.

Novas

SEGUEN AS XORNADAS DE PORTAS ABERTAS Á RESIDENCIA

Acto emotivo en Ribadeo

24/11/2018

Fernando Suárez e Darío Campos asinaron este mediodía en Ribadeo o convenio específico de xestión do centro de atención a persoas maiores e tamén a petición de autorización para o inicio de actividade. O presidente da Deputación de Lugo agarda que en tres ou catro meses a residencia estea en funcionamento. O alcalde ribadense subliñou que “por proxectos coma este, é polos que merece a pena estar en política”.

A Escola Municipal de Música e Danza foi a encargada de interpretar as pezas musicais que alí se puideron escoitar. No tempo de discursos interviñeron a concelleira de Servizos Sociosanitarios, Sonia Meilán; José Antonio Ares, en representación da Comisión de Asociacións Veciñais Pro-Residencia de Maiores de Ribadeo; o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos; e o alcalde ribadense, Fernando Suárez.

Sonia Meilán dixo que “a nivel persoal non é o doado explicar a miña satisfacción. Os maiores son a miña paixón, a miña profesión está directamente relacionada coa xeriatría, son xerocultora desde hai dez anos e sempre digo que son unha privilexiada porque traballo no que verdadeiramente me apaixona e me gusta, co cal creo que sería moi difícil explicar con palabras o que sinto hoxe”.

A edil ribadense sinalou que “como concelleira de Servizos Sociais debemos loitar e apostar por unha atención de calidade para os nosos maiores e penso que coa construción desta residencia cumprimos o obxectivo, pero debemos seguir día a día sen deixalo de lado para que unha vez por circunstancias os nosos maiores xa non poidan seguir vivindo nas súas casas continúen disfrutando do seu entorno, do que foi a súa vida diaria, dos seus familiares e das amizades e do paseo por onde disfrutan a diario”.

José Antonio Ares na súa intervención manifestou que “estamos aquí coa residencia a punto. Faltan papeis, sinaturas para o funcionamento, cuestións administrativas e aínda se tardará tempo en ver aos nosos maiores disfrutando destas instalacións, mais dende a Plataforma esperamos a chegada dun bo futuro, no que todos seguiremos a ser necesarios. A tarefa non remata hoxe coa xornada de portas abertas nin cando a inauguración permita ver á xente dentro, porque o compromiso cos nosos maiores é cousa de todos todo o temp”.

Pola súa banda, o presidente da Deputación, Darío Campos, explicou que “acabamos de firmar hoxe un convenio no que vamos colaborar Deputación e Concello, asinamos tamén a petición do PIA á Xunta de Galicia, que eu espero que non poña máis atrancos”.

E reiterou en varias ocasións que “hoxe é un día da alegría e espero que marque un antes e un despois e que en tres ou catro meses poidamos ter aquí aos nosos maiores usando esta residencia, porque eu son inimigo dos edificios baleiros e paréceme que estas cousas hai que poñelas a andar o antes posible porque son necesarias”.

O alcalde, Fernando Suárez, pronunciou un discurso “desde o corazón” no que destacou “a incansable e comprometida actitude do portavoz destas Asociacións veciñais. Quero expresar publicamente e recoñecer que, a pesares de non telo coñecido demasiado anteriormente, conseguiu inspirarme a min en particular, para que non esmorecera a ilusión de converter este soño realidade. Hoxe non pode estar aquí porque nos deixou non hai moito e non lle deu tempo a ver a realidade que hoxe poden ver vostedes. Estou seguro que hoxe José María Rodríguez Díaz habería estar ben orgulloso”.

O rexedor aludiu “á multitude de xuntanzas que houbo para sacar isto adiante isto en todas as súas fases. Das horas dedicadas a este proxecto que agora podemos ensinar con orgullo e con fachenda. Sempre coa ansia de cumprir co compromiso adquirido: Aquí non atoparán desvíos de obra, aquí non atoparán certificacións de partidas de obra que non están. Aquí non atoparán nada da mala praxe política que por aí adiante foron desprestixiando o nobre o oficio da arte da política (que non é outro que o de tentar facer cos recursos dispoñíbeis o mellor benestar posible para os nosos homes e mulleres). Pola contra, aquí si que atoparán o mellor do traballo en conxunto técnico e político. Dos técnicos municipais e dos representantes dos veciños: do goberno e da Corporación en xeral. Así como tamén atoparán outra cousa, que desgraciadamente non é moi frecuente: a colaboración leal, sincera e total con outra administración que sempre estivo ao pé de nós desde o primeiro momento: A Deputación de Lugo. E sublio esta estreita colaboración tanto cos seus técnicos como cos seus representantes do goberno provincial”.

Fernando Suárez Barcia tivo palabras de recoñecemento para quen fora vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, e para o presidente da institución provincial, Darío Campos: “Quero dicir isto porque detrás das institucións están os proxectos políticos (distintas formacións políticas) e detrás destes, están as persoas, como non. Quero recoñecer o compromiso do que foi Vicepresidente dela no mandato anterior (2011-2015), Antón Veiga Outeiro. Con el iniciamos as conversas, os acordos económicos para a súa construción (cando outras administracións, como a Xunta de Galicia, daba mil voltas para non acabar dando nada). Aquel mandato acabou e logo veu outro, e nós seguimos atopando comprensión e apoio no actual presidente da Deputación, Darío Campos Conde, porque neste actual mandato, a Xunta de Galicia, e a pesar de ter as competencias en Servizos Sociais deste rango, seguiu con voltas e reviravoltas sen acabar aportando nada. Con Darío continuamos as conversas, os encontros, as xuntanzas para continuar cos apoios económicos para o equipamento e o mobiliario e, mais tarde, para artellar un dos mellores proxectos a nivel do Estado que as Administracións Públicas podan levar a cabo: a colaboración e a cooperación para o ben común”.

E seguiu a relatar: “por isto, entre os técnicos e os políticos dun e doutro goberno estivemos meses tecendo e deseñando,dentro das posibilidades que nos dan as leis actuais, os acordos, os convenios, as ordenanzas, os regulamentos, etc. Todo este traballo xurídico foi apoiado e aprobado unanimemente pola actual Corporación Municipal de Ribadeo e así poder ofrecer aos nosos paisanos e paisanas que o desexen a estancia nesta casa grande co mellor dos servizos posibles ao menor custo posible. Confiamos pois que cando bote a andar, estea chea de xente feliz e orgullosa de pasar aquí os últimos (e que sexan moitos) anos da súas longas vidas”.

Nos recoñecementos de Fernando Suárez tamén estiveron presentes os membros da anterior e actual Corporación Municipal e tamén os traballadores públicos do Concello de Ribadeo: “e por isto, quero salientar o compromiso total da anterior e da actual Corporación Municipal. Seguramente con momentos de debilidade, quizais porque vivimos nun momento pouco dado ás unanimidades. Eduardo Gutiérrez, Manuel Valín, Tino Reimóndez como voceiros da anterior, así como a Roberto Ramos, Aurora González, Marta Saiz e Jesús López, como voceiros desta e extensivos aos vosos compañeiros e como non, a todos e cada un dos meus compañeiros/as deste mandato. Quero valorar tamén as achegas da anterior concelleira de Benestar, Teresa González, e como non, a todos e cada un dos compañeiros deste mandato, por participar das tensións, xuntanzas, acordos, desacordos que vós ben sabedes. Como tamén quero expresar admiración e gratitude aos/as traballadores públicos deste Concello por aturarme sistematicamente para que deran o mellor de si neste proxecto: A María Mon, a José Rodil, a José Antonio Carro, a Luís Vázquez, a Joselo Gegunde e a Francisco Moreda. E quero valorar igualmente a outros tantos que nin remotamente coñecía, pero aos que desde entón valoro profundamente. Son técnicos da Deputación, e cónstame que estiveron e están a dar igualmente o mellor de si: a Manuel Angel Jove, a Silvia García, a Manuel Cutrín, e outros moitos que estiveron por detrás e que non sei os seus nomes por non ter ese contacto directo, mais sei que tamén sempre estiveron aí”.

Fernando Suárez subliñou que “iniciamos no 2014 a construción da residencia cos proxectos técnicos elaborados por nós, mais coa autorización administrativa da Xunta. Agora, en novembro de 2018 estamos ao final desta ilusionante pero longa e tortuosa travesía. Mais aínda non chegamos. Acabamos de asinar (hai uns minutos) o convenio específico de xestión polo que nos comprometemos con dereitos e con obrigas Concello e Deputación. E polo tanto temos toda a documentación lista para enviar á Xunta. Así o acabamos de rubricar o presidente da Deputación e mais eu, coa sinatura conxunta do documento de petición da Autorización de Inicio de Actividade (AIA). Toda a documentación sairá a semana que vén para Santiago. Agardemos pois, que de non poñer un peso en todo este proxecto, cando menos, a Xunta non poña trabas que impidan que se encha de usuarios e usuarias canto antes”.

Un dos momentos máis emotivos do discurso de Fernando Suárez foi cando lles explicou aos seus fillos que por proxectos coma este, é polo que paga a pena estar en política: “hai un pedaciño quixen estar aquí cos meus fillos, eles son noviños, e moitas veces inocentes de como funciona o mundo. Ensineilles o froito de tanto traballo. E díxenlles: por proxectos coma este, é polo que paga a pena estar en política. Sei que os políticos temos mala fama, supoño que moitas veces merecida. Pero quero con este exemplo dignificar o traballo que se fai dando o mellor de nós, e deixando os mellores anos da nosa vida loitando por cousas xustas. Como xusto é lograr que Ribadeo teña o que se vén negando desde hai decenios. E cumprir o que nos comprometemos diante dos membros das AAVV e especialmente de José María Rodríguez: unha nova residencia en Ribadeo, preferentemente para os/as de Ribadeo e a prezos asumíbeis para as pensións dos de aquí”.

E rematou: “meus amigos, quen lles fala é unha persoa sincera que fala desde o corazón, os que nos coñecedes sabedes que temos un vontade negociadora e dialogante indubidable, pero que ao mesmo tempo unha capacidade de loita e resistencia infinita por conseguir as cousas que se nos negan por capricho. En palabras do bardo Ramón Cabanillas, naquel poema tinguido de épica que En Pé, e que me inspirou sempre para guiarme:

Irmáns, en pé, sereos

a limpa frente erguida

envoltos na brancura da luz

que cae de riba

O corazón aberto a toda verba amiga

e nunha man a fouce e noutra man, a oliva

Seguimos traballando no noso soño para facelo unha realidade en funcionamento dentro de ben pouco. Sede pois benvidos, como indican as verbas que podedes ler no chan cando entrades: O noso soño, o teu fogar”.

Darío Campos e Fernando Suárez descubriron unha placa conmemorativa situada debaixo dunha foto da manifestación coa que centos de veciños e veciñas reclamaron unha nova residencia de maiores para Ribadeo na que se pode ler:

“22 de abril de 2012. A loita de todo un pobo, vila e campo, representantes municipais e cidadanía encheron as rúas de Ribadeo para demandar unha nova residencia para as persoas maiores.

24 de novembro de 2018. Xornada de portas abertos ao Centro de Atención a Persoas Maiores.

O POBO É QUEN MAIS ORDENA”.

Ducias de veciñas e veciños asistiron a este acto e coñeceron as instalacións da nova residencia de maiores, que poderá ser visitada mañá, domingo, e tamén os días 1, 2, 8 e 9 de decembro en horario de mañá e tarde.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *