Soños en liberdade
Saio á fiestra só para toparme co muro de en fronte a modo de bofetada que me fai torcer a cabeza ao longo da rúa, ca ansia innata de mirar ó lonxe, de deixar a vista -e o espírito- en liberdade.
A vista… A cuña de ceo con punta roma limitada pola mancha verde afastada cara á esquerda parece cravarse entre os fogares dos meus veciños. É un atractivo poderoso que impulsa o xiro, e pista de despegue para as lembranzas.
Si, como nos contos: foi unha vez… Pero personalizado: foi aquela vez… Como cando me espertei pronto no verán, ao amencer, e ao abrir a fiestra naquela habitación temporal, inusual e acolledora, a brisa de mañá pedíame moverme cara ó alto. Minutos foron a preparación suave da camiñada cara ó monte San Fernando. O camiño? Coñecido algún anaco, foise empalmando desde a casa con paso vigoroso mentres o día facíase pleno. Un par de erros desviáronme á ida cando xa perdera de vista o meu fogar temporal. Desviacións de rumbo sen importancia para chegar, importantes para saber, coñecer, ver máis, e sobre todo, mellor. E gozar. Para sentir.
A vista desde o cume, non por lixeiramente lembrada deixou de serme gozada. A Ría, o mar, a unha beira. O resto da visión baixo o ceo cambiante, montes e vales en todos os tons de verdes e algunha que outra pincelada cromática que alimentaron a miña imaxinación de volta. E tamén hoxe.