Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

2021 Xacobeo. Pablo Mosquera


2021 Xacobeo

    Témonos esquecido. A pandemia ten a culpa. Malia a cada vez maior “carga” de medios informativos. O vello e inmortal Camiño desde Europa cara á Cidade Santa de Occidente, non se publicita, non merece a atención dos poderes públicos e privados. É coma se tocase substituílo polos esperpénticos realities nos que se entretén ao persoal inmobilizado nos sofás. Lograron cifras de consumo televisivo que varreu á cultura, témome, definitivamente. Pobre país e pobres xentes!.

    Polo menos onte e hoxe congratúlome. O Concello de Cervo aposta de xeito decidido por loitar contra o que en linguaxe moderna chaman feísmo. Unha Illa cun Castro Celta afectado por dous moles autorizadas e se Prisciliano nos axuda, demolidas mellor pronto que tarde. Unha urbanización no alto daquela “Galiñeira”, hoxe Galdín, que ameazaba con impedir, definitivamente, a fermosa perspectiva dun porto case máxico, ao aproximarse desde Río Cobo á ría-porto das Reais Fábricas de Sargadelos e os seus orgullosos asteleiros. Ata poida que poidamos celebralo como cando se logrou recuperar A Praza dos Campos, hoxe santo e aceno de San Ciprián, que non San Cibrao. Coa oposición de quen querían substituír o colexio por un edificio, entre outras razóns por ignorar a historia do porto de abaixo.

    Pero a noticia que hoxe me inspira está co achado en O Vicedo desa lápida que insiste probatoriamente do paso pola costa ao norte do norte, do Camiño a Compostela, con cabaleiros da Orde Relixiosa Militar do século XII que protexía aos peregrinos. Para os que o presbítero Andrés Varela fundou, do seu patrimonio, o Hospital con capela de San Andrés, nas Figueiras alá polo século XVII. Sobre o que se pronuncia a Xunta Provincial da Beneficencia de Lugo en escrito do 14 decembro 1899, que traslada, o devandito polo Ministro da Gobernación con data 6 do mesmo mes, ao resolver o expediente que instruíu a referida Xunta e dando lugar a unha Real Orde que recolle os antecedentes fundacionais, e que esgotados os bens da herdanza fundacional para o seu mantemento e outras obras sociais, comunica ao descendiente Andrés Losada de Lorenzana, ao Concello de Cervo e Pedro Paz ou os seus herdeiros que será a Xunta antes dita quen se faga cargo do referido hospital.
En decembro de 1908, o Gobernador Civil da Provincia de Lugo, diríxese por carta ao Alcalde de Cervo, Ramón Cociña Domínguez, para comunicarlle que téndose creado o 9 de novembro baixo a súa presidencia a Comisión encargada en promover e fomentar a Exposición Rexional Galega con motivo do Ano Santo Compostelán, faga xestións para solicitar “canto haxa de antigo como recordo glorioso do pasado”.

    Curiosamente, ese mesmo ano de 1908, a Sociedade “O Sitio” de Bilbao -onde pronunciei dúas conferencias na miña estancia e como Parlamentario Vasco- a través do Goberno Civil de Lugo fai chegar ao Concello de Cervo, os actos solidarios que organiza como consecuencia da galerna do 12 de xullo no Cantábrico, solicitando unha lista nominal dos náufragos dos Concellos Cantábricos galegos, e así facer chegar ás súas familias as axudas logradas por tal Sociedade Cultural.

    Non está de máis, con noticias desta natureza, recordar este Xacobeo afectado pola pandemia; pero tanto ou máis importantes que a “anguria” en determinados sectores, para a recuperación de festas e concertos multitudinarios. Amén.

Pablo Mosquera


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *