Esta mañá, convocadas por diversos medios, como o cartel que deixo en baixo, corenta persoas xuntámonos o mediodía na explanada do Cantón. A concentración, da que a foto da unha idea de que se gardaba a distancia (quen quera ver a concentración enteira, tenas fotos de Suso Fernández no Facebook), tivo como punto central a lectura por parte de Amelia do comunicado que vai a continuación. Un ano máis, o 1 de maio como representación dunha loita diaria polos dereitos das persoas; en Ribadeo, os concentrados fomos sobre todo, pensionistas, pero non só. E tendo claro que os pensionistas somos -máis que ‘fumos’- traballadores, mentres que parece haber moitos traballadores que non se sinten como tais.
“Os problemas aos que nos enfrontamos agora mesmo os pensionistas,
non son só se as pensións se manteñen ou non, tamén pesa sobre as
nosas cabezas o gran problema da sanidade en xeral, aínda que nalgúns
casos particulares é sumamente grave, como é o caso dos dependentes,
ou o caso de familias con pensións ridículas e que teñen un gasto
mensual de medicamentos, etc.
Temos tamén o problema dos bancos, que por unha banda nos esixen
pasar por caixa obrigatoriamente para cobrar as nosas pensións,
mentres os bancos machácannos a comisións. E sobre todo isto
sobrevoa a privatización da maior parte dos servizos públicos, que paso
a paso e sen levantar a voz van dando para adiante os nosos
gobernantes co silencio da oposición.
Esta semana pasada houbo unha concentración pola Sanidade en Burela,
hai unha chea de xente traballando neste Hospital da Mariña, hai unha
chea de xente traballando nos distintos centros de Insalud da Mariña, e
alí non estabamos todos os que tiñamos que estar. Aquí facemos
concentracións todos os primeiros sábados de cada mes, e aquí non
están todos os que tiñan que estar.
É certo que moita xente non é consciente de todos estes problemas
porque están noutras cousas, pero o grave é que cando ti tentas dicirlles
o pouco que sabes respecto diso, dinche ¿que saberás ti diso?, agora
vas saber mais ti que os que están aí mandando.
Ben, pois os que están aí, teoricamente mandando, son simplemente
marionetas do capital, e actúan segundo dita o capital, por iso é bo que
vaiamos pensando en que partidos políticos están mais a favor de
render pleitesía aos diñeiros ou ao pobo, porque por máis que moitos
nos queiran enganar, todos non son iguais, é como o anuncio da
cervexa.
É moi triste ver como a xente se enfada cando ten problemas coa
sanidade, os cristos que se montan cando non soben as pensións, o
caro que custa mandar aos fillos estudar, (E aquí inclúense todos os
votantes de todos os partidos, non hai distincións, fódennos a todos,
non libra nin deus), pero todos eses cabreos quedan en nada cando
imos votar, sae por maioría o que mais nos fode. E non hai que facer
milagres para saír disto, só temos que ser coherentes, o que non me
interesa apártoo, ninguén lle debe nada a ninguén, os favores do
político de turno faio co noso diñeiro ou sexa que cada un de nós ten
parte nese favor, non llo pagues só a el.Ata o de agora non se facía moita referencia aos partidos, referiámonos
sobre todos aos gobernantes. Pois agora vai sendo hora de que nos
dediquemos a dicir claramente quen está en contra nosa defendendo
este capitalismo neoliberal que é a nosa economía de mercado e que
tanto incrementa a desigualdade e resta prestacións sociais, facendo
que cada vez a crise se acentúe máis para uns moitos e beneficie máis a
uns poucos. Eses partidos son PP, Cidadáns e Vox, que gobernan para
as élites, para os Conselleiros das grandes empresas do Ibex-35 que
cobran cantidades astronómicas que esnaquizan as nosas relacións
laborais, económicas e sociais.
E ao mesmo tempo, esixir aos grupos da esquerda, que se deixen de
mamonadas e se poñan a traballar en conxunto, porque teñen moito,
pero moito que facer, e cando acaben de facelo van estar tan ata as
orellas de traballar que se van a esquecer do que os separa. Que non
fagan como estas últimas veces, que ata que lle ven as orellas ao lobo
non se poñen de acordo.
Tamén deberíamos preguntarnos se a xustiza non tería que entrar a
saco para dar a volta a todas estas inxustizas, que atentan contra as
regras máis básicas do mercado e da simple convivencia: as comisión
bancarias, os deshauciados, os privados de prestacións sociais de todo
tipo, os dependentes sen axuda, os que teñen enfermos ao seu cargo e
cobran miseras nóminas a final de mes. Toda esta xente non pode
esperar máis que se faga xustiza contra quen concentra tanta riqueza e
provocan tanta pobreza. E está claro, contra todos aqueles políticos que
están postos polo pobo e ven desde a súa tribuna o que está a pasar sen
mover un dedo.
Por certo tampouco se nos pode esquecer algo que é moi curioso, por
unha banda pretenden subir a idade de xubilación e por outro somos
líderes destacados en toda Europa de paro xuvenil. Hai un informe de
marzo de 2021, é dicir de hai uns días da Secretaría de Estado de
Emprego e Economía Social, sobre “Jóvenes y Estado de Trabajo” onde
nos fala dun 40,4 % de paro xuvenil e dános moitos máis datos sobre
este asunto, aínda que é algo tostón, recomendo lelo.
O outro día xa fixemos referencia a que os nosos compañeiros da
Coruña, Ferrol e Vigo, están a se concentrar diante dos bancos, como
protesta pola cantidade de comisións coas que nos criban e o trato cara
ás persoas, deixando o rural sen oficinas e nos pobos e cidades
pechando unhas e baleirando de persoal outras. É dicir vannos
pechando portas para levarnos exactamente onde queren, sangrarnos
economicamente e á hora que queiran. Nesta guerra ten que quedar moi claro que non entran os empregados do banco, senón os donos deses
bancos.
Ben pois estamos plantexandonos facer o mesmo en Ribadeo, temos
que madurar a idea e comunicarémolo, xa que é algo que tamén nos
afecta a todos.
Tamén sería moi importante que a xente se entere de que no banco
pódese abrir unha conta de pago básica, habería que ver as
características da conta nos distintos bancos, sobre todo con relación as
comisións que nos cobran.
Unha conta de pago básica é unha conta que permite facer operacións
correntes de todos os días, tales como:
Depósitos, retiradas de efectivo, recibir e efectuar pagos (por exemplo,
domiciliacións e compras con tarxeta).
Tamén debe incluír unha tarxeta de pago que poidas utilizar para retirar
diñeiro e facer compras, tanto en liña como en tendas.
Se é posible, o banco debe incluír na conta o acceso a servizos
bancarios en liña. En cambio, non sempre ten obrigación de autorizar
descubertos ou ofrecer liñas de crédito.
Nalgúns países da UE, pola conta de pago básica o banco pode
cobrarche unha comisión anual, que debe ser dun importe razoable.
Información sobre as comisións.
Antes de abrir unha conta, o banco debe darche un documento no que
expoña os servizos máis importantes que ofrece a conta e todas as
comisións correspondentes que teñas que pagar. É o que se coñece
como un “documento de información sobre as comisións”. Podes
utilizalo para comparar o custo das contas en distintos bancos.
O banco debe darche tamén, polo menos unha vez ao ano, un
documento no que se recollan as comisións cobradas na túa conta
bancaria. Este “estado de comisións” debe proporcionar tamén
información sobre os tipos de interese aplicados na túa conta.
Intentaremos informarnos mais acerca de este asunto para todas e
todos os que lles poida interesar.
Quédanos pendente outro tema que é tremendamente importante, como
son as residencias dos nosos maiores. Dedicaremoslle mais tempo o
próximo día.Que facemos aquí?, preguntan algúns. Aquí cos tempos que corren
deberíamos estar todas e todos, porque motivos sobran.
GOBERNE QUEN GOBERNE OS SERVIZOS PÚBLICOS DEFÉNDENSE“
O cartel de convocatoria: