Ben, xa está dispoñible o programa da feira do libro de Ribadeo 2021, Letras no campo. Arriba queda.
A pregoeira deste ano: Carme Rodríguez (Ribadeo, 1996). Compositora e con percorrido tamén na creación literaria. Foi gañadora en dúas ocasións do Certame Xuvenil Literario e de Artes Plásticas Concello de Ribadeo.
A lectura do pregón terá lugar o venres 14 de maio ás 20.00 horas no parque San Francisco.
E, abaixo, a nota de prensa da concellería de cultura, organizadora do envento, e ligazóns á última ‘Letras no campo’, a de 2019.
AS LIBRARÍAS FARÁN DESCONTOS DO 10% NAS COMPRAS
Letras no Campo 2021
10/05/2021
Do 14 ao 17 de maio terá lugar Letras no Campo, a
sétima edición da feira do libro de Ribadeo, que organiza a Concellaría
de Cultura. Ao longo desas xornadas haberá presentacións, música e
divertimento. O evento foi presentado esta tarde no salón de plenos do
Concello.
A edil Pilar Otero dixo que “despois do parón do ano pasado imposto
pola covid e baixo o lema a cultura é segura, o Concello de Ribadeo
organiza para esta fin de semana a sétima edición de Letras no Campo,
feira ribadense do libro. Das outras veces este evento que implica
librarías, editoriais, autores e autoras e lectores e lectoras facíase
xa entrado o verán. Preténdese, ao programalo para mediados de maio,
contribuír á desestacionalización das ofertas que axuden a dinamizar o
concello”.
A concelleira de Cultura explicou que “Letras no Campo
comezará na tarde do venres, 14 de maio, e desenvolverase ao longo dos
días 15, 16 e 17. Un total de 6 casetas abrirán as súas portas o venres
ás 17.30 horas, unha xornada marcada pola lectura do pregón. Neste caso é
unha pregoeira, moza, compositora premiada, mais tamén con incursións
na literatura, a ribadense Carme Rodríguez Rodríguez. Antes e despois da
súa intervención acompañará o acto a sección de música tradicional da
Escola Municipal de Música e Danza do Concello de Ribadeo”.
Otero
Cabarcos indicou que “o horario para o resto das xornadas é de 11.30 a
13.30 e de 17.30 a 20.30 horas. O lugar elixido é o parque San Francisco
e as presentacións dos libros faranse na sala de exposicións. Cada
xornada rematará cunha actividade de lecer chamada Divertimento. A idea
da feira é darlle visibilidade a autores/as locais, da comarca, e
foráneos/as, e tamén que haxa diversidade de xéneros”.
A
concelleira de Cultura relatou que “a mañá do sábado contará coa
presentación da última obra do ribadense Chemi Lombardero, no ámbito do
relato curto, A morte de Colasón e outros relatos, seguido do poeta Baldo Ramos con Porque te quero. Pola tarde, volvemos co xénero poético, neste caso da man de Paco Rivas e as súas Rosas envaiñadas e tocamos a narración e a ilustración con Neira Brochs e Antonio Reigosa con Cen historias máxicas pola Mariña encantada.
Coma no resto das edicións Letras no Campo remata cada día coa sección
chamada Divertimento. O sábado a protagonista será a Banda Municipal de
Música de Ribadeo, que interpretará o Concerto das Letras Galegas no
campo de fútbol de herba artificial do CEIP Gregorio Sanz”.
Pilar Otero contou que “o domingo presentamos a novela gráfica de Ana Moreiras Madia leva
e recibimos a visita de Rosalía de Castro e Manuel Soto e Freire. Á
tarde Aurora Marco presenta o ensaio centrado nas mulleres do Seminario
de Estudos Galegos e de Irmandades da Fala, Irmandiñas, e rematamos cunha presentación diferente, a que da biografía de Xela Arias fai Yolanda Castaño, Xela quixo ser ela. Acabamos a xornada con outro divertimento, neste caso a compañía de teatro Os Quinquilláns representan no auditorio municipal A pluma viva de Rosalía. No propio Día das Letras Galegas a profesora da USC Beatriz Busto Miramontes presentará o ensaio Un pais a la gallega. Galiza no NO-DO franquista.
No resto da xornada Xoán Hermida falará do seu ensaio A saída da
encrucillada, e, editados polo Servizo de Publicacións da Deputación de
Lugo presentarase o libro de banda deseñada de Primitivo Marcos Viveiro 1810. Augasmortais
e o que ten como centro os anos no colexio Fingoi de Carvalho Calero,
obra de Ramón Reimunde. A xornada remata coa lectura do ditame do
xurado para a fase local do Certame de Narración e Debuxo Infantil
Letras Galega 2021 e o divertimento a cargo do dúo Corredores de Sombra,
que ofrecerán un concerto recital”.
A edil ribadense tivo
palabras de agradecemento para as asociacións e entidades colaboradoras:
“como se ve á hora de deseñar o programa gústanos sempre facer
partícipes a entidades ribadenses e persoas particulares. Agradecemos a
colaboración da Banda Municipal de Música, da EMMeDR, do colexio
Gregorio Sanz e tamén do obradoiro de nenas e nenos do Bosque Animado,
que decoran con debuxos de mulleres escritoras a sala do parque San
Francisco. E tamén á Agrupación Cultural Francisco Lanza, que este ano
adianta Palabras no Balcón e leva as lonas con poemas de Xela Arias a 15
varandas da vila. Por último como non pode ser doutro xeito tamén
agradecemos a Librería Galgo, Gráficas Santiago, Pícaros Mundi, Lar
Libros e Bahía a súa participación nesta edición de Letras no Campo. E
lembramos que farán un 10% de desconto a aquelas persoas que fagan
compras eses días nas casetas do parque de San Francisco”.
Letras no campo 2019: programa
O libro como ferramenta: asociacionismo e cultura (Letras no campo 2019)
Máis de O libro como ferramenta