Alédome de que por fin o concello comece a tomar cartas no asunto do aboandono da zona da vella estación de tren a Vilaoudriz, do abandono do edificio e outras construcións, do descoñecemento do antigo ferrocarril… Mágoa que polo momento só sexa pouco máis que a nova de que a estación xa é do concello e que haberá un desbroce como anuncio de intencións. Deixo a nota de prensa do concello, de onte mesmo, enteira, o edicto e unha toma complementaria do Google maps cun esquema, xusto aquí:
A nota de prensa do concello:
O CONCELLO DIALOGA COAS PERSOAS QUE VIVEN NA INFRAVIVENDA
Antiga estación do tren mineiro
03/06/2021
O Concello acondicionará o espazo que ocupa a
antiga Estación do Tren Mineiro de Ribadeo-Vilaoudriz e as súas
inmediacións para convertelo nun lugar de uso público no corazón do
centro urbano da vila. O alcalde, Fernando Suárez, subliñou que o
Concello comprométese a estudar as posibles fontes de financiamento
público. E mentres procederase ao desbroce, limpeza e acondicionamento
da zona, onde se habilitará un aparcamento público e gratuíto de
vehículos.
O rexedor explicou que “desde o Concello de Ribadeo estamos
iniciando actuacións importantes e decisivas nunha área do casco urbano
que leva decenios nunha situación moi degradada e á que se lle quere dar
unha solución. Para iso aplicaranse todas as posibilidades legais que
estean a disposición do Concello. Neste grande espazo que comprende a
antiga Estación do Tren Mineiro de Ribadeo-Vilaoudriz e as súas
inmediacións estamos a levar dúas actuacións de índole
xurídico-administrativa”.
Estación do Tren Mineiro e a súa parcela
Suárez
Barcia sinalou que “a primeira delas é que o Concello aceptou hai
poucas semanas a cesión anticipada do edificio da antiga estación de
tren xunto coa parcela que o comprende, logo de ter chegado ao acordo
cos seus múltiples propietarios deste inmoble que está dentro dun
polígono urbanístico de solo urbano non consolidado. Este complexo
trámite iniciouse tempo atrás por mor da falta de cumprimento dos
principios de seguridade, salubridade e ornato públicos que o Concello
lle esixía aos seus propietarios”.
O alcalde indicou que “a
actuación que o Concello asume de aquí en diante con esta cesión é o
compromiso de manter e acondicionar esta área de 3500 m2. O Concello
comprométese a estudar as posibles fontes de financiamento público para
rehabilitar este espazo e lograr facer un lugar de uso público no
corazón do centro urbano da vila. Entrementres, toda esa parcela será
desbrozada, limpada e acondicionada, onde se fará un aparcamento público
e gratuíto de vehículos, tal e como estivemos a facer noutros puntos da
Vila”.
Inicio do trámite de inmatriculación doutra parcela adxacente
O rexedor
dixo que “xusto ao pé desta parcela existe outra grande superficie que
non figura a nome de ninguén no Catastro de Inmobles. As pescudas que se
estiveron a facer por parte dos técnicos municipais nos rexistros
públicos e noutras investigacións, non botan luz sobre a efectiva
titularidade deste espazo no que tamén existen naves e antigos almacéns
da extinta Sociedade Mineira de Ribadeo-Vilaoudriz. Tamén nesta parcela
está establecida unha chabola onde vive unha familia desde hai moitos
anos”.
Fernando Suárez asegurou que “para despexar esta complexa
situación, no día de hoxe foi publicado un Edicto municipal onde se abre
un prazo dun mes para que todos aqueles que entendan que son
propietarios destoutra importante parcela duns 3364 m2 o manifesten
formalmente perante o Concello de Ribadeo. Se pasado este prazo, non
aparecen o seu titular ou titulares, o Concello procederá de xeito
semellante a como xa o ten feito noutros casos, isto é, á
inmatriculación desta parcela e inscrición posterior no Rexistro da
Propiedade a nome do Concello de Ribadeo”.
Diálogo coas persoas que viven na infravivenda para atopar unha solución definitiva
O
alcalde engadiu que “desde hai moito tempo desde o Concello de Ribadeo
lévase tentando buscar unha solución habitacional cun matrimonio que alí
reside, sendo ata o momento infrutuosa a posibilidade de lograr a
desaparición desta última infravivenda que temos en Ribadeo. No día de
hoxe, mantívose, pola concelleira de Benestar Social, o traballador
social e mais o alcalde, unha xuntanza cordial con este matrimonio para
avanzar na busca dunha solución definitiva e co apoio do Concello de
Ribadeo en buscarlles un aluguer dunha vivenda, chegando desde o
Concello a propoñer unha axuda para o pago dun aluguer durante un
período de tempo limitado así como para tramitarlle novamente as axudas
sociais ás que teñan dereito diante da Comunidade Autónoma ou o Estado.
Desde o Concello mantemos un fío de comunicación sincero, cordial e
aberto con estas persoas para resolver definitivamente está situación
que non se pode aceptar en pleno século XXI ao morar nunha
infravivenda”.
O edicto:
Non sei se quedou claro: algo móvese, pero polo momento, é máis o que queda igual. Agora ben, xa só falar do tema xa é un paso adiante.