Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

O concello de Vilalba presentou o que ve como futuro do centro da vila.


Unha das páxinas do proxecto

 

    O concello de Vilalba presentou onte o que ve como futuro do centro da vila. Deixo abaixo a nota de prensa tal como se pode ver na páxina web do concello, incluído o pdf cos planos. E antes, un pequeno comentario.

    Vaia por diante que me gustan os espazos peonís e considero que o centro das vilas non debe estar adicado ós coches. Pero tamén vaia que creo que a organización comunitaria debe facerse dende a comunidade, e iso necesita tempo longo de intercambio de pareceres, ideas e visións cara ó futuro.

    O que se presentou este venres 11 foi un proxecto, segundo a nota de prensa, pero o que se deixou á man para ser visto foron unicamente planos. Unha obra pública coido que, a máis de cumprir a regulamentación, seguridade, etc, debe ser útil e bonita, non chega con unha das dúas cousas. E nos planos pódese ver se é ou non bonita, pero non a súa utilidade, se resolve problemas que hai na actualidade, ou se crea outros novos. Iso require un estudo e informe aparte dos planos. E coido que o movemento veciñal dende os primeiros momentos despois do lume na casa dos maragatíns, coa posta en marcha da circulación nun único sentido na carretera/rúa da Pravia, ten manifestado cando menos temores ante os cambios que o concello propón. A estrutura urbana do centro de Vilalba merece unha decisión meditada despois do consenso, e, deixando aparte o que xa dixen das miñas preferencias, coido que os temores seguen sen aplacarse, cos problemas entrevistos sen deixar solucións claras. Máis aló de que todas as zonas peonís que coñezo remataran sendo estimadas polos veciños e comercio, a variación do tráfico e a necesidade de afastar o aparcamento son difíciles de resolver e entender nun documento só con planos, que permite que se escape polo medio unha rúa ‘General Mola’.

    E, a partir daquí, a nota de presentación e os planos deixados na web:

O CONCELLO PRESENTA O PROXECTO DE HUMANIZACIÓN E RENOVACIÓN INTEGRAL DA RÚA DA PRAVIA, RECUPERANDO PARA AS PERSOAS UN DOS PRINCIPAIS ESPAZOS PÚBLICOS DA VILA

O Concello de Vilalba presentou esta mañá o proxecto de renovación integral e humanización da rúa da Pravia, impulsando a recuperación para a veciñanza dun dos principais espazos públicos da vila.
O proxecto foi presentado en rolda de prensa pola alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro; o concelleiro de Infraestruturas, Luis Fernández
, e Marta Rouco, tenente de alcaldesa e voceira do goberno local.

“É unha actuación ilusionante e moi beneficiosa para todos, un proxecto que forma parte dun plan para o conxunto do casco urbano de Vilalba no que é prioritario o obxectivo da humanización”, explicou a alcaldesa.

“Desde que comezou este mandato, no Concello de Vilalba puxémonos a traballar para a mellora da mobilidade interna e a acesibilidade da vila, definindo para elo unha serie de liñas estratéxicas a través dun Estudo de Mobilidade e Espazo Público no que a rúa da Pravia ten un papel protagonista, xa que é a arteria principal do concello”, engadiu.

Veleiro lembrou que “esta renovación integral tivo que adiantarse polo derrubamento dun dos edificios da rúa, polo que primeiro tivemos que preocuparnos pola seguridade das persoas e os bens materiais, que por suposto quedará garantida con este proxecto”.

“Estamos convecidos de que é un moi bo proxecto para todos, os peóns, os vehículos e por suposto o comercio e a hostalería, sectores produtivos vitais e estratéxicos para Vilalba”, apuntou.

En palabras da alcaldesa de Vilalba, “todas as medidas previstas, como a unidireccionalidade para o tráfico, a zona azul ou os aparcadoiros disuasorios, están enfocadas ao modelo urbano polo que apostamos, adaptado aos novos tempos e superando modelos anteriores que non se adaptan ás necesidades actuais”.

O proxecto establece o cambio a dirección única da Rúa da Pravia e a construción dunha rotonda en cada un dos seus extremos, a fin de solventar os problemas de tráfico existentes, mellorando a súa fluidez á vez que se amplía o espazo peonil nunha das principais rúas comerciais da vila.

Boulevard
O concelleiro de Infraestruturas explicou pola súa parte que coa actuación “gañarase espazo para o tránsito peonil e para o desfrute da veciñanza, conformando na rúa da Pravia unha plataforma única, ampliando beirarrúas a dimensións acordes co carácter desta rúa, e introducindo zonas verdes”.

A configuración abandonará a actual plataforma segregada para crear un ‘boulevard’ de plataforma continua que garanta a máxima accesibilidade, facilite os tránsitos peonís e recupere a noción de espazo de encontro, paseo e actividade que tivo nos seus orixes, conformada como unha alameda lonxitudinal.

Haberá un carril central para o paso de vehículos rodados de 3 metros. Nas marxes deste espazo rodado aparecerán bandas de 2,2 metros de pavimentos permeables, que alternarán os aparcadoiros coas zonas verdes.

“En canto ó nivel de acabados, o obxectivo é o de xeralizar o emprego de materiais cun alto nivel de acabado, acorde co ámbito de centralidade e carácter histórico no que se vai intervir”, manifestou Fernández.

No tocante ás infraestruturas de servizos, instaralase unha nova rede de abastecemento que solucione os graves problemas existentes, de igual xeito que se fará co saneamento separativo (pluviais e fecais).
Así mesmo, prevense seccións soterradas para a redes aéreas de telecomunicacións e electricidade existentes na rúa, ademais de garantir o acceso ás telecomunicacións e o gas a todos os predios da rúa. A todo elo hai que sumar que a iluminación prevista incorporará tecnoloxía LED de baixo consumo.

Accesibilidade
A concelleira Marta Rouco puxo en valor a importancia da accesibilidade no proxecto, “adaptando este espazo público para garantir o pleno e libre desenvolvemento das persoas, e de forma especial aquelas que razóns diversas presentan algún tipo de limitación”.

“Neste caso concreto da rúa da Pravia, a plataforma única garante esa accesibilidade, facilita os tránsitos peonís e recupera a noción de espazo de encontro e non só de paso, un lugar pensado para o paseo e o lecer”, afirmou. 

Durante moitos anos, na meirande parte de vilas e cidades os os vehículos foron comendo terreo ás persoas, con todas as consecuencias que isto conleva a nivel de interacción, accesibilidade e por suposto tamén a incidencia negativa no medio ambiente. Nós apostamos por promover, tal e como están recomendando desde organismos internacionais, a redución dos desprazamentos no coche sempre que isto sexa posible”, manifestou.

“Non é unha cousa que inventemos en Vilalba, non temos máis que ver un pouco a liña de actuación doutros municipios para ver que todos gañamos coa humanización dos espazos. A veciñanza recuperará un espazo principal no núcleo urbano de Vilalba, e tamén estamos seguros de que o comercio e a hostalería sairán beneficiados desta obra”, concluíu.

 

Reorganización Vilalba centro (recargado por Antonio Gregorio Montes)


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *