Ribadeando
Ribadeando
@ribadeando@blogs.amarinha.gal

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

8.622 entradas
48 seguidoras

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Web Summit 2026


Web Summit 2026

Estimo que á meirande parte da xente que vexa estas letras non lle dirá moito o título. Trátase dunha feira de tecnoloxía relacionada con internet que se achega ós vinte anos, celebrándose os dez últimos en Lisboa, e que xa leva posto en marcha algunha ‘sucursal’. É grande, con varios milleiros de postos (uns, fixos durante toda a feira e outros, visitables só un dos días) e moitas charlas e outras actividades, a máis de abundantes decenas de milleiros de visitantes. Impulsada de xeito comercial, pode verse máis e dende diversos puntos de vista na wikipedia en portugués ou inglés, ou español, entre outras (en galego estará pronto, supoño). Teño asistido a varias edicións, abondo como para poder comparar ou resaltar algunhas características e feitos, e poñelos en relación con outros aspectos do mundo actual. Aínda que nun espazo tan reducido como este formato de artigo curto poñer unhas cantas cousas relacionadas poda resultar nunha mestura bizarra.

Este ano, o punto de vistosidade estaba na promoción da ‘Intelixencia Artificial‘, como na pasada edición, co complemento da capa robótica que se pretende baseada na IA. Nunha feira, onde as empresas tentan ampliar a súa visibilidade e onde prima a venda, sempre hai moito charlatán, e esta non se diferencia nese aspecto do que poda ser unha feira periódica das que se organizan cada semana ou cada mes nos nosos pobos. Iso si, aquí unha charla pode congregar nun auditorio ate 20 000 persoas, aínda que na práctica siga a ser irrelevante e falta de interese, ou ter só un pequeno espazo para un público menor de 100 e ser novidosa e interesante. A xente segue a ser xente por moito que se vista de tecnoloxía, e pode actuar como persoas ou como personaxes nun escenario.

Nun mundo no que a tecnoloxía procura cada vez máis atención, ver que as demostracións de robots na feira prescinden con dificultade dalgún mando (deses que lembran ós hoxe populares drons), chamoume a atención. En particular polo que non deixan ver: o que lle falta ós robots para unha autonomía xeral, para ter unha ‘intelixencia artificial’ que se pregoa como base do robot guai que se estea a ofertar. Ver como bailan nove robots humanoides de xeito acompasado, ou como executan unha kata dunha arte marcial deixa a un pensando. Pero ver despois como cambia a velocidade e o saber facer para retirarse ordenadamente do estrado / pista de baile fai volver á realidade.

Outra cousa que chama a atención é precisamente iso, a captura e perda da atención. Na feira, produtos e compañías en diferente estado de evolución, necesidade de cartos ou monetarización procuran a atención da xente, visitantes e outras empresas. Como a atención que se pode prestar (sexa unha persoa ou o conxunto dunha compañía) é limitada, a captura de atención por parte dunha entidade (empresa, produto, orador, …) incide na falta de atención en relación a outras cousas, organizacións, comunidades ou consumos. E de feito, é curioso ver a competencia. Por exemplo, a xente atendendo ó seu móbil nunha presentación deste tipo: milleiros de persoas en teórica prestación de atención a quen está presentando o que sexa e, ó tempo, milleiros de móbiles coa pantalla acesa visibles de xeito doado na semiescuridade do auditorio. É dicir, mesmo en eventos deste tipo, é patente a mesma falta de atención da que nos queixamos moitas veces no ensino, por poñer un caso relevante.

Ah, iso si, os robots humanoides caracterizados con ‘pel’ e aparencia humanas, veñen moitos con aspecto chinés, fan tai chi… Lóxico, cando hai un apartado só para China na distribución de actividades, non? Unha nota: non houbo un espazo equivalente para os EEUU.

Acreditación de entrada á Web Summit 2026

Fediverse reactions

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *