VERNE EN VIGO
Se cadra, cando Jules Verne desembarcou accidentalmente en Vigo puido ter escoitado polas rúas da pequena localidade (daquela cuns 15000 habitantes) a cantiga popular que di “Vexo Vigo, vexo Cangas, tamén vexo Redondela. Vexo a ponte de Sampaio camiño de Pontevedra”. Iso acontecería en 1878, dez anos despois de ter escrito “Vinte mil leguas de viaxe baixo os mares” onde xa relataba como o submariño Nautilus do capitán Nemo entraba na súa ría para rescatar os tesouros das Indias dos galeóns españois afundidos polos ingleses na batalla de Rande de 1702.
Chegou no seu iate, o Saint-Michel III, en homenaxe ao nome do seu fillo e ao da famosa e fermosa vila da costa norte francesa próxima a Le Crotoy onde residía cando non estaba en París. A escala prevista camiño do Mediterráneo era Lisboa, mais unha treboada obrigouno a se refuxiar no porto do Berbés. As autoridades locais recibírono con pompa e circunstancia coincidindo coa festa da Reconquista que, naquela altura, se celebraba a primeira semana de xuño. Tamén asistiu á procesión do Cristo da Vitoria, celebrada hoxe o primeiro domingo de agosto.
En maio de 1884, o novelista voltaba, nesta ocasión coa súa familia, ao Mediterráneo, mais unha avaría no seu iate fíxoo deterse de novo na cidade, continuando logo a viaxe cara Alxer, Malta e Nápoles. Dous anos despois, tería que vendelo pola metade de prezo por mor de problemas económicos serios.
Como lembranza destas dúas breves estadías, hai senllas estatuas na cidade olívica: unha do propio autor á beira do clube náutico e outra dun mergullador pertiño da illa de San Simón, ese lugar no que un sente cando o pisa o peso do seu pasado, desde o da lírica galego-portuguesa medieval e o de lazareto para corentenas aos que viñan de alén mar até o de presidio na longa, cruel e pétrea ditadura militar.

