Non, ti non es ribadense
Pódelle pasar a calquera, levando medio século de vida no pobo ou mesmo nado en Ribadeo, que se sinta ribadense. É o lóxico, non? Ben. Sentir, pode sentirse, pero en xeral é un sentimento que ten algo de errado. Do mesmo xeito que o sentes, deixa (podes deixar) de sentilo. Será mesmo mellor para ti, que recoñezas a túa pertenza, e pode que de máis dun xeito, non sexa Ribadeo por moito que esteas ancorado nel.
Podes votar, mercar, comer e durmir en Ribadeo, pero se os dereitos de ribadense xa te foron escamoteados, es aínda ribadense? Se che parece raro o que digo, pensa un pouco. Posiblemente non te vexas formando parte dese Ribadeo que din que pode admitir moitos máis visitantes. Dese Ribadeo que quere seguir medrando en forasteiros que substitúen durante uns días ós veciños que xa se botaron, que se foron, sexa de xeito temporal -escapar do ruído das festas- ou definitivo, indo fóra ou cambiando de barrio; en calquera caso deixando un baleiro na súa ausencia que se enche con visitantes ou veraneantes. Dese Ribadeo que se pretende modelo para turistas mentres como pouco invisibiliza ós veciños que quedan sen expulsar e que son os que construíron ese ‘lugar modélico’ que tanto vende e que deixará de selo para eles mesmos. Que te vexas, polo contrario, formando parte do Ribadeo que non atopa un lugar ó Sol, e, se o atopa, está tenso porque en calquera momento pode ter que comezar a pagar o que non ten por ocupar ese lugar ó Sol. Dese Ribadeo que non vive, senón que sobrevive, procurando non entrar en conflito (entrar en conflito está mal visto, sobre todo se tes fronte a ti unha institución ou alguén que se cre cun certo poder) como se o seu/teu pobo non fora con eles/contigo.
Si, se chegaches ate aquí, mírate, é moi posible que en certo xeito non sexas ribadense aínda que teñas pasado a meirande parte da túa vida neste pobo que consideras o teu. Digo, ribadense por ser expulsado e/ou segundo o canon ditado á vista de quen marca o que é ser ribadense. Un canon que tería a súa orixe no mirarse no embigo e considerar como local, en xeral, o que vaia consigo (con ese embigo, o de quen cre ter o poder de Ribadeo, coas súas ideas e os seus cartos). Adáptaste? Un máis. Non? Non es.
Non, non é o de Ribadeo un caso único. Pode ter algunhas características máis marcadas que outras, constituíndo unha especie de selo diferenciador, pero o proceso seguido, o sistema en marcha, é algo común na nosa época no noso entorno.
Cabería pensar se ten amaño. Porque traballar para conseguir cousas é humano. E hai que tentar de amañalo. Mais para iso é moi conveniente decatarse de que nos afecta a todos, aínda que haxa xente que se crea a salvo de cousas como a xentrificación. A conta disto último, venme a lembranza dun estudo que apunta a que no madrileño barrio de Salamanca están a verse xentrificadas familias con entradas mensuais de 5 ou 7 mil euros, pola presión de compra e aloxamento de potentados suramericanos. Xente que se irá dese barrio a outros lugares que centrifugarán a outra xente con menos poder adquisitivo, e así sucesivamente: fenómenos dese tipo rematan afectando a todos.
Ou sexa que, ánimo. Que que melloren a túa zona non teña que levar aparellado, que significar que te vaia a ser máis difícil seguir a vivir alí. Que as políticas de urbanismo non sexan dependentes de mercadotecnia para venda do teu pobo. Parafraseando, e aínda que sexa un lema defectuoso ó que habería que axuntar a xente do rural, ós veciños máis afastados, ‘A vila, para quen vive nela’. Entre todos, podemos. E non importa que alguén poda dicir que non somos ribadenses se nos sentimos como tales.
