
PINTOR
O título deste artigo é o apelido do propio artista e iso xa o di todo del. O xenial e xenuíno David Pintor cumpre cincuenta anos neste mundo e trinta no do deseño, aniversarios que decidiu celebrar cunha exposición retrospectiva (denominada “Trazos”) no Quiosco Alfonso dos xardíns de Méndez Núñez da Coruña entre os meses de maio e xullo. Na devandita mostra, amosará unha selección representativa de trinta obras (moitas delas inéditas ou creadas “ex professo” para a ocasión), unha por cada ano seu de adicación ao debuxo (a súa meirande paixón) en todas as súas modalidades.
Pintor abrangue maxistralmente os eidos da animación, do cartelismo publicitario, do deseño gráfico, da ilustración infantil, do cómic, do humor xornalístico, da caricatura, da tipografía e de moitos outros estilos. Destacan tamén as súas series pictóricas sobre Picasso, a música, a danza, a guerra, as viaxes ou as paisaxes, sen esquecer as adicadas á súa cidade herculina. Eu teño varios exemplares delas (tanto en formato libro como en láminas) con esas escenas súas tan características e tan cheas dunha especial subtileza e dunha beleza melancólica semellante á das postais de nadal de Ferrándiz que enviaba aos amigos de lonxe durante a miña adolescencia.
A intencionalidade de “Trazos” xorde nun momento no que a ilustración manual ve perigar o seu futuro artístico e estritamente singular e persoal por mor dos avances e da competencia desleal da inanimada e anodina intelixencia artificial. O propio Pintor confesa que el, sendo dunha xeración analóxica, aprendeu as técnicas tradicionais para logo mesturalas coas novas ferramentas dixitais dun xeito honesto e harmónico, nunca como un impostor. Malia todo, reivindica o bo facer artesanal e individual como a única forma de expresión artística con alma capaz de emocionar sen ter que, para iso, facer trampas.
