Ribadeando
Ribadeando
@ribadeando@blogs.amarinha.gal

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

8.585 entradas
48 seguidoras

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

O ano que Mägo de Oz non tocou en Ribadeo


Dous carteis das Patronais 2026 de Ribadeo no mesmo establecemento, en exposición simultánea. Á nosa dereita, só con D’Cano, e o da nosa esquerda, con D’Cano e Mägo de Oz

O ano que Mägo de Oz non tocou en Ribadeo

Por suposto, as festas da patroa deste ano en Ribadeo serán lembradas. Todos os anos o son, que cada quen ten as súas propias lembranzas, e este ano non será menos. Aínda así, as recén rematadas pode que teñan como característica que as lembranzas serán moi compartidas. E é que si, houbo cousas noticiables que lembrar a máis das protestas polo ruído. Houbo a sorpresa de non ter alumeado de festa, despois dunha carreira en anos anteriores por tentar superar cada ano o alumeado ornamental que se fixera ata entón (conseguíndoo ou non). Non transcendeu moito, pero si que se comentou. E non quedou aí. A competición non declarada de espectáculos celestes nocturnos, entre a exhibición ‘patriótica’ asturiana de drons en Penarronda e os tradicionais fogos do sete de Ribadeo, deu máis que falar, e pode que se iría apagando pouco a pouco e non de xeito brusco se a noite seguinte non se dera outra situación a lembrar. E é que o esperado Mägo de Oz non tocou. A cousa ten historia: xa nos carteis anunciadores das festas houbo unha versión sen o grupo -un erro sen máis-, e outra con el, de xeito que non era evidente que foran tocar a noite do oito, día da patroa e remate das festas. Día no que choveu de finais da mañá en diante, se ben á hora prevista, 11 da noite, levaba xa tempo con orballo tendendo a amainar. E xusto ás 11 e cuarto, cando o presidente da Comisión de festas sae para dicir que se cancela o concerto, e logo un representante do grupo anímase a dicir que eles tocarían, que fixeron unha longa viaxe de sete horas dende Madrid e están aquí, pero que hai un río de auga baixo o escenario e sería un perigo polos cables eléctricos, etc, xusto nese momento, parou de caer a xa pequena cantidade de auga que caía. E iso provocou queixas, berros… coido que de calquera xeito, non demasiados en relación á cantidade de xente que había, que non era pouca e que levaba en xeral algún tempo esperando no lugar con paraugas aberto ou sen paraugas. Como fin de festa, non está mal, e por iso o título: estas festas serán lembradas non tanto pola falta de alumeado ou pola competición de espectáculo de luces nocturnas, senón pola desbandada de Mago de Oz.

Por certo, que en rigor, o título é discutible. E é que Mago de Oz, a última vez (e primeira) que pasou por Ribadeo, en agosto de 2002, tamén marchou sen tocar o previsto. Ía ser no Pepe Barrera, con entradas en venda anticipada e alí mesmo antes do concerto. Pero veu a chuvia. E o concerto, xa comezado, parou. O que non volveu foron os cartos á xente.

Un par de notas ó final: en contraste con eles, os teloneiros do día da patroa -D’Cano- non tiveron problema en tocar e fixérono rematando con aplausos. Sería só porque como asturianos coñecen a choiva a diferenza dos madrileños? Como o concerto era gratuíto para o público asistente, no marco das festas patronais, non houbo devolución algunha de cartos. Lóxico, por moito que teña fastidiado plans ou feito gastar en desprazamentos a alguén. Mais, que cobraron MdeO por vir? Devolveron cartos á organización? Pois non teño datos, estará no contrato…

Fediverse reactions

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *