Ribadeando
Ribadeando
@ribadeando@blogs.amarinha.gal

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

8.582 posts
48 followers

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

O R.C.D.C. MARCHOU DA P. PONTEVEDRA. Xosé Carlos Rodríguez Rañón


O R.C.D.C. MARCHOU DA P. PONTEVEDRA

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

Creo que esta é a segunda vez que escribo sobre deportes despois de máis de dúas décadas colaborando en La Comarca del Eo e na edición para A Mariña de El Progreso. A primeira fora precisamente coa que inaugurei a miña andaina no devandito suplemento comarcal. Lembro que trataba sobre a chegada ao Real Madrid de CR7, aínda que centrándome máis na estética persoal de Cristiano Ronaldo que na do seu xogo.

Unha única vez entrei nun estadio e foi de rapaz no de Ribadeo para ver xogar o Deportivo no trofeo Emma Cuervo. Non voltei, nin sequera cando o Súper Depor estivo a un penalti de gañar a liga en 1994. Ese día estaba casualmente na Coruña e achegueime aos arredores de Riazor entre os milleiros de seareiros que non puideran entrar ao campo. Mesmo había, pintado con raias azuis, un burro branco. O pobre semellaba unha cebra deportivista. Este ano cúmprense 120 da súa fundación, os mesmos que houbo que agardar para que se galeguizara o seu nome. “¡Cosas veredes, amigo Sancho!”.

Desde a súa creación, a entidade deportiva tivo varias sés na cidade, primeiro na sala Calvet da rúa Galera e despois a da rúa de Santo André, a do paseo da Mariña e a da rúa de Santa Caterina. Xa na década de 1960 pasaría á rúa Rubine para, finalmente, establecerse en 1972 na praza de Pontevedra, nun local doado por Pedro Barrié de la Maza, lugar que abandoou o pasado ano para se trasladar ao complexo deportivo de Abegondo, na súa área metropolitana. Na cidade, só fica o estadio, que conta tamén cun museo. Alí é a onde queren levar os dous murais de cerámica retirados este ano: un co escudo e outro co nome do clube. A súa autoría é do ceramista, debuxante e pintor Francisco Creo Rodríguez, natural de Noia mais moi vencellado á Coruña grazas ao obradoiro que tivo moitos anos na rúa do Rosario da cidade vella até o seu pasamento en 1987, cumpríndose pois o vindeiro ano corenta, feito que ben merecería algún tipo de homenaxe.

Fediverse reactions

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *