Ribadeando
Ribadeando
@ribadeando@blogs.amarinha.gal

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

8.573 posts
45 followers

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Obxectos instrumentais. Xosé Carlos Rodríguez Rañón


OBXECTOS INSTRUMENTAIS

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

O polifacético instrumentista catalán (residente en Ames desde a pandemia, onde namorou da lingua galega, que fala con total naturalidade) Xabier Lozano é quen de facer música cunha cadeira, unha muleta, un valado de plástico, unha vasoira, un ladrillo ou unha bicicleta. De feito, foi el quen deseñou a frauta-cadeira traveseira (de metal, que non de madeira) para que a tocara, como unha frautista de Hamelim do século XXI, a cantante Amaia, esa que participara nunha edición de Operación Triunfo e que agora é estrela convidada en todos os multitudinarios concertos indies de España.

Desde a prehistoria, o ser humano fixo música, non se conformando simplemente con imitar os ruídos producidos pola natureza. Para iso, empregou todo o que tivera a man: unha pedra, unha ponla, un óso, un pelexo de animal…

Iso mesmo lle aconteceu desde neno a Xabier. Comezou cun instrumento tradicional da súa terra, o “tible”, (agora que o estilo “tradi” é actual e está tan de moda, modificando de raíz o folclore até hai pouco considerado simplemente enxebre) para despois continuar co saxo do seu pai. Posteriormente, púxose a tocar diferentes tipos de frautas e canas. Sempre di que, para facelas soar, máis importante que o número de buratos é a lonxitude do tubo. Con vinte anos, descubriu que a muleta do seu avó non só era útil para que puidera camiñar, máis tamén para facela, musicalmente, soar.

Na actualidade, pode vivir en exclusiva da música, ben actuando en festivais e en centros de ensino ou ben colaborando en gravacións, filmes e bandas sonoras. Mesmo fundou Bufa&Sons, un terceto musical que el prefire denominar trío. A súa última xenialidade foi a creación dunha Banda de cadeiras encartables formada por trinta membros e na que estes fan soar os obxectos nos que, en principio, tiñan pensado sentar.

Fediverse reactions

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *