Ribadeando
Ribadeando
@ribadeando@blogs.amarinha.gal

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

8.517 posts
41 followers

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

FEIRA DA CIENCIA, RIBADEO 2026. Nota de prensa.


Unha nova edición da Feira da Ciencia de Ribadeo, a correspondente a 2026.

FEIRA DA CIENCIA, RIBADEO 2026

A Feira da Ciencia de Ribadeo 2026 está a piques de celebrase. Alumnado e profesorado do CEIP Plurilingüe Gregorio Sanz, CPR Plurilingüe Sagrado Corazón, CIFP Porta da Auga e IES de Ribadeo Dionisio Gamallo sumaremos esforzos para facer de Ribadeo, un faro de ciencia. Ese é o lema da XXXI edición que terá lugar os días 10 e 11 de xuño no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo. Así consta no cartel, basado nun debuxo do alumno Daniel Quirós e cun logo que representa o obxectivo común e a suma de esforzos dos catro centros ribadenses.

O mercores 10 de xuño, estará aberta ao público de 10 a 14 horas. A media mañá terá lugar a inauguración oficial coa recepción das autoridades e coa homenaxe ó profesor D. Francisco Diaz-Fierros Viqueira, Catedrático de Edafoloxía da USC e recentemente galardoado coa Medalla do Consello da Cultura Galega 2026.

O xoves 11, a Feira da Ciencia recibirá a visita de Dona Sonia Villapol, neurocientífica do Texas Medical Center de Houston que impartirá a conferencia de clausura ás 13 horas, aberta ó público e baixo o título “Un cerebro activado, un cerebro de preguntas”.

Para o alumnado e profesorado dos centros ribadenses é un orgullo poder contar coa axuda de dúas grandes figuras da ciencia e da cultura galegas, un home e unha muller que son grandes referentes e grandes colaboradores do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo. D. Francisco Díaz Fierros impartiu a Lección Inaugural do curso 2015-2016 e dende aquela tódolos cursos visita o Instituto con agasallos e con tempo como amosou na pasada edición da Feira da Ciencia, na que se interesou por tódolos proxectos presentados polo alumnado. Pola súa parte, Dona Sonia Villapol impartiu unha conferencia online na XXVI Feira da Ciencia, o curso post-pandemia, cando a actividade docente estaba bastante limitada, pero a visita a Ribadeo estaba pendente. Este curso, para celebrar o Día da Muller e da Nena na Ciencia, o alumnado de 2ESO C con Iván Varela, profesor de física e química, propuxeron nomear temporalmente a súa aula co nome de Sonia Villapol e a partir de aí Sonia mandou un video de agradecemento e ofreceuse para visitar o centro polo que pensamos en invitala a dar a conferencia de clausura da Feira da Ciencia e que desta forma, alumnado e profesorado dos catro centros ribadenses puideramos disfrutar da súa presenza.

En definitiva, haberá moito que ver na XXXI Feira da Ciencia, merecerá a pena a visita, o alumnado seguirá sendo protagonista e trataremos de que Ribadeo sexa un ano máis un faro de ciencia.

Susi Besteiro

Coordinadora da Feira da Ciencia, Ribadeo 2026

Fediverse reactions

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *