“O PIANISTA DA MAN ESQUERDA”
Así alcuman a Manuel López (o capitán Garfio do piano e tan virtuoso como o invidente Zubiri), amante dese instrumento desde que comezara, en Pozuelo de Alarcón, primeiro só a apalpalo timidamente e despois a tocalo teimudamente con catro anos vendo circular as notas polo pentagrama como coches de choque batendo contra as barreiras dos compases segundo relata a xornalista Carolina Sertal en plástica imaxe. Desde ese intre díxolle á súa nai: “Mamá, quiero ser pianista” (que non artista como cantara Concha Velasco).
Na adolescencia, deu un desafortunado golpe na man dereita o que, co tempo, lle provocaría encorvadura dos dedos. Tras varias infrutuosas intervencións cirúrxicas e unha fonda depresión, decidiu abandonar a música. Ademais, durante unha desas operacións, sufriu un ictus que lle deixou pegadas cognitivas e eivado o lado destro.
Aínda así, retomou a súa paixón e procurou partituras orixinais zurdas de compositores como Chopin ou Debussy. Ao piano, a melodía executada coa man esquerda é habitualmente un simple acompañamento da principal realizada coa dereita. Por iso, e para abranguer un repertorio máis amplo, decidiu facer persoalmente adaptacións de obras de Falla ou Paco de Lucía. Nestes casos, usa o dedo polgar para marcar os sons que debería realizar unha man dereita e axúdase dos pedais para mellor ligar as notas como amosou nun concerto en Vigo o pasado Día dos Namorados.
Eu tamén comecei de neno co piano de meu pai (de marca italiana e de segunda man, mercado en Ribadeo mais procedente da Alemaña) e, igual ca el, deixeino axiña. Interesárono máis os pasteis e a min as linguas. El só se lembraba de tocar “Fumando espero” e eu de Diabelli algunha das súas sonatinas.
