Ribadeando
Ribadeando
@ribadeando@blogs.amarinha.gal

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

8.461 posts
38 followers

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

PARENTESCO PICASSIANO. Xosé Carlos Rodríguez Rañón


PARENTESCO PICASSIANO

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

O Quiosco Afonso, preparado para unha edición de Viñetas dende o Atlántico. CC0 Ulises.Ferso en Wikimedia Commons

Poucas semanas despois de que se inugurase na Coruña a remodelación do museo Picasso nunha das dúas vivendas que o pintor habitara na cidade sendo neno, abriuse ao público no Quiosko Afonso e até o pasado mes de febreiro unha exposición do tamén pintor (e artista multidisciplinar) Xavier Vilató, un seu sobriño-neto.

É a súa primeira retrospectiva na Galiza e abrangue cinco intensas décadas, de 1975 (casualmente o ano do pasamento de Pablo Ruiz Picasso) a 2025. Vilató naceu en Boulogne-Billancourt mais, como o seu parente, tamén di que se sente un chisco galego, outro malagueño, un pouco catalán e un moito parisino, non necesariamente nesta orde.

Recoñeceu que as referenzas familiares que tiña da cidade herculina eran abondo tétricas xa que nela finaría aos sete anos Conchita, irmá do xenio cubista. Pola contra, nesta primeira visita a urbe abraiouno mesmo até o punto de percibir todo o contrario do que lle tiñan contado e vela como unha localidade moderna, rebuldeira e luminosa.

Vilató criouse boa parte da súa infancia con Pablo, de aí as súas influenzas postcubistas. Tamén miraría con moita atención a obra de Miró (amigo do seu tío-avó) e reflexionaría sobre o mundo dos soños na pintura como fixeran os surrealistas.

Do mesmo xeito que o seu parente, non só se adicou á pintura mais tamén á litografía, á cerámica e á escultura, disciplinas nas que Picasso destacaría e que traballou nomeadamente durante as súas estadías na Costa Azul provenzal.

Na súa obra tan diversa é consciente da pegada picassiana aínda que subliñou que Picasso nunca se adicaba nin a instruír nin a adoutrinar. En todo caso e como el mesmo confesa, tivo a sorte de coñecer a obra do seu tío-avó antes de saber quen era ese afamado pintor, o que lle permitiu ser máis independente nas súas propias composicións.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *