OS LIBROS VAN Á OFICINA

Quen ía imaxinar que o fomento da lectura entre traballadores e profesionais sería algo a potenciar para mellorar o seu benestar físico e mental, o seu rendemento no traballo e a comodidade “in situ” durante a súa xornada laboral. Empresas e fábricas de todo tipo (mesmo equipos como o Athletic de Bilbao, clube que tamén participou nunha campaña publicitaria de animación á lectura protagonizada polos seus xogadores Dani Vivian e Nico Williams) mudaron a súa visión sobre o libro como elemento de distracción para pasar a potencialo sen complexos e mesmo con verdadeira devoción.
É o caso dos clubes de lectura creados en Dragados, Acciona, Navantia, Airbus, Nissan, BBVA ou La Caixa. Neles lense, trimestralmente, obras de autores, estilos e períodos diversos, amais de contar con faladoiros on line ou tertulias presenciais de escritores en activo como foi o caso, por poñer un exemplo recente, de Vila-Matas.
As lecturas escóllense tamén seguindo criterios como a diversidade de xéneros, a existencia de versión dixital en libro electrónico, a dispoñibilidade de exemplares en bibliotecas públicas próximas ou o prezo de cada volume na edición en papel. A estas iniciativas sumáronse varias editoriais que crearon os seus propios clubes de lectura (por incríbel que pareza aínda non os tiñan, nin a ninguén se lle ocorrira) entre os seus empregados.
Habería que engadir (desde hai xa unha década) actuacións culturais promovidas por algúns sindicatos como o proxecto “Los libros, a las fábricas” para dar resposta aos altos indicadores de absentismo (e abstencionismo) non laboral, mais si lector. Así, ideáronse clubes de lectura itinerantes de empresa en empresa como se se tratasen de antigos trobadores ou xograres medievais, de compañías teatrais nómades do “Siglo de Oro” español ou das “Misiones Pedagógicas” ambulantes durante a II República.
