POP

Esta abreviatura podería facer referencia a un tipo concreto de música, a algo relativo ao xenérico pobo ou a algunha cousa e/ou persoa coñecida ou famosa, mais non. Neste caso refírese a un tipo de droga vasodilatadora e potenciadora da euforia e do desexo sexual por inhalación (Popper), chamada así polo ruído que fan ao se abriren os seus acristalados e diminutos botes. Outras das súas “poéticas” denominacións son, por exemplo, “zume da selva”, “ouro líquido” ou “TNT”. Poderían ser nomes de videoxogos de última xeración, de grupos musicais ou de cancións de moda, xa que mesmo o grupo galego Boyanka Kostova lle adicou o tema “Popper na furgoneta”.
Está comprobado que adoita provocar danos na retina con perda temporal de visión, lesións neurolóxicas, vertixe, mareos, dor de cabeza e de estómago, náuseas e vómitos, baixadas ou subidas da presión arterial, taquicardias e mesmo a morte en grandes doses ou mesturada con outros estupefacientes (como speed, MDMA, anfetaminas ou cocaína) nesas sesións de “chemsex” (sexo con axuda da química, e non só por sentir atracción química) que, polo visto, tanto proliferan na era dixital. A súa venda está prohibida en España, mais na rede adoita aparecer camuflada baixo a etiqueta de esmalte de uñas e a un prezo moi competitivo. “¡Cosas veredes, amigo Sancho!”.
A súa proliferación actual fíxome lembrar a década de 1990 cando eu estudaba filoloxía en Compostela. Foi no século e mesmo no milenio pasado mais, xa daquela, oíra eu falar do eufórico líquido libidinoso (“Nada novo baixo o sol”, como adoita acontecer). Lembro que o seu uso nas discotecas era case tan habitual como o do alcol ou o do tabaco. Sobre el dicíase desde que era a éxtase sexual até que facía o mesmo efecto que un simple desconxestionador nasal. Coma sempre, “cada un falaba da feira segundo lle fora nela”.
