
Hai moito tempo xa que Bic foi sinónimo de bolígrafo. Hoxe coido que todo o mundo entende, se se lle di ‘pásame un bic’, que se lle está a pedir un bolígrafo; a marca non perdeu aínda esa ligazón, pero está a piques de perdela.
Mais ó nome da empresa asociado ó bolígrafo, ao menos en Ribadeo, saíulle un competidor forte, os BIC, os Bens de Interese Comunitario. Cinguíndonos a Ribadeo, casos como son a Muralla, a Torre dos Moreno, o conxunto histórico (‘casco vello’) de Ribadeo, o Camiño norte, e o Forte de San Damián, aínda que non aínda a Illa Pancha e algún outro que pode chegar a selo (https://abertos.xunta.gal/catalogo/administracion-publica/-/dataset/0375/bens-interese-cultural-bic/001/descarga-directa-ficheiro.ods). En relación co forte, precisamente, estes días pasados tivo lugar o encontro ‘Ribadeo cara ao Mar’, ‘Xornadas arredor do Forte de San Damián 2025’.

As xornadas tiveron unha mesa redonda final cun tema que estimo é sumamente raro en Ribadeo; de feito aplaudín porque entendo que é a primeira vez que teño noticia que se tratara de xeito máis ou menos relacionado coas institucións e de forma aberta o futuro dun ben público, neste caso o BIC Forte de San Damián. En certa forma, iso ven a significar unha especie de maioría de idade do BIC, a súa entrada na sociedade que o xerou mantendo unha voz de ti a ti coa xente.
A máis dos catro integrantes da mesa e posteriormente o alcalde de Ribadeo, que pasou a formar parte dela, puideron participar as persoas do público que quixeron. Se ben hai que dicir que houbo menos xente que noutras actividades das xornadas, e que a intervención foi reducida, perdendo quizais por ese motivo parte da pegada que podía ter tido, que aínda así estimo foi abondosa.
Na mesa redonda apuntouse á necesidade de persoal para a atención e a dificultade do seu mantemento (do persoal e do propio entorno), o desexable evitar do uso para festas particulares sen relación co entorno ou a petición dun centro de interpretación. Facendo fincapé nalgunhas das miñas propostas (en particular, polo que explico en baixo), na máis de hora e media que durou, apuntei:
- A posibilidade de apertura do recinto do forte como parque, á vista da agradable estancia que estabamos a ter sentados ó aire libre. Para elo, uns bancos non virían mal.
- A conveniente integración nunha ‘ruta das defensas da ría’ interautonómica, como baluarte principal que podería albergar un centro de dinamización máis ca un típico centro de ‘interpretación’. Tendo en conta a máis que se tiña falado con anterioridade do erro que é hoxe por hoxe o ‘Centro de interpretación da ría’ en Sta. Cruz, ó que me teño referido en diversas ocasións.
- A necesaria integración e coordinación nunha rede de lugares senlleiros de Ribadeo, tentando aproveitar sinerxias, difusión e atracción. A ter en conta que, de feito, as xornadas tiveron actividade sedentaria en tres lugares diferentes. A máis do Forte, na Capela da Atalaia e no Salón dos Alcaldes da Casa Consistorial. Ribadeo, ó igual que toda Galicia, ten moitas pequenas cousas que se farían visibles e apoiarían mutuamente encaixadas nunha rede tal.
- A consideración do dito ‘Deixade que os nenos se acheguen a min, porque deles é o reino dos ceos’: actividades dirixidas para unha franxa de idade que logo se pode ir estendendo, pois o forte (e moitos BIC, como a vida) ten lectura e atracción a diferentes idades. Isto encadra co que xa fora tratado con anterioriedade de prestarse a visitas dos colexios, sendo nembargantes unha idea ben diferente.
- O forte non ten por que estar cerrado a actividades diversificadoras. Así, a máis da súa base histórica, pode ser tamén cabeza de visitas xeolóxicas ós seus arredores, dunha beleza e xeoloxía que non lle teñen que envidiar ós das Catedrais. E tamén se pode usar para exposicións permanentes. De feito, nese sentido, poderá ser ou non adecuado lugar para a ampla colección de cunchas e bolboretas de David Antonio López Álvarez, hoxe por hoxe case invisible, pero pode acubillar no futuro algunha outra colección que beneficia ó lugar e se beneficiase do acubillo.
Hai un vídeo (todos os encontros das xornadas foron gravados) da mesa redonda, accesible en https://www.youtube.com/watch?v=1yalQ8xHCWM . A dicir que os meus comentarios, dende a zona de público, apenas son audibles se non se fedella nos mandos do son. Por outra banda, algo longo (hora e media), pero interesante non só para o futuro do forte.