Ribadeando
Ribadeando
@ribadeando@blogs.amarinha.gal

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

8.313 posts
29 followers

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

ILUSTRACIÓN FRANCESA. Xosé Carlos Rodríguez Rañón


ILUSTRACIÓN FRANCESA

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

Non me refiro á enciclopedística e revolucionaria do século XVIII, mais á actual da banda deseñada na que Francia (xunto con Bélxica e Xapón, por exemplo) é unha potencia mundial. Que llo digan se non á parella de ilustradores (afincados en Vigo) formada polo madrileño Víctor L. Pinel e pola galega Alicia Jaraba, cuxos cómics se publican antes en Francia que na Galiza ou en España. Ambos os dous afirman que traballar para o mercado galo e francófono lles permite vivir do que debuxan, escriben e ilustran, cousa que sería case imposíbel aquí. No Hexágono, polo visto, son maiores as tiraxes, o número de librarías especializadas e os salarios. Tamén os impostos e os prezos, claro. En todo caso, eles xa pensan as súas obras basicamente primeiro para os gustos dese público específico e mesmo as escriben, na súa versión orixinal, en francés.

Jaraba (quen tamén é filóloga) traduciu ela mesma despois a súa obra “Lejos” (na que, inspirada na crise sentimental duns amigos, unha moza debe decidir nunha viaxe en furgoneta co seu namorado que vai facer coa súa vida e con el) ao castelán.

Pola súa banda, Pinel estivo en Angulema (a capital do cómic por excelencia en Francia) unha tempada. Desa experiencia, ambientou a súa última obra ilustrada nunha urbe próxima: Bordeos. “Piezas” (que naceu como unha serie de viñetas diarias nun blogue seu) narra a historia dun rapaz que traballa nunha residencia da terceira idade e que alí se fai amigo dunha anciá pouco sociábel e nada falangueira grazas ao xadrez.

Hai xa anos, cando eu visitei Angulema de camiño á Bretaña nun verán, fiquei abraiado coa cantidade de murais pintados por toda a localidade, algo que daquela aquí era aínda impensábel, co de moda que están agora en calquera parte. De feito, moito do noso enxebre e abondoso feísmo está sendo lixeiramente corrixido con iniciativas deste tipo.

Cartel do conurso escolar de banda deseñada en Agulema este ano.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *