Ribadeando
Ribadeando
@ribadeando@blogs.amarinha.gal

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

8.298 posts
28 followers

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

ORDENADOR RAPEIRO. Xosé Carlos Rodríguez Rañón


ORDENADOR RAPEIRO

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

Regueifa en Noia (arredor de 1910). Imaxe no Dominio Público, collida de Wikimedia Commons.

Con el rapeará en directo o cantante madrileño Bnet, desafiando así a intelixencia artificial, creada neste caso por un equipo de especialistas galegos afincados en Navarra e formado por directores de cinema, de fotografía e por artistas en 3D. Algúns dos seus membros (que xa contan tamén co seu duplo virtual para dar, por exemplo, conferencias e faladoiros) mesmo acadaron un Goya á mellor curtametraxe de animación, titulada Cafuné. O proxecto conta coa colaboración de Telefónica.

Esta batalla de galos ou rap “free style” (caracterizada pola rapidez e a agudeza verbais) poderase seguir polas redes sociais en tempo real. Para adestrar o seu xemelgo dixital, o rapeiro estivo rapeando con el durante varios meses sen parar. Ademais, empregou as súas propias cancións para retar a máquina e, ao mesmo tempo, adestrala. Este estilo musical está moi de moda, desde hai xa algúns anos, na América hispana caribeña e tamén nos EEUU, xénero no que triunfa o “spanglish” como elemento vehicular.

En Corea do Sur e Xapón xa hai tempo que os robots humanoides ou os hologramas teñen, entre outras, a profesión de cantantes, arrastrando milleiros de seareiros afervoados e converténdose en verdadeiros fenómenos de masas. Mesmo hai persoas (solitarias, misántropas e non sei se moi equilibradas) que namoraron da súa parella virtual e decidiron formalizar a relación até o punto de casar. Imaxino que será algo semellante ao que poida acontecer co agarimo que algúns humanos lle poidan ter a unha mascota, ao seu coche ou a un obxecto cun forte valor económico ou sentimental.

Non obstante, case todo está xa inventado. De feito, na bisbarra de Bergantiños, por exemplo, está moi viva aínda a tradición da regueifa, ese diálogo desafiante cantado e retranqueiro entre dous contrincantes que se pelexan verbalmente como se turran, durante a “berrea” os cervos. Non soa tan moderno, mais évos exactamente o mesmo.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *