Ribadeando
Ribadeando
@ribadeando@blogs.amarinha.gal

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

8.277 posts
28 followers

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

“ME HAS ROBADO EL CORAZÓN”. Xosé Carlos Rodríguez Rañón


“ME HAS ROBADO EL CORAZÓN”

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

O ‘banco’ do ‘roubo’

Así se titula o novo filme protagonizado por Óscar Casas e producido pola compostelá Ficción Producciones cuxa rodaxe tivo lugar en varios puntos da Galiza durante o mes de febreiro, entre eles, Verín e Santiago. No elenco atópanse tamén actores como Antonio Pagudo (Javi na serie “La que se avecina”) e outros galegos tan (re)coñecidos como Luis Zahera (xa case o alter ego de Feijoo) ou Miguel de Lira. A trama da fita desenvólvese nun ambiente festeiro de entroido, de aí as abondosas localizacións paisaxísticas e urbanas no triángulo máxico ourensán do carnaval.

Quixo a casualidade que as esceas gravadas en Santiago elixisen como decorado a rúa na que vivo desde a ano pasado, moi perto da praza da Galiza, onde o baixo andar baleiro dun edificio foi aproveitado como sucursal bancaria. Arredor da zona amoreáronse moitos veciños e curiosos para comentar e seguir a rodaxe, que se prolongou ao longo de todo un día, co conseguinte corte da rúa e do tránsito de persoas e vehículos a certas horas. A verdade é que non descarto que saia de extra ao lonxe no fondo dun plano saíndo co coche do garaxe ou cargado de bolsas do supermercado.

Na rodaxe tamén estaba como espectadora Ana Mena, a cantante coa que se relaciona sentimentalmente a Óscar Casas. Xa coincidiran como protagonistas en “Ídolos”, unha historia de amor na ficción entre un piloto de motociclismo e unha tatuadora, historia de amor que polo visto tamén se dá entre eles dous na vida real.

No seu tempo de lecer, disque foron vistos tamén con moita complicaidade polo paseo da Ferradura da alameda e por varias rúas da zona vella. Mesmo se sabe que se aloxaron nun dos hoteis máis fermosos da cidade, A Quinta da Auga, situado ás aforas e a onde eu asistín como convidado hai xa uns cantos anos ao meu primeiro casorio gai.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *