
MUSAS DRAG
Da escuridade e marxinalidade de antano, á luz e á alta sociedade de hogano, solicitando cachés de verdadeiras estrelas da música, do cinema, da televisión ou de internet. Son as novas musas do transformismo e do pop máis kitsch, con milleiros de seareiros polo mundo enteiro e vestidas polos máis prestixiosos modistos como Jean-Paul Gaultier ou Moschino. As marcas de estética e beleza, como L’Oréal, pelexan para que protagonicen os seus anuncios por elas e divas como Madonna solicitan a súa colaboración para espectáculos internacionais multitudinarios e de grandes dimensións.
Drag Race, o formato televisivo que iniciou en 2009 Ru Paul leva xa gañados 29 premios Emmy ao mellor “reality” de competición. Nas súas diferentes edicións, fixo dalgunhas das concursantes verdadeiros fenómenos de masas. Desa experiencia (e da de “Got Talent America”), naceu a serie de Netflix “Dancing Queen”, título baseado na coñecida canción do grupo sueco Abba. Moitas das súas protagonistas non soamente pretenden ser estrelas do espectáculo, mais tamén referentes para as novas xeracións, eses referentes que elas mesmas non tiveron de novas, cando tan necesarios lles serían.
Simpáticas, arroutadas, atrevidas, descaradas e activistas, cren no poder transformador da feminidade tanto para as propias mulleres como para toda a sociedade. O seu discurso reivindicativo, o seu exemplo e o seu heroísmo son o revulsivo perfecto para os eslóganes reaccionarios e regresivos, tan ultimamente a cotío enaltecidos.
A historia da Humanidade é cíclica, mais sempre movéndose cara adiante, aínda que non sexa sempre en liña recta. Seguen a ser malos tempos para a lírica, mais todo pasa e todo cambia. En 2022, por exemplo, Tennessee converteuse no primeiro estado dos EEUU en prohibir os espectáculos de “Drag Queens”. Esperpéntico, non si?