Hai xa unha semana que os presidentes de Galicia e Asturias reunironse en Ribadeo. Coido que a difusión anterior á xuntanza non abondou, mais aínda así parece debeu ser un acto para a galería polo lugar onde foi -‘Encuentros en el Eo’, e patrocinado por un medio galego con intereses tamén en Asturias-. Desenvolto no auditorio municipal de Ribadeo o pasado 28 de novembro, participou (invitado, non a falar de xeito directo) nel tamén o alcalde, como Presidente tamén do lugar anfitrión (o ‘Eo’, ó que parece). E a ambos lles entregou un documento que deixo a continuación. Un documento que se entendería político, pero que tras a lectura coido que vai ao menos tanto dirixido á cidadanía como ós políticos de diversas administracións, presentes ou ausentes.
Escrito entregado aos presidentes da Xunta e do Principado (novembro 2022)
Á atención do Presidente da Xunta de Galicia
Á atención do Presidente do Principado de Asturias
RIBADEO E A RÍA DE RIBADEO COMO LUGAR DE ENCONTRO
En Ribadeo, a Porta Norte de Galicia, levamos con moito orgullo o feito de ser un pobo acolledor e un cruce de camiños dos de aquí e dos de aló.
Tamén nos enche de orgullo vivir ao pé dunha Ría que non separa, senón que une a galegos e asturianos. A Ría de Ribadeo, co seu nome histórico, científico e tradicional, toma o nome da poboación portuaria máis importante ao longo da historia, ao igual que o fan o resto de rías sexan de Galiza, Asturias, do Atlántico ou do Cantábrico. Por iso, estamos moi contrariados pola Resolución que adoptou o Instituto Geográfico Nacional e que sen dúbida apelaremos para que se faga xustiza, pois a Ría é de todos e de todas, pero o seu lexítimo nome foi e é Ría de Ribadeo.
No entanto, e máis aló deste debate interesado polo nome, quizais para desviar o foco de atención doutras carencias, seguimos vendo moi pouca preocupación pola situación ambiental do espazo e a necesidade de conservación da Ría e a súa contorna como un espazo natural fundamental, tanto para Galiza como para Asturias.
SANEAMENTO DA RÍA DE RIBADEO
A calidade sanitaria das augas residuais que verquen na Ría, produto dos asentamentos de poboación nas súas beiras, segue sen ser a mellor. E de maneira concreta, deben requirir especial atención as que veñen de Asturias. Cómpre dunha vez por todas resolver as verteduras, os emisarios rotos e os alivios que se aprecian a simple vista coa baixamar e que aportan unha cantidade inxustificada de bacterias coliformes. Estes feitos non son en absoluto beneficiosos para a flora e para a fauna da Ría, nin en consecuencia para os habitantes das dúas beiras. Débense poñer prazos para resolver isto.
AVANZAR DE XEITO DECISIVO NA ELIMINACIÓN DE INVASORAS E PLANTACIÓN DE AUTÓCTONAS COMO FACEMOS EN RIBADEO.
Como tamén cómpre estender a ambas as dúas beiras da Ría o que desde o Concello de Ribadeo levamos anos facendo como auténticos Quixotes nun mundo onde as outras administracións seguen a mirar con desleixo para o outro lado: Substituír as masas forestais de especies exóticas e invasoras por outras frondosas autóctonas. Unha palmeira, unha acacia ou un eucalipto poden estar perfectamente nun parque urbano. No espazo natural da ribeira da Ría non.
Sabemos que a cidadanía o está a valorar positivamente e que continuamente nos anima a completar esta tarefa por toda a nosa ribeira até o límite do Concello, pero precisamos doutras administracións para avanzar máis axiña, e que á volta de poucos anos poidamos ver as dúas ribeiras como unha marabilla natural, viva e con todo o seu esplendor.
AXUNTAR E COORDINAR ESFORZOS ENTRE ADMINISTRACIÓNS
Tamén facemos unha chamada a axuntar esforzos por parte da Xunta, do Principado e do Goberno do Estado para ben dos nosos paisanos e paisanas. Primeiramente requirimos axuda decidida da Xunta de Galicia para renovar a vella acometida principal de auga da que nos servimos Ribadeo e Trabada e que pasa polo antigo trazado do tren mineiro.
E seguidamente, necesitamos a colaboración entre o Goberno do Estado, a Xunta e o Principado para facer da antiga vía do tren mineiro Ribadeo – Vilaodriz unha vía verde entre Ribadeo, Trabada, San Tirso e A Pontenova, que sería unha das rutas verdes máis importantes a nivel do Estado. Unha oportunidade turística, deportiva, socioeconómica de primeiro nivel. Os alcaldes e máis a alcaldesa destes Concellos levamos anos loitando por este proxecto que sería marabilloso para os veciños e as veciñas desta comarca natural.
Alegrámonos moitísimo de ter aquí aos Presidentes da Xunta de Galicia e máis do Principado de Asturias para expoñerlles todo isto porque agora é o momento. Agora é cando hai dispoñibilidade de fondos europeos para tal fin, xa sexan xestionados directamente polo Estado como transferidos as CC.AA. Agora non debe ser tempo de escusas, senón que debe ser tempo de vontades firmes.
CONCLUSIÓN
Se non teñen escusas, e se teñen vontade de levar todo isto adiante, terán en nós a máis leal colaboración e coordinación. Sabemos do que falamos, e sabemos o que queremos. Só queremos que vostedes tamén falen, acorden e fagan. As xentes de aquí e de acolá hánllelo agradecer.
Ribadeo, 28 de novembro de 2022
Asdo. O Alcalde de Ribadeo,
Rueda, Suárez e Barbón. |