Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Celeiro: entre o exemplo e a sa envidia. Pablo Mosquera Mata


 Celeiro: entre o exemplo e a sana envidia


Ser mariñán é un xeito muy específico de exercer o orgullo como galego. A Mariña forma un triángulo con vértices na Illa Pancha, Estaca de Bares e a Catedral de Mondoñedo. Para Cunqueiro era O Reino da Chuvia. Para os defensores do patrimonio integral, provincia de Mondoñedo e Diócese de Britonia con esa primeira sé en San Martiño.

 A cidade do Landro onde naceu Maruja Mallo, ten un porto que baña o mar, dando entrada e saída á flota pesqueira máis importante da nosa Galicia norteña, esa que limita con Inglaterra mar por medio; a que ten sido escola de mareantes e bravos patróns. Porto Celeiro; un lugar para escoitar e aprender dos veteráns como Laureano, Ramón, Parrocha, Tino, Antón. Fixéronse á mar sendo aínda nenos, teñen toda a autoridade da experiencia, esa que non figura nas enciclopedias, pero vivida intensa e extensa en cuberta e amuras entre barcos de madeira que gobernaban mans firmes como o ferro.


Gústame oírlles contar as súas historias nesas cantinas que miran á mar. Que cando se levanta vento mareiro trae area das nosas praias con perfume de algas. Gústame degustar un viño tinto mentres me ensinan como eran as singladuras, en cada costeira. Aínda se saben de memoria as coordenadas para atopar merluza ou bonito. Cada palabra, cada manobra, cada tripulación dan para unha novela ou un tratado como o que fixo Vicente Miguez e así degustalo nas aulas universitarias.


Teño envidia. Sa e cargada coa humildade de quen, coma min, admíraos e quere aprender. Son afortunado pola oportunidade que me brinda o tempo e o destino. Lamento que cando regreso ó meu porto, unha cheminea fumegante case me impida ver no horizonte marino ós Farallóns. É o símbolo negativo de como un pobo mariñeiro se ten convertido nunha factoría industrial que fede a fluor.

Pablo Mosquera Mata


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *