Remata de saír o número de maio de Chío, revista dixital da capital provincial que cumpre a súa vixésima saída e na que Ribadeo ten un oco. Este:
Un chío de primavera. Xa é primavera en Ribadeo
Hai non tantos anos ten sido célebre o anuncio ‘xa é primavera’
dunha nomeada cadea de comercios. Un anuncio que se apropiou dun dito
común anunciando a chegada da primavera ó frorecer os campos e con
eles os espritos. En Ribadeo tamén, xa é primavera. Vese no ánimo
das xentes, no florido dos campos, dos parques, pero tamén dos
tellados. Alí están os xardíns colgantes ribadenses, que animan a
mirar cara arriba todo o ano, pero sobre todo nesta época de cores
que alternan co verde e cun Sol que de cando en vez permite que as
nubes desparramen as súas gotas para permitir a milagre da vida.
Falo dos tellados, pero máis que ós tellados, o territorio ó que
me refiro son as canles que encamiñan as augas cara á baixante,
onde se acumulan asemade terras, pó, sementes ou cagadas de paxaros,
que en conxunto fan a base vivificante dese xardín do edén que
parece colgar e que se estende visible a pouco que poñamos atención.
A máis, o territorio esténdese polos altos dos muros das divisorias
e por moitos outros saíntes.
Pódese facer un estudo da terraformación nos tellados. O mesmo que
as illas que nacen dun volcán van sendo colonizadas pola vida pouco
a pouco, as cubertas comezan por ser manchadas e logo colonizados por
liques e musgo, criando o substrato fértil, formando a terra que
acubilla primeiro a pequenas plantas, pero nalgún caso a auténticas
árbores. Un descoido humano de adecentamento do propio que pasa a
ter acubillo e coidado da man da natureza, na procura de recobrar o
que é seu do inhóspito da nosa creación.
Dicimos que o ceo e azul e o mar é azul. Mais son diferentes azuis
entre si, e dun día, dun momento para outro, os cambios son
evidentes. Azuis si, pero cambiados: as verbas quédansenos escasas.
É un fenómeno coñecido a escaseza da lingua para algunhas cousas.
Na descrición da pimavera ocórrenos o mesmo. Grandes escritoras e
escritores tiveron nela inspiración, e mesmo nalgúns casos
parécenos que as súas verbas superan á vida que florece. Un paseo
sosegado, unha mirada atenta e apreciativa, amósanos que ate as
beiras máis humildes poden deixar pequenas as descricións
literarias. Remato de dar un paseo así en Ribadeo.
Antonio Gregorio Montes