Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Un novo Chío!


    A revista Chío do mes de decembro está xa á túa disposición. A máis da portada (enriba) e a miña colaboración (embaixo), deixo a ligazón á revista por se queres baixala ou vela en liña. Que a desfrutes! Pode ser a última nun tempo…


Un chío encantado

Hai tempo, nunha conversa intranscendente, dixen algo como que
calquera das nosas aldeas tiña lugares encantadores por descubrir.
Algúns, auténticas xoias; outros, lugares agradables a desfrutar.
En calquera caso, a desfrutar para o seu aproveitamento humano, polos
poboadores próximos, aínda que tamén se puidera aproveitar para o
desenvolvemento da zona. Despois de dicilo, quedei pensando se
coñecería -eu- no entorno da vila, ou no termo do concello, lugares
abondo para facer unha tal guía. E non, seguro que non coñezo todo
o que hai, pero si abondo como para facer non unha guía turística,
que non é a miña idea, senón un mapa de desfrute posible, un poñer
no punto de mira algúns lugares agradables.

Pouco despois da conversa, quedou o rural de Ribadeo sementado de
sinais e direccións indicando ‘Camiño do Encanto’. Tantas, que
ás veces nun cruce atopas para a esquerda e para dereita a sinal
repetida, a máis d que indica o sentido do que vés. Polo que parece
a cousa foi froito dunha subvención na que houbo algún tipo de
desaxuste entre a petición e a realización. De calquera xeito,
deume azos para tentar poñer nunha lista curiosidades, lugares ou
edificios a ver, de xeito de que quedaran salientados. E xa digo, non
como unha guía turística tradicional, senón máis ben como mapa de
sentimentos posibles, xerador de lembranzas agradables. Aínda que
sexa incompleto, que non me cabe dúbida de que o será, por espazo,
por descoñecemento e por folganza.

En Ribadeo, o mesmo que noutras poboacións, o ‘turismo’
concéntrase na vila principal, coa Torre dos Moreno como emblema, as
terrazas vivas que invaden o terreo dos cidadáns, os miradoiros
sobre a ría amosando unha beleza compartida, que non deixasalientar
a vila dos comerciantes na que se debulla unha historia xa pasada, as
casas dos indianos que unen un presente migratorio diferente, a ruta
das pedras da memoria que nos ensinan nomes e lugares que non debemos
esquecer, a sorpresiva Fonte Cavada… ou os seus arredores próximos,
miradoiro de Santa Cruz xa na parroquia de Ove ou illa Pancha, na de
Vilaselán. E claro, no caso concreto de Ribadeo, as moi famosas
Catedrais, na Devesa, que para este caso, non contan como
descoñecidas, e cuxo nome eclipsa (aínda que non a súa realidade)
á zona de Os castros, Illas ou Esteiro, na mesma parroquia.

E fóra diso? Por onde comezamos?

Uf! Sinxelamente, por algures. Por exemplo, polas varias rutas que se
poden aproveitar para recorrer dando un paseo ou facendo unha marcha.
A que vai pola costa, ligando as Aceas ó porto e paseo marítimo e
logo, costa da ría ata illa Pancha e seguindo pola beira do mar
-Catedrais incluídas- camiño de Barreiros, o ‘concello seguinte’
nese ‘Camiño do Cantábrico’. Ou a ‘Ruta da ría’ que saíndo
e retornando a Ove nos permite diferentes visións do entorno natural
da ría de Ribadeo. Ou a ruta do monte, saíndo tamén de Ove cara a
Remourelle (A Devesa), desviación ó Mondigo incluído, e que
permite asomarnos, xusto pasando a Barreiros, ás mellores vistas das
que coñezo sobre o Cantábrico. Ou prefires rutas máis
inexploradas? Proba seguir a antiga ruta do ferrocarril mineiro dende
que sae á ría nos Guildeiros (Ove) ata pasado Porto (Vilausende).
Iso si, vai preparado: non está sinalizada nin coidada.

Es máis de ver, a secas? Ó antedito, o Val de Noceda na Devesa
enche o espírito ó tempo que pode ser posto de exemplo de cunca
fluvial e vista ampla cos seus campos. Ou, dende diversos puntos,
Mondigo incluído (Covelas), o val do Río Grande e a súa variedade
dende a veciña Fórnea en Trabada ata a súa desembocadura entre Ove
e Vilausende.

Pode que sexas máis de lugares recollidos. Só baixarte do coche
permíteche estar nun pouco antes da desembocadura do río Grande,
contemplando os meandros ós que se une o río Pequeno. Claro que
tamén podes recollerte nas casetas dos varios miradoiros sobre a ría
-en Vilaselán, Ove, Vilausende… algún, a estas alturas, novo do
paquete- e illarte. Ou recorrer un par de centos de metros dende a
estrada para que sexa a propia natureza a que che ille no Pozo Mouro,
vendo correr as augas do rego de Lexoso antes de ser Río Grande, e o
seu accidentado descenso na propia fervenza.

Santuarios? Pásate por Vilaselán a contemplar os seus exvotos de
paso que entras no ambiente dunha igrexa que con moita probabilidade
te resultará diferente, sinxelamente. Ó fío do anterior, pode que
sexa máis do teu gusto o contemplar ou mergullarte en arquitectura.
San Juan de Ove, tan diferente e ó tempo parella á anterior. A
igrexa Santalla da Devesa, fermosa. O sinxelo adro do templo de San
Vicente de Covelas, a igrexa da Nosa Señora das Virtudes na Ponte de
Arante e os seus murais de hai máis de medio milenio… Por certo,
que non só de igrexas se compón a arquitectura do rural. Preto do
adro está o Pazo de Cedofeita, con lugares abondo no seu interior
para sentirse en diferentes ambientes e épocas, desfrutando en todo
caso.

Para min, a arquitectura funeraria ten marcado lugares aparte. O
cemiterio da vila está xa en terras de Ove, dende antes que o vello
fora substituído no seu lugar polo Parador de Turismo, e ten
particularidades como as vidreiras da súa capela ou o espazo para
autopsias, que cando menos son curiosidades. E o cemiterio da Devesa?
Preto da igrexa, coido que pode cualificarse de ‘cemiterio
indiano’…

Es de castros? Achégate ás Grobas (Vilaselán) e verás foxos e
catas na natureza do entorno actual dun antigo castro de costa. Por
suposto, hai uns cantos máis. Só os estudados a modo de exemplo no
libro sobre os castros de José Mª Rodríguez son sete!

E quedan … Rinlo (aínda non coñeces as súas cetáreas?),
Vilaframil e Piñeira (a costa agreste de Ribadeo) ou Couxela (onde a
ría de Ribadeo aínda é meandro), das que non dixen nada antes, a
máis doutras cousas que desfrutar nas parroquias xa citadas. E é
que, cen quilómetros cadrados de concello nunha terra querida dá
para moito!

Escrito por Agremon en Ribadeando, https://ribadeando.com, o blog de Ribadeo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *