“LIBERTAD SIN IRA”

Este ano cumpre cincuenta esa icónica canción así titulada interpretada polo grupo Jarcha. Lembrouno nunha reportaxe xornalística Lola Bon, galega de Cangas do Morrazo (emigrada a Huelva con só tres anos e de volta á súa terra hai case xa tres décadas) e integrante do conxunto musical (do que sairía tamén Martirio, aínda sen os seus lentes de sol característicos e sen as súas estrambóticas peinetas) que poría banda sonora á transición cara á democracia española. Defínese como “andaluza en Galicia y gallega en Andalucía” e aínda que sabe galego por ouvírllelo na súa casa onubense a seus pais, non quere renunciar ao persoal sotaque andaluz, que tamén considera seu.
Define esa Transición á que cantou como unha época “de pantalones estrechos y anchos deseos”. Con esa estética e esa ideoloxía naceu (estando vivo o ditador) Jarcha en 1972, grupo que primeiro se denominaría Escorpio e que versionaba en residencias de estudantes e de xubilados temas perseguidos da autoría de Silvio Rodríguez ou Pablo Milanés. O nome “jarcha” facía referenza á lírica medieval mozárabe de orixe popular como homenaxe á personalidade cultural dese sur periférico historicamente tan maltratado. Nos seus concertos foi onde se viron por primeira vez desde o período democrático da II República bandeiras vermellas do PCE, aínda clandestino e ilegalizado naquela altura até a aprobación da lei para a reforma política. De feito, a propia composición estivo tamén paradoxalmente prohibida e censurada.
En 2022 os integrantes primitivos ofreceron un concerto conmemorativo polo seu 50º aniversario. Agora Lola Bon segue vencellada á música mediante o canto coral na súa vila natal e aínda que só estivo seis anos naquela formación que formou musicalmente a varias xeracións recoñece que “quien pasó por Jarcha muere de Jarcha”.
