Adxunto nota de prensa da Agrupación Cultural Francisco Lanza:
Na memoria de Antonio Díaz Amor, Coté.
Con fondo pesar recibimos a noticia do pasamento do noso veciño, socio e membro colaborador da AC Francisco Lanza, e sobre todo amigo, Antonio Díaz Amor, Coté.
Participou de xeito activo na vida social e cultural ribadense sempre que tivo ocasión. Desde hai anos establecido nas terras de Soneira, tamén alí desenvolveu unha inxente labor cultural, nomeadamente no eido da música.
Aló onde estiver, en Compostela nos seus tempos de universitario, polas terras de Asturias, ou xa na costa do solpor, como ben gusta de chamala o seu amigo Xosé María Lema Suárez, o noso Coté sempre levou con orgullo a súa condición de ribadense e difundiu a vitalidade cultural de Ribadeo, na cal se involucrou activamente. Con que orgullo falaba do manual de lóxica formal de Alfredo Deaño polos corredores da facultade de Filosofía! Ben sabía a xente da Mariña en Compostela, e por extensión os demais, da intensa actividade cultural ribadense da nosa agrupación Francisco Lanza.
Foi membro do Consello de Redacción dos Cadernos ribadenses nos seus números 1, 2 e 3. Publicou tamén artigos en varios dos seus números. Ben fora para darnos a coñecer o ensaio do noso cronista oficial, Eduardo Gutiérrez, dedicado á figura de Alexandre Bóveda, ben fora para reflexionar sobre a reivindicación da diferencia abordando o dereito de autodeterminación nas sociedades modernas e a necesidade de reivindicarmos a diferenza nunha sociedade tecnolóxica cada vez máis uniformizadora, ben fora para render homenaxe a Hernán Naval no especial que lle dedicamos en maio de 2002, a súa achega estivo aí. E como imos esquecer a súa colaboración co fanzine O Pipelo desde o que con tanta sátira dabamos un “bo” repaso á actualidade política, social e cultural ribadense.
No seu artigo Reticencias. “Perseguidor”, dedicado a Hernán Naval cando a homenaxe xa citada, Coté despedíase del con estas verbas: “Amigo, esta derradeira reticencia, por desgraza, non remata como tódalas anteriores, nuns puntos suspensivos.
Remata nun silencio sempre vivo. Gracias e ata sempre. Amigo”. Para nós, a túa marcha repentina deixa un silencio fondo, pero tamén vivo, a través do recordo que manteremos sempre presente.
