FIDALGUÍA (IV)
AS ARCAS DAS TRES CHAVES / EPÍLOGO
Como xa referíamos, en nota aparte, no artigo anterior, chamábase Arca das tres chaves a unha caixa de madeira, prismática, con tapa abatible embisagrada e de certa envergadura, que se pechaba con tres cerraduras, cadansúa chave independente e de diferente combinación. Xeralmente o espazo interior contaba con estantes ou bandexas de quita e pon, que servían como divisións dun arquivo. Durante a Idade Moderna gardábanse, e custodiábanse nestas arcas, documentos oficiais que tiñan gran valor para o pobo, cidade, pazo, igrexa ou mosteiro: tumbos ou libros becerro, padróns, actas, escrituras, escritos varios (como contratos, parcerías comunais, cartas; caudais patrimoniais diversos, nos cales se conferían privilexios ás entidades e as comunidade por outorgamentos reais ou doutra índole, os cales foran axenciando ao largo da súa historia).
As chaves, como se pode ben entender, estaban distribuídas unha a unha, entre varias persoas de moita confianza para o colectivo veciñal, e no caso de que os documentos afectaran ó concello, unha delas tiña que ser confiada ó alcalde.
O día 11-Outubro-1758, na casa de D. Blas López de Cordido, en Villamar, freguesía de San Xusto de Cabarcos, o escribán D. Juan Francisco Bizoso, en presenza de D. Rosendo de Candia Xuíz e Xustiza ordinaria, ten por dilixencia ver a Arca de tres chaves que aquí se atopa, para rexistrar os papeis, coa individualidade correspondente, e principiando por eles atopouse en primeiro lugar o Padrón de Calle y Casa hitta, e do servicio ordinario y extraordinario do 12/13-Maio-1756, sendo Xuíz e Xustiza ordinaria desa xurisdición D. Francisco Pardo Alfeirán y Seijas, a fe e testemuña de D. Pedro Francisco Bizoso escribán de número dela. Aparece nomeado D. Juan Rodríguez procurador Xeral por entrambos estados, nobre e xeral, e electos polos veciños, repartidores e empadroadores polo Xeral, D. Antonio de Algara e D. Juan Fernández Maseda. Polo estado de nobres, D. Fernando González Santar e D. Carlos Villarino Vrior, veciños desta xurisdición do Coto de Cabarcos, no que está como merino D. Alonso de Vega y Maseda.
En dito padrón de Calle y Casa ytta, atópase entre as súas partidas e cláusulas o seguinte recoñecemento (1º) = “Asi mismo reconozer a Juan López Polido por hixo dalgo de Carta Ejecuttoria, tiene por su ijo lexitimo y de Rosenda Fernández su muxer, digo su segunda muxer, a Joseph López Polido y de Josepha López su terzera muxer a Domingo y a Juan Ramón López Polido, y de Josepha López su quarta muxer a Angel y Francisco López, Juana, Bernarda, María, Antonia, Theresa y Rosa López; dichos padrones con las firmas siguientes: A. Fernández Algara; Fernando Santar; Juan Fernández Maseda: Antemi Juan Francisco Bizoso”
Outro padrón do 27-Maio-1753 de Calle y Casaytta desta propia xurisdición, sendo Xuíz e Xustiza ordinaria D. Joseph Antonio Salgado y Cora. O referido escribán, Bizoso, é quen parece ter dado fe do escrito, con asistencia de D. Benito Rodríguez, procurador xeral, de D. Antonio de Algara e D. Juan Fernández Maseda empadroadores e repartidores polo estado xeral. Polo estado nobre D. Marcos González Santar e D. Fernando González Santar veciños da mesma xurisdición. Entre as partidas e cláusulas atópase un segundo recoñecemento de fidalgo de Carta executoria, de Juan, Joseph, Domingo y a Juan López Polido. Conclúen as firmas de D. Joseph Antonio Salgado y Cora; D. Benito Rodríguez; D. Antonio Fernández de Algara; D. Juan Fernández Maseda; D. Fernando González Santar; D. Marcos González Santar. Antemi, Pedro Francisco Bizoso.
Un terceiro recoñecemento do 5-maio-1750, semellante ós anteriores, de Juan e os seus fillos, ante D. Joseph Antonio Salgado y Cora Xuíz y Xustiza ordinaria; de D. Pedro Pérez Villarmea escribán da súa Maxestade; de D. Julian Rebellon procurador xeral da xurisdición e de dous peritos repartidores polo Estado Xeral: D. Juan Fernández Maseda e D. Domingo Gómez. Así mesmo, outros dous polo estado nobre, D. Francisco Ramón Alfeiran y Seixas e D. Pedro Bermudez Villapol, todos veciños desta mesma xurisdición como tamén o eran os xuíces. Conclúe o padrón coas firmas de D. Joseph Antonio Salgado y Cora; D. Francisco Pardo Alfeixar y Seixas; D. Pedro Bermudez Villapol; D. José Fernández Maseda; D. Pedro de Candia y Ponte. Testemuñas D. Domingo Gómez e D. Joseph Blas Fernández. Antemi, Pedro Perez Villarmea. [Nota: “Antemí”, é a expresión con que o escribán certifica e garante a autenticidade do expresado no escrito, firmándoo e rubricándoo]
Unha partida do 10-Maio-1747, relata o padrón de nobres, e de servizo ordinario e extraordinario con distinción dos estados nobre e pechero, formado por D. Joseph Antonio Salgado y Cora, Xuíz e Xustiza ordinaria que tamén, por entón, era desa referida xurisdición, a fe e testemuña de don Antonio Bermudez de Fraga escribán numerario dela. Era procurador xeral, electo polos veciños desta xurisdición, D. Francisco Pérez de Cordido, que representa á parte de “hombres buenos”, procuradores e empadroadores do Estado Xeral e Pechero. O Estado Nobre está representado por D. Juan Antonio de Veiga, D. Pedro Amor, D. Francisco Pardo Alfeixar y Seixas e D. Carlos López Villarino, uns e outros veciños desta freguesía, a excepción do escribán.
Outra partida do 15-Maio-1744, recoñece a Juan López Polido como hixo dalgo de Carta executtoria, describindo aos fillos das súas catro mulleres que tivera en lexítimos matrimonios, e o padrón conclúe coas firmas de D.Joseph Antonio Salgado y Cora, D. Juan Antonio de Candia Estua y Cancio, e como testemuñas D. Raphael López; D. Francisco Pardo Alfeiran y Seixas e D. Gregorio Gasalla y González. Antemi, escribán Antonio Bermudez de Fraga.
Atópanse na dita Arca das tres chaves, outros padróns dos estados nobre, xeral e extraordinario coas seguintes datas: 5-Maio-1741, 21-Maio-1738, 6-Maio-1735, 9-Maio-1732, 26-Abril-1729, 7-Maio-1726, 8-Maio-1723, 8-Maio-1720, 15-Abril-1717, 14-maio-1714, 15-Xuño-1711, 8-Novembro-1708, 23-Outubro-1705, 15-Febreiro-1702. O texto en todos eles é similar aos descritos, e cos mesmos recoñecementos de fidalguía dos susoditos, Juan López Polido e fillos: José, de Vilamartin Grande, fillo da 2ª nupcias con Dª. Rosenda López Díaz; Domingo, de San Miguel de Reinante e Juan Ramón, de San Pedro de Arante, da 3ª nupcias con Dª. Josefa Díaz de Aguiar. Nomear tamén a Juan Antonio López Polido, quen obtén Real Provisión o 5-Febreiro-1759, fillo de Juan e da 4ª nupcias con Dª. Josefa López de Riveira, veciña de San Pedro de Benquerencia, muller coa que tivo nove fillos.
Son relevantes estas datas, pois confirman a reunión trienal, de veciños e fidalgos, que se facía para confirmar os padróns, revisar os dereitos de cada estado, e se recoñecían novos fidalgos ou se negaban prebendas a algún deles que chegaba a vivir aos seus pobos, xeralmente por terse casado cunha moza do pobo, momento no cal empezaban os Preitos de Fidalguía, pois o novo veciño tiña que demostrar a súa liñaxe; trámite longo no tempo como xa viñemos relatando.
Para rematar esta serie de catro artigos, dicir que os Preitos de Fidalguía eran economicamente custosísimos, para chegar a ter as Cartas Executorias. Había que pagarlle a todo o mundo que se movía na causa. Temos, por exemplo, un dos pagos que pasou o escribán, Luís Joseph Fernández Cordido, o 11-Decembro-1758, cando recompila datos para o preito de fidalguía de José López Polido, veciño de Vilamartín Grande, quen paga a D. José Domínguez Aguera por dilixencias, 15 reais de vellón; ó Alcalde maior de Rivadeo, D. Antonio Juan de Rivadeneyra, 20 reais. Un total de 35 reais que pagara en nome de José, D. Joseph García Pertierra Santa Marina de Cedofeita. A súa vez, D. Francisco Villapol, escribán, por 14 días e medio de traballo cobra a razón de 400 marabedís por día, total de 5800 marabedís.
Facendo contas a razón de 1 real = 34 marabedís e 1 marabedí = 0,10 euros, 510+680+5800 = 6999 marabedís = 699 euros = 116.034 pesetas, o monto total. Si a finais da década de 1950 e a primeiros da de 1960 do pasado século, unha casa normal en Ribadeo costaba 50.000 pesetas, (tamén as había de 200.000 pts. e máis) dous séculos antes o costo do preito de fidalguía era moi caro, por non dicir carísimo. Merecía a pena este desembolso?
Vexamos os beneficios de ser fidalgo. Ó largo da historia houbo clases ou grupos sociais diversos. Igual que hoxe sigue habendo, e cada vez máis alongados na riqueza, uns dos outros. Nomes poderosos son os que exerceron un papel decisivo no destino dos pobos, particularmente no referente a propiedade das terras e a súa economía comercial. Na Galiza, quen primeiro percibiu estas clases foron os nosos grandes escritores, como Pardo Bazán, Valle Inclán, Vicente Risco ou Otero Pedrayo, e nas súas obras crearon personaxes arquetipos, especialmente fidalgos.
Na Galiza, os Reis Católicos fixeron unha desfeita total da aristocracia galega, aquela que se puxo a favor de Dª. Xoana (1462-1530), filla do rei Henrique IV, alcumada polos seus adversarios casteláns como “A Beltranexa”, pois así a facían ver o pobo, como filla bastarda do rei, e apoiaron o golpe de estado, e usurpación do poder real, de Isabel a Católica. Esta nunca perdoou aquela contra dos grandes aristócratas galegos, aínda que ela ostentara o nome da Casa de Trastámara. Trastámara, perla de Galiza, tiña títulos nobiliarios que eran como reliquias dos suevos-visigodos, pois eran Condes de Traba, de Trastámara e de Monterroso, e facían como virreis da Galiza (Vitoria Armesto, Galicia Feudal II, p.342). Foi un título que Afonso XI (1311-1350) no ano 1333 dá, como Condado de Trastámara, ao seu fillo bastardo Henrique e da súa concubina D.ª Leonor Núñez de Guzmán y Ponce de León, que sería Henrique II de Trastámara “O das Mercés” ou “O Fraticida”. A aristocracia galega, apoiara tamén ao lexítimo rei Pedro I “O Xusticeiro” (reinado 1350-1369), alcumado “O Cruel” segundo os nobres casteláns, que vían perdidos parte dos seus privilexios. Pedro I foi asasinado o 23-Marzo-1369 en Montiel polo seu medio irmán Henrique, quen primeiro se asañou coas familias da nobreza galega, pois lle deran as costas no seu ilegal conflito… Pero iso é outra historia que xa é coñecida de vello por nós, os galegos. (Léase, por exemplo, as páxinas de: Benito Vicetto Pérez, Historia de Galiza, ano 1872, tomo V, p.371 // V.A. Galicia Feudal II, p.373).
Pois ben. Ese nefasto desprezo insultante a Galiza, que xa comezara Henrique II, continuárono os Reis Católicos de forma sanguenta, inquisitiva, “doma e castración do Reyno de Galiza” desde o ano 1486, o que propiciou que unha caterva de personaxes servís, lambóns e aduladores crearan imaxes estereotipadas e ruíns dos galegos [Baltasar Porreño, Nobiliario del Reino de Galicia, 1997]. Algunhas destas mofas seguen no “ilustre” dicionario da RAE.
Aquel baleiro de poder aristocrático na Galiza, foi xermolo primixenio para a aparición da Fidalguía. Esta nova clase social foi conquistando lentamente recursos económicos, e fixo de “bisagra social” ou de intermediario entre o poder da alta nobreza e o campesiñado. A aristocracia galega foise indo da nosa Terra para a Corte e, o largo dos anos, foise mesturando con xente allea a Galiza, e perdeu ou esvaeceu a súa identidade, como a dos Condes de Altamira, de Lemos ou de Rivadavia, cuxas titularidades pasaron a ser de grandes casas españolas, tales como a de Medinaceli ou a de Alba (X.R. Barreiro Fernández, Historia de Galicia, volume XVIII, p.197)
A constitución e consolidación da fidalguía, segundo os estudos feitos, vai ocorrer, a partir da primeira década do século XVI. “Algúns nobiliarios din que son anteriores, pero estes foron escritos por amanuenses ó servizo das casas poderosas” (ibídem, X.R. Barreiro, p.197).
Os fundadores das casas fidalgas, eran persoas que non tiñan relación co mundo rural: escudeiros, que prestaban servizo aos condes que gobernaban os territorios; sacerdotes, xuíces e escribáns, quen foron adquirindo potestade de grandes forais eclesiásticos dos mosteiros, e fixéronse paseniñamente con ditos foros, os cales subarrendaban aos campesiños por rendas de maior ou menor usura, pero algúns fidalgos chegaron a ser subforeros de grandes extensións, e arrendaban con intereses até do 50% da produción bruta anual, que repartían entre eles mesmos e o arrendador.
Algúns destes fidalgos, non sempre, estaban en conivencia cos abades e priores monásticos, que transgredían os dereitos e regras do propio mosteiro ou do priorado, baixo as que vivían, para favorecer os intereses de grandes familias por motivos de parentesco. Estas decenas de fidalgos, non miles, como chegou a haber, foron os que crearon esa distinción de “castas”, realmente odiadas polo campesiñado e polos demais fidalgos, debido á devastadora usura con que se aproveitaban das xentes ás que lles tiñan aforadas as terras (Villares Paz, A Propiedade p.81-90)
Aquel fundamento da clase fidalga, que era o de ser intermediario das rendas das terras dos mosteiros, ou das dos pazos das familias aristócratas, permítelles acumular riqueza, sen ter relación co propio traballo da terra, pois tiñan prohibido por lei, traballos de “oficios mecánicos”. Esta prohibición, ó cabo dos anos, trouxo para moitos fidalgos grandes privacións económicas, pois a tipoloxía da fidalguía galega non era uniforme, o que traía precariedade para moitas das súas familias, os dereitos de fidalguía pasaban de pais a fillos e netos, e a cantidade de fidalgos sen rendas dabondo, chegou a ser enorme. Esta situación de pobreza, tampouco era rendible economicamente para a Facenda do Estado, e Carlos III, promulga en 18-marzo-1783, unha Cédula na que enaltece “A Honradez do Traballo”: “declárase, que non só o Oficio de Curtidor, senón tamén as demais Artes e Oficios de Ferreiro, Xastre, Zapateiro, Carpinteiro e outros deste modo, son honestos e honrados; e que o uso deles non envilece á familia, nin á persoa que os exerce, nin a inhabilita para obter os empregos municipais da República na que estean aveciñados os Artesáns e Menestrales que os exerciten…”. Por tanto, agora era honrado e honesto traballar coas mans, tanto como coa “cabeza”, podíanse exercer oficios artesáns, ate entón considerados viles e incompatibles coa nobreza de sangre.
A modo de EPÍLOGO deste tema sobre a Fidalguía, dicir que: “fidalgo” etimoloxicamente significa “fillo dalgo”. Estes eran, na gran maioría, cabaleiros que noutrora, loitaran corpo a corpo con inimigos que trataban de desbaratar aqueles principios nos que fundamentaban os seus valores de vida, as súas tradicións comunais. Os pobos onde moraban tiñan a súa propia historia e eles mantiñan un “status quo” de fidalgos, e cada pobo ou freguesía anotaba a súa procedencia e número, nunhas listas que formaban os chamados “Padróns de Nobres”.
En xeral, eran persoas que de forma honesta e exemplar se enfrontaban o devir da vida, e algúns primoxénitos que se quedaban coas terras e casa patrucial, tiñan que traballar tanto nos seus negocios comerciais, como o propio campesiñado nas terras, e moitas veces as rendas non lles daban máis que para manter a casa e o seu status de fidalgo. Mais os irmáns menores ou segundós, vinculados por sangre á casa fidalga, empregábanse de forma privilexiada na administración civil, xudicial ou eclesiástica, e medraron como a espuma do leite ó ferver, pois ocuparon as intendencias, facenda, e case todo o aparato burocrático da administración estatal. “Escribáns que tiñan vinculación familiar coa nobreza e fidalguía gozaban do privilexio de autenticar as escrituras dos arcebispos e bispos, de condes e marqueses, de canónicos, etc.” (Ibídem, X.R. Barreiro, p.223). En fin, esta “casta” de fidalgos, si que foi notable.
Pero para miles de fidalgos, non se trataba de distinción de clases ou de castas, como se sole tomar de forma antipática e antisocial para sinalar uns chanzos máis arriba ou máis abaixo a uns veciños doutros, en realidade era o “modus vivendi” de propietarios de terras, con modos de conducta distintos a do campesiñado debido a normas implantadas pola propia formación cultural. A Fidalguía é, ou debería ser, por principio, ese exemplo da forma de traballar con conciencia de honor, dignidade, con respecto ás tradicións familiares e as normas socias de convivencia cívica e en paz. Aqueles cabaleiros da Idade Media, distinguían a súa casa e liñaxe con diversas figuras que representaban de forma simbólica nos seus Escudos de Armas. Armas que estaban colocadas no campo do escudo dunha forma particular, e cada unha delas representaba unha distinción gañada por méritos ao servizo patrio ou o real, trazos que identificaban a súa casa, e que pasaron de xeración en xeración, chegando a ser característicos dos seus descendentes, moitos, dunha familia fidalga… pero iso é outra historia, que parte dela pode atoparse no libro: “Escudos de Armas do Concello de Ribadeo”, deste pequeno autor.
Despois dos artigos publicados, chégame información dos Polido, facilitada polo veciño, Alberto Paraje, a quen desde aquí lle dou expresivas grazas, información da que me facilita copia dun Preito de Fidalguía do ano 1552 (caixa 1552-0012), dos irmáns Pedro e Álvaro Polido, irmáns de Diego, noso 11º avó, veciños das terras de Navia de Suarna e de Burón, da Fonsagrada. Estas son terras que, cando obteñen as primeiras Cartas Executorias de Fidalguía os López Polido da nosa familia, pertencían á administración do Conde de Altamira, título concedido polos Reis Católicos en 4-Maio-1475, a D. Lope Sánchez de Ulloa e Moscoso, Señor de Altamira e de Moscoso, título ao que Felipe III lle outorga Grandeza de España en 31-Outubro-1613 (Fernando González-Doria, Diccionario Heráldico y Nobiliario, Ed.1994). Outra historia a investigar
(FIN)

— Artigos desta serie: —
2. https://blogs.amarinha.gal/ribadeando/2025/12/15/fidalguia-ii-xenealoxia-pancho-campos-dorado/
4. https://blogs.amarinha.gal/ribadeando/2026/02/04/as-arcas-das-tres-chaves-epilogo-pancho-campos/
