Ribadeando
Ribadeando
@ribadeando@blogs.amarinha.gal

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

8.433 posts
34 followers

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

K-LOVE. Xosé Carlos Rodríguez Rañón


K-LOVE

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

Corea do Sur no mundo. CCBYSA3.0 por Ksiom en https://commons.wikimedia.org/wiki/File:South_Korea_(orthographic_projection).svg

Amor por Corea (do Sul, obviamente) é o que, polo visto, está a suceder desde hai uns anos non só na Galiza e en España máis en Occidente. Semella que é este país o que substituíu o Xapón entre as preferenzas culturais asiáticas dos occidentais.

Lembrei este asunto lendo, hai xa unhas semanas, unha nova ao respecto no meu xornal de cabeceira: El Progreso. Nese intre, viñeron aos meus pensamentos dúas amigas miñas docentes (unha da Veiga e outra de Valdeorras) engaioladas pola cultura coreana a través das súas series televisivas e da beleza dalgúns dos seus actores, máis altos e con tez máis clara que o resto dos orientais, segundo os que prestan atención a estas cousas. O inicio desta “coreomanía” está na música pop do país (interpretada por grupos de xente moza cunha brillante posta en escea e cunhas espectaculares coreografías) que chegou a xerar, por emulación, mesmo un conxunto chamado ADT en Vilagarcía. Estes grupos tamén son usuarios das novas tecnoloxías, creando robots ou hologramas cantantes con tantos seareiros como calquera intérprete humano.

Outra canle de penetración desta moda son as redes sociais, nas que estes grupos actúan como verdadeiros “influencers” musicais. De feito, na Coruña, por exemplo, desde 2017 organízanse clases de danza e lingua coreanas, clubes de K-dramas e obradoiros de artesanía ou de cociña.

Son xa varios os restaurantes de comida típica inaugurados en Vigo, Ourense, Compostela ou A Coruña. Nesta última localidade, en 2021 abriu o Seoul Soul (Alma de Seúl), cuxo nome xoga coa pronuncia destas dúas palabras en inglés: “sol soul”. Nesa época eu vivía na cidade, mais non tiven coñecemento do devandito evento. Agora que vivo en Santiago terei que ler a novela “Galician nation: unha distopía K-pop” de Isabel Rei, profesora de música no seu conservatorio.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *