Ribadeando
Ribadeando
@ribadeando@blogs.amarinha.gal

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

8.416 posts
33 followers

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

FOLK STAR. Xosé Carlos Rodríguez Rañón


FOLK STAR

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

Álvaro Lafuente, por Pedro J Pacheco – traballo propio, CC BY-SA 4.0, https://commons.wikimedia.org/w/index.php?curid=173948483

Así habería que denominar a Álvaro Lafuente Calvo (de alcume artístico Guitarricadelafuente) nado en Benicàssim hai 27 anos. Artista atrevido e heterodoxo, é unha especie de Rodrigo Cuevas ou de Mondra pero valenciano. O seu último traballo (“Full time papi”), cun videoclip de alta voltaxe homoerótica (sedutora e nada pornográfica) e cunha coidada estética, está a ser para el unha segunda adolescencia vivida máis intensa e libremente que a primeira. Ademais, a parte de cantar, tamén debutará en poucos meses como actor no vindeiro filme de Los Javis, un dúo xa de sona abonda como para asegurarlle un éxito case garantido por anticipado, podendo converterse niso que agora está tan de moda entre os rapaces polifacéticos máis en boga: “mocator” (modelo, cantante e actor). Asemade, como indica o eslogan dunha das súas camisolas (“To look without fear”/Ollar sen medo), mirar é de balde, non é pecado, é provocador e non hai que infravalorar o causar admiración, sexa artística ou non.

Polo visto, este tema seu está sendo unha especie de banda sonora de moitas relacións sexuais entre a actual mocidade (onde van a Madonna ou o Pancho Céspedes da miña xuventude?!). Neste álbum, pola contra, o motivo sexual é máis esteticista que outra cousa, centrándose en aspectos como o medo a que todo remate (a noite, o tempo de viño e rosas, a diversión, o amor…), algo así como unha saudade anticipada semellante a iso que cantaba Sabina de que “no hay nostalgia peor que añorar lo que nunca jamás sucedió”. Recoñece o artista que tamén hai poética na morriña.

Este disco foi grabado en Los Ángeles e producido polo mesmo produtor de Justin Bieber, destacando o contraste entre unha voz solista e unha melodía instrumental doces, contrapostas a uns coros con retrousos testosterónicos. O rapaz promete, así que ollo!


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *