Comezos de ano. Día de Reis. Un bo día para lembrar que hai non moito unha persoa estranxeira coñecida preguntoume polo Altruán. Tiña curiosidade despois de ter mercado unha reprodución dunha imaxe del en Vivín. A imaxe impactoulle e naceulle o formigueo de saber máis da vida deste home de Ribadeo. Díxenlle o que puiden daquela, e prometinlle máis, se o daba atopado sen moito esforzo. Mirei por algures, preguntei á miña vez, e aquí deixo ‘algo máis’, collido de aquí e de acolá, sen pretender un estudo en profundidade.

O Altruán é hoxe en Ribadeo para moitos un símbolo de dedicación e amor ó mar como prolongación da ría de Ribadeo. Unha ría concibida como a súa casa, lugar de traballo e refuxio. E un símbolo que ten unha representación física no cadro que se garda no salón de plenos de concello de Ribadeo.
O seu nome real, Celestino Alonso, é abondo máis descoñecido que o seu alcume. De igual xeito, moitas partes da súa vida quedan na néboa dos datos. Así, sábese que naceu a principios do século XX en Ribadeo, pero non se precisa a data, accesible de fixo no rexistro. A súa familia, como moitas outras, dependía do mar para a subsistencia, o que fixo que dende novo aprendera as habilidades básicas da navegación e da pesca. Como mariñeiro que era, coñecía os segredos das embarcacións e do entorno no que se movía. Aínda así, sería parello a moitos outros compañeiros, pero ó revés do que sucedeu con eles, deixou pegada na mentalidade popular. Pode que polo seu espírito, concibido como bonachón, altruísta, disposto a axudar ós máis, si, pero tamén -e moito-, á súa lembranza contribuíu unha lenda, aquela que indica que, de novo “houbo unha pelexa brava e a xente non se atrevía a meterse. Celestino [o Altruán] si o fixo, e debeunos separar cunha certa épica. A partír de aí, a xente comezou a dicir ‘¡Mira o altruán!, ¡Mira o altruán!’…”. Recollendo o que se pode atopar na ‘Contribución da Universidade de Vigo a un dicionario galego’ (accesible en pdf na rede), “altruán, -a. V. altruaneiro. // altruaneiro, -a. adx. Aplícase á persoa que está ociosa e non quere traballar“, tanto como o que se atopa no Diccionario Histórico de la Lengua Española: «Farol, hablador, persona de mala facha para todo.», queda abondo claro que, previo ó orixe da lenda, e a pesar do cariño con que é tratada nela a súa persoa, o Altruán non debía de ser moi ben considerado.
O resto, sería historia. Unha historia que leva mesmo a que Clube de Piragüismo de Ribadeo leve como nome o seu alcume, ‘Altruán’.
Hai máis datos soltos da súa vida. Algún deles con base certa, outros, máis a dubidar. Así, sabemos que o seu barco foi nomeado ‘Don Celestino’. A lenda que nos chegou indica tamén que morreu dunha enchenta de mazás no que hoxe é o bar Marinero.
En conxunto pinta un home do que non estaría mal saber algo máis, pero do que parece que a súa ‘importancia’, encumada polas imaxes como a de Benito Prieto Coussent no salón de plenos do concello de Ribadeo, non anima ós historiadores a mergullarse e procurar a súa partida de nacemento e de aí, construír unha historia con máis detalle que os indicios e lendas van deixando na mente popular. Aínda que si, se queres algo máis podes atopar en lugares como https://atalaiaribadeo-atalaia.blogspot.com/2010/10/el-altruan.html, https://archive.org/stream/Leoplan2214Agosto1943/Leoplan – Agosto%201943_djvu.txt ou https://alejandrosela.es/category/faro-de-tapia

“Un lobo marino” 1927.
O Altruán en Ribadeo. Sentado no agora chamado “Banco das mentiras” .
Portada da Revista Céltiga n° 68.
Fotógrafo: Pascual Fernández Moreno (https://www.facebook.com/groups/864290496922149/posts/9400322229985557/)
