
Sobre a Sanidade en Ribadeo, hoxe:
LISTAS DE AGARDA NO CENTRO DE SAÚDE DE RIBADEO
Nota de prensa
Aínda que non deixa de ser de dominio público, dende o noso grupo quixeramos comunicar que cando isto escribimos, temos noticia de que nas últimas 48 horas dúas persoas adultas con total autonomía e perfectamente capacitadas pediron consulta para Atención Primaria no Centro de Saúde de Ribadeo a través da páxina Web do Sergas. Nun dos casos a resposta foi que non se lle podía dar cita e que se presentase persoalmente no Centro para pedir a consulta, mentres que no outro caso a resposta foi que lle daban cita para o 23 de xaneiro, case tres semanas despois. Comentado o tema con persoal sanitario comunícannos que estes días dispoñíase de dous médicos en consultas e eso era o que se agardaba para o luns 5 de xaneiro.
Son datos concretos da primeira semana de xaneiro que non fan senón confirmar o que ven sucedendo dende hai varios anos e agudizándose progresivamente segundo vai pasando o tempo e van chegando as xubilacións que obviamente son coñecidas de antemán e non se substitúen co persoal médico necesario. Esta realidade é de sobras coñecida, como as promesas da Xunta de Galicia e do Alcalde de Ribadeo de que sería corrixida tras os seus contactos e negociacións coas autoridades da Consellería de Sanidade. Promesas obviamente incumpridas ao longo de varios anos e deixando que as cousas se agraven cada vez mais.
Pois ben, neste contexto estamos cando o pasado 23 de decembro o Concello de Ribadeo aproba en pleno un novo trámite para ceder á Xunta uns terreos veciños da Estación de Servicio do xardín, suponse destinados á construción de un novo Centro de Saúde. Na páxina de publicidade, o novo centro vai resolver moitos problemas, vai ter unha chea de consultas e aparcamentos, pero de resolver a cuestión clave, a falla de persoal sanitario, nin unha soa palabra. Podemos deixar de lado, por un momento, a falcatruada de levar o centro de saúde a 1 km do actual, nos arrabaldiños de Obe e nunha zona perigosa e embutida de automóbiles todos os días do ano. Podemos arrombar por un intre os graves danos que esta decisión, puramente política, vai traer para as persoas usuarias dos servizos sanitarios, maiormente para as da terceira idade e para as mais noviñas e as súas familias. Podemos silenciar o custo irresponsable e dilapidador dos fondos públicos nun proxecto antisocial e antipopular trufado de intereses particulares e de demagoxia política. Podemos calar todo iso e máis, pero non podemos, nin poden os promotores, disimular o feito incontestable de que non son capaces de xestionar o funcionamento da consultas dotándoas do persoal necesario e que un mes tras outro a infamia repítese e as consultas do centro actual, a maior parte de elas, carecen de persoal asistencial e os retardos para unha primeira consulta xa chegan a mais de vinte días. Non hai que ter pouca cara para darnos verzas podres para facer o caldo.
Isto e ben sabido, e chamamos ás ribadenses e aos ribadenses de todas as idades e condicións a reaccionar diante desta tomadura de pelo que antes ou despois vainos afectar a todos e a todas e particularmente agravar os atrancos na saúde das persoas afectadas. Pero temos que rematar este escrito denunciando a desculpa universal de que non hai médicos apelando a datos obxectivos de última hora. Véxase: o Ministerio de sanidade acaba de publicar o dato de que para a última convocatoria de prazas de Médicos Internos e Residentes (MIR), cuxos exames Terán lugar o próximo día 24 de xaneiro presentáronse 17 553 solicitudes, ou sexa que ese é polo menos o número de médicos e médicas que non teñen un posto de traballo fixo no estado español a día de hoxe ou que queren mellorar o seu status actual polo tanto poderían ser candidatos a ocupar unha desas vacantes que a Xunta de Galicia eterniza por razóns non desveladas aínda que doadas de recoñecer: desprestixiar e desmantelar o sistema público para pasalo ás mans dos bancos e dos negocios privados. Pero ademais hai que ter en conta que eses 17 533 profesionais que se presentan ás prazas MIR non son máis que unha parte dos que se poden atoparse no paro ou en situación de precariedade laboral e non ven o seu futuro no MIR polas diversas circunstancias particulares de cadaquén, ou afectados por outros factores sociais ou familiares ou simplemente que se foron a Portugal ou outras zoas de España ou do estranxeiro e que voltarían a Galicia a pouco que a política de persoal da Xunta lles dese un mínimo de estabilidade laboral e traballo con dignidade profesional, que son as causas principais da diáspora médica que a Xunta provoca cas súas políticas.
O problema sanitario crónico de Ribadeo, polo tanto, non é de edificios senón de persoal, e a iso a Xunta e o Sr. Alcalde non dan ningunha resposta.
Plataforma pola Defensa das nosas Árbores
Ribadeo 7 de xaneiro de 2026
