XADREZ CORUÑÉS
No segundo andar do céntrico e herculino Café Macondo, reúnese un grupo de saudadosos e veteranos amigos amantes do xadrez e vencellados a esta sección (dependente do futbolístico e branquiazul Depor) que foi creada en 1965 e desapareceu en 1992. Lembran que os torneos se realizaban nos sotos do estadio de Riazor e que a árbitra María del Carmen Fernádez foi a responsábel de que as rapazas se achegasen non soamente ao campo mais tamén ao taboleiro, xa que daquela o xadrez tamén era aínda unha disciplina estrictamente masculina. Ela foi ademais a que logrou traer á Coruña (hai agora corenta anos) a lenda soviética Karpov aproveitando que tiña un torneo en Ourense. No Casino da cidade xogou (e mesmo perdeu) con algún dos fachendosos seareiros que se reúnen aínda hoxe grazas á súa xubilación e ao retorno ás súas raíces despois de estar moitos anos lonxe delas por motivos familiares ou laborais.

Algúns deles mesmo deixaron as figuras negras e brancas de lado durante décadas até que, coas novas aplicacións de xogos para móbiles, voltaron familiarizarse co rei e a raíña aínda sendo, en certos casos, republicanos. Con morriña lembran cando antano, nos longos e tensos campionatos, moitos dos participantes consultaban os manuais de xogadas maxistrais ás agochadas coa desculpa de iren un momento ao baño.
Todos eles gardan na súa memoria con moitísimo agarimo o finado Domingos Merino, grande afeccionado e primeiro alcalde democrático (e galeguista, pertencente á extinta Unidade Galega do imprescindíbel Camilo Nogueira) da cidade despois da ditadura. A súa paixón por este xogo era tal que no seu retrato oficial conservado no consistorio aparece posando orgulloso para a posteridade cun taboleiro de xadrez ao seu carón, case como se fosen as medievais armas dunha antiga liñaxe e dun nobre brasón.
