FIDALGUÍA (I)
UN MANUSCRITO INÉDITO
Pancho Campos Dorado
Esta historia comeza a finais do ano 2006. Á morte de María Docobo González (f.8-Dec-2006) muller de Narciso Dorado Dorado, primo carnal de miña nai Inés Dorado López, el, fillo de Narciso Dorado López, patrucio da “Casa do Páxaro” da Áspara, e Inés, filla de José Ramón Dorado López, “O Heredeiro”, ambos os dous de San Miguel de Reinante.
Aos poucos días do óbito de María, fun visitar unha vez máis a meu primo segundo Narciso “O Novo” e a seu pai. Narciso pai, fixo café para os tres que sentados á mesa do comedor, lembramos a triste e repentina perda que sen ningún tipo de aviso se presentara na familia. Emotivos momentos pero sen solución algunha, pois cando as cousas pasan, pasan!. Quizais os familiares e amigos non se van realmente, pois quédanos a saudable nostalxia de que para nós pasan a ese chamado “estado da cuarta idade”, onde “os vivos”, expresamos xestos, accións ou ditos de calquera deles, recordos inesquecibles que lembramos e lembraremos mentres vivamos.
Despois daquela entrañable lembranza, Narciso pai, subiu ás habitacións do primeiro andar, e baixou un libro con tapas de coiro suave, ennegrecido, sen ningún título nin cabeceira algunha. Pola encadernación, claramente artesanal, tiña pinta de ser antigo. Non se podía abrir, así como así, pois as páxinas estaban pegadas unhas a outras pola humidade e tamén mostraba algúns sucos da couza polos cantos da cuberta. Pregunteille que era aquelo, e díxome que era un libro que estivera no sobrado da casa “desde sempre”, e que por desgracia cadroulle ter estado nalgún tempo baixo unha goteira. Falárase algunha vez entre os vellos da casa, que era un libro importante da familia, pero a día de hoxe sen saber por qué, pois facía anos que non se podía abrir para lelo, e ninguén se tomara o traballo de abrilo por ter medo a desgracialo.
Díxome de si eu quería tentar abrilo para poder ler o que poñía. -Por suposto que sí!. Collín o libro como quen colle un ovo sen casca, e boteille unha ollada ás tapas, e con sumo coidado abrín a tapa que parecía ser a de arriba, e vimos que se trataba dun manuscrito. A tinta estaba esvaecida e líase moi malamente algunha que outra letra da primeira páxina, que estaba roída pola parte alta prolongándose a desfeita nunha especie de triángulo escaleno, con dous vértices na parte alta e un vértice case a metade de páxina. Era como un cráter, que afectaba en maior ou menor medida a todas as páxinas, que se formou onde debeu estar caéndolle a gota da goteira. Díxenlle a Narciso que volvería en días sucesivos con algo de material apropiado para ir abrindo as follas unha a unha e tratar de non rompelas, pois estaban moi pegadas e non ía ser fácil ir despegándoas sen resgalas ou destruílas.

Ao día seguinte pola tarde, logo da hora da sesta de Narciso, chegueime á Casa do Páxaro. Narciso fixo o café, algo ritual despois da sesta, e eu púxenme a despegar aquela primeira folla. Con sumo coidado e axudado dunha lámina metálica de moi pouco grosor, delgadiña, longa e estreita a modo dun coitelo de liscar o xamón, fun introducíndoa entre as dúas primeiras páxinas milímetro a milímetro, soerguendo a primeira cunha pinza de bocas de pato anchas e, á súa vez, a medida que avanzaba tamén metía un folio para ir encamando a folla desprendida. Logo de tempo abondo, fun capaz de desprender aquela primeira folla, e vin que estaba manuscrita polos dous lados con tinta que mostraba tonalidade azul, moi esvaecida polos anos e as malas condicións de conservación que padecera o libro.
A páxina pola parte alta da primeira plana estaba literalmente ilexible nas liñas iniciais pois faltaba un cacho, pero máis abaixo aparecían palabras inconexas, a un e outro lado do cráter, e unha data escrita:

“xurisdi / ción …. de la…. Rivadeo a / zinco días del mes de octtu / bre de mill settecientos cin / quenta y ocho [5-Outubro-1758], yo escrivano / por fee dillixencia y zertifica / ción havia benido a esta casa di / cha Casa y en ella encontra / do a Don Vicente Luís Taboa / da cura y rector propio de la / citada feligresía a quien con / toda urbanidad manifestte”.
O relatado non nos daba a coñecer a que puidera referirse tal descrición. Deixei a páxina entre dous folios, para que en futuras manipulacións non fixera falta tocarlle, pois podíase voltear tocando só os folios. Un documento manuscrito do século XVIII en aquelas condicións, eu nunca o tivera entras mans e facíame tremer un pouco para non estragalo.
Na volta desta primeira plana, que obviamente tampouco era posible lela desde o principio, pois faltáballe un cacho, dicía:
“yendo que…./ los libros de…./ dos de estta…./ parroquia….com / pulsar la …. de Casamiento de Don Joseph López Po / lido con ….Doña / María Ana López Zid y la / de su hijo que tienen llama / do Domingo Joseph Ló / pez Polido. Ygualmente la / de otra hixa llamada Doña / Agustina Antonia López / Polido y las deestos dos ulttimos / por lo que respecta a las de sus / Bapttismos mediante el llama / do Don Joseph López Polido /”.
O de López Polido xa nos sonaba. Era un documento familiar pois meu avó e tódolos irmáns, eran López e sabíamos polas escrituras testamentarias que Dolores, súa nai, chamábase Dolores López Polido y Pérez Moreda, ambos os dous apelidos dobres. Pero nin Narciso, nin eu víramos en ningures documento parecido. Habería que ir descifrando páxinas ate atopar algo relevante que nos dera unha pista para entender o documento.
Nas seguintes páxinas seguían aparecendo actas matrimoniais de diversos membros da familia López Polido cos nomes das testemuñas e do cura que os casara, así mesmo, actas bautismais de pícaros e pícaras tamén da mesma familia, cos nomes dos padriños ou só dunha madriña e sen padriño.
Chegados á páxina oito, atopamos a Partida seguinte:
“…En quince de henero deestte / año de mil seiscienttos sesen // tta y uno digo nobentta y uno [15-Enero-1691] / vapttizé un hixo de D. Juan / Polido y desu mujer Catthali / na Fernandez hubo por nom / bre Juan fueron sus padri / nos Don Gaspar de Lamas / cura de dicha feligresía y / Ana González mujer de /”.
Ou sexa estábamos falando tamén de actas ou partidas do sáculo XVII. Nós, cada día estabamos máis intrigados de que era aquela listaxe de persoas, e para que servía tal recompilación de datos.
Na páxina doce, outra Partida dicía

“ …en a Juan …. / por hixo de …. / …. entoria ….su hixo le / xítimo y de Rosenda Fernan / dez su segunda mujer a Jo // seph López y de Josepha / López su tercera mujer a Do / mingo y a Juan Ramón Ló / pez Polido y de Josepha López / quarta mujer a Angel y / Francisco López, Juana, Ber / narda, María, Anttonia, The / resa y Rosa López concluien / dichos padrones con las firmas / siguienttes: Alfeiran = Al…. / Fernando Santtar, Juan Fer / nandez Maseda = ante-mí /”.
Ou sexa que Juan López Polido, casouse catro veces, e seguíamos sen saber, quen era aquel Juan e, qué nos era a nós?
Levaba case dúas semanas indo a diario ver a Narciso, e despegando e transcribindo o que podía ler axudado dunha lupa. No fin de semana fun a A Coruña, e merquei unha lámpada de luz ultravioleta como as que se usaban para ver posibles falsificacións nos billetes de banco. Ao luns seguinte, volvín tomar o café con Narciso e seguín despegando e transcribindo as páxinas do manuscrito, agora de modo máis doado, pois a luz ultravioleta resaltaba a esvaecida tinta e líanse mellor as palabras, por suposto, sempre axudado de lupa e da luz complementaria dun flexo.
Chegados á páxina trece, dicía:
“estado xeneral …. / noble don …. / tar y Don Fer[nando González / Santar vezi …. / jurisdición ….[Cu]belas pa[rtidas] / y cláusulas …. / en dicho [padrón] de nobles de Calle y Casa …. hay una (Partida) deel / thenor siguiente = Así mis / mo reconocen a Juan López / Polido de Hixodalgo de Carta Executoria ttiene por su hi / xo lexítimo y de Rosenda / María digo Fernandez / su segunda muxer a Joseph / Lopez Polido y de Josepha Ló / pez su ttercera mujer ttiene / por sus hixos lexíttimos a Do /”.
Seguindo na páxina catorce:
[mingo]…. / Juan López [Polido y de] / Josefa López su / [cuarta muj].er tiene por sus / hixos lexítimos a Anxel a Juana concluien / las partidas de dichos padro / nes Joseph Anttonio / Salgado y Benitto Ro / driguez; Antonio Fernan / dez de Maseda; Juan Fernan / dez Maseda y Fernando Gon / zalez Santar = Marcos Gon / zalez Santar: anttemí Pedro // Francisco Bizoso = encontro / se en la referida arca otro / padrón de nobles y servicio / hordinario echo y formado / según suena ttener princi /”.
Vaia. Ou sexa que o tal Juan que se casou catro veces, era fidalgo. Narciso e eu mirámonos, sen saber que dicir, e sorríamos pois nunca souberamos tal cousa de que tiñamos na ascendencia familiar algún fidalgo. A min ninguén mo falara, nin xamais escoitara algo do tema.
Na páxina vinte e unha, e na vinte e dúas volta, reiterábase o de Juan como Hixodalgo de Carta Executoria e na páxina vinte e oito, moi desfeita ate a liña terceira, está a Partida:
“.. deel mes de / marzo de el año mil y seis / cientos sesenta y tres años [año 1663] / yo Don Antonio Pardo de / Tobar y Aguiar prior que soy / destte Prioratto y feligresia / de San Juan de Obe Vapttize / un niño hixo lexítimo de / Don Juan Lopez Polido difuntto /”.
Vimos que as freguesías onde se desenrolaban as partidas de bautismos e casamentos eran as de San Juan de Obe, San Vicente de Cubelas e San Xulián de Cabarcos, lugar de Vilamartín Grande. Por outra banda, falaba de que as sentencias e executorias de Fidalguía se emiten en audiencia pública na Chancillería de Valladolid en 1587, e en Medina del Campo en 1602 e 1603.

O documento continuaba describindo aos membros da familia unha e outra vez ate a súa páxina final, a setenta e oito volta. E nós sen saber aínda que era todo aquelo e para que servira.
Propúxenme pescudar que había de certo no documento e para iso tería que ir ás orixes, ás igrexas que estaban nomeadas nel. Sabía que ía ser un traballo longo, pero tamén era una forma de distraerme, pois ese mesmo ano de 2006, finais de Febreiro, quedei inhabilitado para navegar despois de terme posto un “stent” na coronaria dereita do corazón, o cal é considerado un accidente laboral, que me inhabilitou para o traballo no mar de por vida.
Foi algo moi pesaroso para min, pois dedicara toda a miña existencia laboral ó mar, unha paixón vocacional indescritible, e que se truncaba de repente sen darche tempo a ir pensándoo. Levaba desde o primeiro embarque en maio de 1971, no pesqueiro “María Irene” de Ribadeo, de Genaro do Circo de Vilaselán e de Justo do Campanillas de Cabanela, até febreiro de 2006, 35 anos menos tres meses dedicado a vida marítima. Acababa de cumprir 54 anos, e tiña por diante un ano de convalecencia ó cabo do cal, retiráronme con 55 anos. Unha idade que me tiña que corresponder por tempo cotizado, pois naveguei máis do 90% das veces en barcos con un coeficiente do 1,3 e 1,4 por ano navegado, incluso fixen dez meses de mili nunha fragata, que tampouco entrou nos anos de cotización na vida laboral. Deixáronme unha pensión do 75% pois ese coeficiente en barcos estranxeiros non se me recoñeceu, o que equivalía a máis de 42 anos cotizados. Sempre me obrigaron a pagar na Declaración da Renda como si de barcos españois se tratara, pois non podía rebaixar nos barcos de bandeira estranxeira aquel 15% que lles correspondía aos emigrantes, por non poder xustificar aquel terceiro punto da norma, de que tiña que ter residencia no estranxeiro, pois un barco non ten “residencia”, como sí podía facer calquera emigrante en terra, pois ten dirección domiciliar. Así as cousas. No gremio mariñeiro, non hai folgas e paros reivindicativas dos nosos dereitos laborais, polo perigoso e duro traballo, pois ao estar espallados por todo o mundo, non hai maneira de xuntarnos, e así nos vai a hora real de facer contas.
Pois ben. Naquel traumático momento estaba embarcado e descargando produtos refinados de petróleo no peirao de A Coruña e tiven que desembarcar de urxencia por un principio de anxina de peito, e que por medio de cateterismo se descubriu a obstrución case completa da coronaria dereita, 99,9 % di o diagnóstico. Estaba a punto dunha morte súbita por parada cardíaca.
En fin, a miña saúde condicionábame a non facer esforzos físicos pero permitíame facer traballos de escritorio. Estaba libre para poder indagar qué era este documento e a onde nos levaría.
Eu estaba sabido de como se facía unha árbore xenealóxica, e as dificultades que iso tiña, pois xa comezara a facer no ano 2003, a recompilación parcial da familia de miña avoa materna, Remedios López Huerta. A historia familiar dos HUERTA AZA, fora iniciada por Doloris Huerta Peterson (Doloris Lloyd, de casada) que naceu no seu rancho de Oregón, nos Estados Unidos, filla de Manuel Enrique Huerta + Daisy Peterson, neta de Manuel Huerta Aza + Enriqueta Haskell Almada. Manuel Huerta Aza era irmán de Carme, miña bisavoa, nai de Remedios, oriúndos de Meira e Bretoña, da familia Huerta Yañez e dos Aza Vigil de Pola de Lena, de onde viñera Florentina, miña tataravoa materna, que acompañaba ao seu tío, o Freire Benito Aza González, da Orde de San Bieito ou de San Bernardo, pois ámbalas dúas ordes monásticas foron de dita igrexa de Meira, a que Benito estivo rexentando dende o 22-Decembro-1858, até o 29-Setembro-1886, segundo o Libro de Matrimonios Nº3 (1818-1900) de Sta. María de Meira dende o folio 86, até o folio 147. Esta rama familiar téñoa desenrolada en un apartado aparte da nosa familia.
Á vista do documento da Áspara, establecemos un método de traballo para a busca das probas que nos deran a coñecer a súa autenticidade. En primeiro lugar recompilei cronoloxicamente os nomes e apelidos dos matrimonios e dos nenos e nenas bautizados que se describían no documento, incluíndo a freguesía e a igrexa na que foran casados e bautizados, padriños que participaran nas cerimonias, número de folio si se describía e todos os datos que eran relevantes para descifrar os asentamentos.
Para verificar e corroborar os datos, había que atopar as actas bautismais, matrimoniais e de defuncións, e para iso había que ir ás igrexas. Pero na antiga provincia de Mondoñedo, temos a sorte de que o bispado, recompilou e concentrou todos os libros das igrexas e capelas da súa xurisdición bispal, no Arquivo Diocesano de Mondoñedo, polo que era cuestión de tempo o ver de localizar todas as actas descritas no documento da Casa da Aspara.
Foi unha labor de dous anos de viaxes a Mondoñedo, para revisión folio a folio, dos libros das igrexas, e de ir integrando escrupulosamente no seu contexto unhas actas con outras, o que non é doado de facer nun principio, pero como López Pulido todo xunto, é un apelido único da nosa familia en esta zona, pouco a pouco se foi formando unha árbore xenealóxica incrible de grande, pois recollemos a todos aqueles que relataban os libros co apelido López Polido ate buscar o entronque principal da nosa familia directa.
Si se quixera ampliar o abano familiar que nós temos, faltarían por revisar pormenorizadamente multitude de ramas de casamentos de irmáns e irmás, pero isto requiriría varios anos máis de revisión, pois hai que ter en conta, que no século XVIII soamente os descendentes por liña recta de varón son os que levan o apelido en primeiro lugar, pois as fillas levaban o apelido da nai e poucas veces se menciona o segundo apelido, polo que ante, por exemplo: un apelido Rodríguez, López, Pérez, Martínez, etc. hai que revisar todo o texto para ver de saber o nome do pai e avós, o que representa revisar absolutamente o texto completo de todas as partidas de bautismo, matrimonios e defuncións de todas as mulleres que aparecen co mesmo apelido en todos os libros, algo que require unha inxente labor de tempo e de esmero, para non confundir unha familia con outra do mesmo apelido, pois moitas veces están os nomes dos pais pero non os dos avós, e nalgúns casos é imposible saber de certo a ascendencia, pois pode saltarse da rama dun irmán a outro, ou dalgún primo, ou dun alleo co mesmo nome e apelidos.
Os libros que consultamos foron 33, con centos de folios, e folio a folio. A revisión de tanto libro parecería que fora de fastío e canseira, pero non, a pescuda cada día volvíase máis interesante, pois íamos atopando nas igrexas respectivas os nomes dos matrimonios e dos bautismos que se describían no documento da Áspera. Unha vez descubertas as primeiras decenas de coincidencias, e comprobado sobradamente que o que se relataba no documento era exactamente igual, copia das partidas que se relataban nos libros da Igrexa, soubemos de certo que o documento era verdadeiro sen dúbida, non era unha falsificación, e queríamos saber para que tiña servido.
Ó levar máis de dous meses indo o Arquivo Diocesano, que só abre polas mañás tres horas, tres días á semana, un colle certa confianza con outros asiduos investigadores, e a “Cidre” (don José Isidro Fernández Villalba) un habitual investigador que busca árbores xenealóxicos por encargo dalgunhas familias (ademais de axudar nas buscas a don Félix, o arquiveiro xefe), pregunteille que podería ser aquel documento. Despois de comentarlle a busca que eu estaba facendo, díxome que o documento que tíñamos na Áspera era unha Cédula de Nobreza de Sangre, tamén chamada Cédula de Puridade, pois entre os séculos XVI e XVIII esixíaselles ás persoas que quixeran acceder a cargos públicos ou a confrarías, pois non podían ter ascendencia xudía nin musulmá.
Moito máis tarde, souben que este tipo de cédula se lles esixía aos cabaleiros fidalgos cando se cambiaban de localidade para ir a vivir a outra poboación, xeralmente debido a que se casaban cunha muller doutra freguesía. Era tal o número de cédulas de fidalguía falsas, que había un decreto real que esixía aos fidalgos de esa nova poboación, que para admitir a un foráneo no seu Padrón de nobres, e concederlle os privilexios de tal, lle obrigaran a facer un Preito de Fidalguía que pasaba a ser revisado na Chancillería de Valladolid ou na de Medina del Campo, a finais do século XVI, que tiñan a potestade de conceder unha Carta de Provisión, con a cal un escribán do rei ou de número, a quen o fidalgo contrataba e lle pagaba, ía pescudando polas freguesías das parroquias os datos dos ascendentes e as súas orixes cristiáns, así como revisaban os padróns de nobres e ordinarios, para conseguiren unha definitiva Real Carta Executoria de Fidalguía que concedían os “Alcaldes dos Hixosdalgo”, na Chancillería de Valladolid.
A Carta Executoria eximíaos de pagar “pechos de pecheros”, e os confirmaba como cabaleiros Fidalgos de Sangre e de Carta Executoria, quedando exentos de pagar impostos ordinarios, e tiñan o privilexio do tratamento de “Don”, e podían dedicarse a cargos administrativos civís e poder empadroarse en confrarías eclesiásticas, cousa que por aquel entón críase que era moi importante para a “saúde na vida eterna e celestial”. Os cabaleiros fidalgos, contribuían ao Estado con pagos establecidos para o seu cargo, así como, tiñan que presentarse ante o Rei ou ó seu representante, no caso de ser chamado a defender algunha liorta, cousa que era bastante frecuente.
O camiño das pescudas eclesiásticas comeceinas na freguesía de San Juan de Ove. No primeiro Libro de Bautizados, Casados e Velados (1628-1708), só atopei o falecemento de Juan López Polido (f.24-agosto-1663; Folio 147)
Pasei ós libros de bautismo de San Xulián de Cabarcos, empezando polo máis moderno, o número 4, e seguindo co nº3, Nº2 e o Nº1 que abranguen Bautismos dos anos 1590-1595-1606-1611-1668 // de Matrimonios 1612 // de Velados de 9-setembro-1578 a 1606-1676. Seguidamente tamén revisei os libros de Bautismos Nº1 (1547-1683) e nº2 (1683-1724) de San Xusto de Cabarcos.
Foi un auténtico pracer, atopar tanta ascendencia, e chegar a un fillo de Juan López Polido de San Juan de Ove, casado con Dª. María González, outro Juan nomeado “el Viejo” que naceu o mesmo ano en que faleceu o pai (n.1-marzo-1663), quen se casou con Catalina Fernández, e tiveron un fillo a quen nomearon tamén Juan, “el Nuevo” (n.15-xaneiro-1691).
Rexistrados e situados na árbore xenealóxica a todos os López Polido das freguesías de San Xulián e de San Xusto de Cabarcos, lugar de Vilamartín Grande, comecei cos libros de San Vicente de Cubelas. Libro de Bautismos Nº1 (1809-1830) abrangue Cubelas, Vilela e As Anzas. Neste libro Nº1, faise mención a que os franceses na Guerra da Independencia, prendéronlle lume ós Arquivos da Igrexa de San Vicente de Cubelas. Dito acontecemento está descrito no folio 274-V, no asentamento de 19-Abril-1818, que fai D. Manuel López Pulido, ó relatar a súa Partida de Bautismo, que tivera lugar en 7-Abril-1797. D. Manuel e D. Bernardo López Pulido, ambos os dous, este tío e aquel sobriño, foron diáconos e presbíteros de S. Vicente de Cubelas, entre 14-Xuño-1816 até o 15-Setembro-1830, como queda reflexado neste Libro de Bautismos Nº1. O Libro de Bautismos Nº2 (1830-1851) abrangue as parroquias de San Vicente de Cubelas, Vilela e As Anzas, ó igual que o Libro de Matrimonios Nº1 (1809-1851). Había moitas descricións de fillos e matrimonios, que ían encaixando cos membros xa descritos nos libros de Cabarcos, e moitos deles coincidían coas descricións da cédula de puridade.
Seguidamente cheguei aos libros de Bautismo, Matrimonios e Defuncións de San Miguel de Reinante. Se foran abundantes as referencias de San Xulián de Cabarcos e de San Vicente de Cubelas, non foron menos as de San Miguel, dado que aquí estaban todos os membros que sí coñecíamos e que eran descendentes directos dun dos fillos de Juan López Polido “O Novo” e a súa terceira muller, Dª. Josefa Díaz de Aguiar, filla de José Felipe Cid e de Beatriz Díaz de Aguiar, a quen lle dan como dote e como parte da herdanza, 400 ducados segundo documento de 21-Agosto-1734, selo cuarto de Felipe V, o que equivalía a unha verdadeira fortuna naquela época, xa que 400 ducados equivalían a 150 000 marabedís = 2 490 000 pesetas do ano 2000.
Juan + Josefa, resultaron ser nosos 6º avós por liña paterna, e José Felipe + Beatriz os 7º avós por liña materna.
(Continuará).
